[13-01-2016] A presentación do Concello de Ames á primeira convocatoria para a selección de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado DUSI, foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado onte. O asunto foi levado a pleno pola vía de urxencia a través dunha proposta da alcaldía, dado que o prazo para presentar a candidatura remataba hoxe. De ser elixido, o Concello, que presenta a extratexia baixo o nome de “Impulsa Ames” e que recolle o proxecto na páxina Ames 2020, podería recibir de aquí ao ano 2022, 9.750.000 euros procedentes, na meirande parte, de fondos europeos. A sesión plenaria de onte correspondía á de decembro de 2015 e foi posposta por acordo de todos os grupos, dado que a data de celebración coincidía co día de fin de ano. O pleno abordou tamén mocións presentadas polo BNG, Ames Novo, Ciudadanos, PP e Contigo Pódese que quedaran pendentes do exercicio anterior. Todas elas saíron adiante.
A presentación da candidatura do Concello de Ames á primeira convocatoria para a selección de extratexias de Desarrollo Urbano Sostible e Integrado, cofinanciadas polo programa operativo FEDER de crecemento sostible foi exposta polo alcalde de Ames, José Miñones, quen dixo que se trataba dunha “oportunidade única” para o municipio. Miñones argumentou as razóns da urxencia e que o asunto non pasara por comisións no feito do pouco tempo co que se contou para preparar o proxecto, dado que a convocatoria abriuse o 17 de novembro e a empresa encargada de redactar o proxecto aproveitou ate o último momento para traballar na iniciativa e presentouno o venres, 8 de xaneiro, pola tarde. O alcalde explicou tamén que, aínda que o asunto non precisaba de acordo plenario para saír adiante, “dado a magnitude do proxecto, e por cuestións de transparencia”, o goberno preferira levalo a pleno. A proposta foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos, agás o Partido Popular que se abstivo.
O proxecto, recollido na páxina Ames 2020 que se habilitou para que a cidadanía achegara propostas, consiste nun plan de base integrado e a longo prazo que marcará a ruta do desenvolvemento amesán nos vindeiros catro anos. Este proxecto presentarase á convocatoria de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI) do Fondo de Desenvolvemento Europeo (FEDER). O ámbito da actuación DUSI será a totalidade do concello de Ames, dado que se quere dar respostas integrais a problemas que afectan o concello en toda a súa extensión. As actividades fundamentais realizaranse principalmente nos dous núcleos urbanos principais (Milladoiro e Bertamiráns), así como nas contornas con maior significación ambiental e turística relacionados directamente con eles.
A estratexia "Impulsa Ames", que é o nome do proxecto, parte da necesidade de aproveitar a oportunidade dos fondos FEDER para xerar unha verdadeira estratexia de crecemento para un municipio que, pola súa posición privilexiada na coroa metropolitana de Santiago e a súa calidade demográfica no contexto galego, debe de exporse a consolidación e conectividade dos seus núcleos urbanos como único camiño para xerar unha trama urbana de calidade, inclusiva e integradora socialmente e que sexa moito máis eficiente desde un punto de vista enerxético e de gasto público.
A estratexia completa supón un importe de 9.750.000 euros, no horizonte temporal de 2022. Aínda que o plan de implementación tería un custo de 6.250.000 euros. Para alcanzar este orzamento estímanse que é necesario obter 5.000.000 euros, a través das achegas FEDER, mentres que a contía restante, que ascende a 1.250.000 euros, tería que obterse a través de axudas doutras administracións ou mediante fondos propios do Concello.
O pleno resolveu as mocións pendentes do 2015
O pleno abordou tamén seis mocións presentadas presentadas polo BNG, Ames Novo, Ciudadanos, PP e Contigo Pódese que quedaran pendentes de plenos desenvolvidos no ano 2015.
Tratouse unha moción do BNG sobre unha proposición de lei, por inciativa lexislativa popular, de medidas para garantir a a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética. A moción foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos da corporación, agás o Partido Popular que votou en contra.
Pola súa banda, O grupo Iniciativa Cidadá Ames Novo presentara no mes de outubro unha moción para aprobar as mobilizacións convocadas polas Marchas da dignidade e adherirse ás reivindicación desta plataforma que esixen “o remate das políticas que agriden á maioría social golpeada pola chamada crise”. Esta moción foi aprobada cos votos a favor de PSOE, Ames Novo; Contigo Pódese e BNG, a abstención de Ciudadanos e Pacto por Ames e o voto en contra do Partido Popular.
Pendente de resolución quedara tamén a moción presentada polo grupo de Ciudadanos Ames que instaba ao pleno a reclamar a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos a apertura en horario de tarde da oficina de Correos do Milladoiro e máis persoal tanto para a oficina do Milladoiro como para a de Bertamiráns. Esta moción saiu adiante por unanimidade.
O grupo municipal Contigo Pódese presentara para o pleno do mes de novembro unha moción contra a Lei de Protección da Seguridade Cidadá, a chamada Lei Mordaza, que no pleno de onte foi aprobada cos votos a favor de Contigo Pódese, PSOE, BNG e Ames Novo, a abstención de Pacto por Ames e os votos en contra do Partido Popular.
Quedara tamén pendente de debate e resolución unha moción do Grupo do partido Popular a través da que se pedía o compromiso do pleno para levar a cabo actuacións de coeducación en colaboración cos centros educativos e instar á Xunta de Galicia a elaborar un plan de Igualdade no ámbito educativo, co obxectivo de que sirva de referente a toda a comunidade educativa en materia de coeducación e prevención da violencia de xénero. Esta moción tamén foi aprobada por unanimidade despois de que, a instancias de Ames Novo, se cambiara “violencia de xénero” por “violencia machista”.




