[26-02-2011] A corporación municipal aprobou por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal nacionalista para buscar unha solución á falta de prazas no CEP de Ventín. Deste xeito ínstase á Xunta de Galicia para que busque unha solución a esta problemática que afecta a varias familias do Milladoiro que para o vindeiro curso non teñen onde escolarizar aos seus fillos. O que terá que agardar novamente para ser aprobado é a ampliación do servizo público de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. O grupo municipal popular presentou unha emenda para deixar este punto encima da mesa, xa que consideran que a ampliación deste servizo, que inclúe un novo grupo de rúas, espazos públicos e parques infantís, débese sacar a concurso. A emenda foi aprobada cos votos a favor dos sete concelleiros/as do PP de Ames e dos cinco concelleiros/as do BNG. O grupo municipal socialista votou en contra desta emenda. Os demais puntos que recollía a orde do día foron aprobados pola corporación municipal.
O Pleno ordinario do mes de febreiro xirou arredor de tres temáticas. Por unha banda a corporación municipal aprobou unha moción para instar á Xunta de Galicia a que busque unha solución ante a falta de prazas escolares para o vindeiro curso no CEP de Ventín. Outro dos principais asuntos que se abordaron no Pleno ordinario do mes de febreiro foi a ampliación do servizos de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. Ademais houbo que debater varios temas de carácter económico que foron aprobados pola corporación municipal.
Aínda que foi un dos últimos puntos que se trataron na sesión plenaria de febreiro, a moción que presentou o grupo municipal nacionalista para buscar unha solución ante a falta de prazas escolares para o próximo curso no CEP de Ventín, centrou boa parte do debate da corporación municipal.
Varios membros da ANPAS e da comunidade educativa do Milladoiro esperaron pacientemente ata arredor das 23:10 horas para poder asistir ao debate desta moción. Finalmente, a corporación municipal aprobou por unanimidade a devandita moción a través da cal se insta á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que busque unha solución acordada coa comunidade educativa do Milladoiro (cos centros educativos e coas ANPAS) para que algúns dos nenos e nenas que rematan o ciclo de infantil na EEI Milladoiro dispoñan dunha praza escolar no CEP de Ventín. O grupo municipal popular presentou unha emenda a esta moción que se engadiu ao texto inicial presentado polo grupo nacionalista galego. O Pleno aprobou por unanimidade tanto a emenda como a moción.
Anteriormente, ás 20:30 horas, varios membros das ANPAS dos centros de ensino do Milladoiro xuntáronse diante das portas da Casa do Concello para reclamar que se adopten as medidas necesarias para dotar á localidade do Milladoiro de máis prazas escolares nos centros educativos desta localidade.
Ampliación do servizo de limpeza viaria
O que terá que agardar novamente para ser aprobado é a ampliación do servizo público de limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. O goberno municipal levou por segunda vez este asunto ao Pleno, despois de que fora rexeitado na sesión plenaria celebrada o pasado mes de maio de 2009, coa intención de aprobar a modificación do contrato asinado o pasado 1 de agosto de 2006, entre o Concello de Ames e a empresa Urbaser S.A. para incluír a limpeza de 37 novos espazos, rúas e parques municipais.
O pasado 1 de agosto de 2006 asinouse un contrato entre o Concello de Ames e a empresa Urbaser S.A. mediante o cal a devandita compañía se comprometía a xestionar o servizo de limpeza viaria e do punto limpo do Milladoiro durante os próximos dez anos. Agora é preciso incluír a limpeza de todos aqueles espazos públicos de nova existencia, incluso dos que aínda están sen recibir, pero que está próxima a súa recepción.
Novamente este asunto quedou sen aprobar despois de que o grupo municipal popular presentase unha emenda para deixar este tema encima da mesa. Os grupos municipais popular e nacionalista consideraron que este lote de espazos públicos debería ser licitado, xa que supón unha modificación de máis do 40% respecto do contrato inicial. A emenda foi aprobada cos votos a favor dos sete concelleiros/as do PP de Ames e dos cinco concelleiros/as do BNG. O grupo municipal socialista votou en contra desta emenda.
Servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos
Na sesión plenaria extraordinaria celebrada o 18 de novembro de 2010 aprobouse a modificación extraordinaria do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos correspondentes aos anos 2006 e 2007 e a aprobación do correspondente expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que lle daba cobertura orzamentaria, por un importe de 182.601 euros, como consecuencia dos investimentos de novos contedores e áreas de aportación realizados pola concesionaria nestes exercicios. Neste mesmo Pleno acordouse que a comezos do ano 2011 se habilitarían as partidas necesarias para atender as modificacións producidas nos anos 2008 e 2009.
Agora o Pleno aprobou a modificación extraordinaria do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos correspondentes aos anos 2008 e 2009, con repercusión ata o exercicio 2010, por un importe de 69.766 euros, como consecuencia dos investimentos de novos contedores e áreas de aportación realizados pola concesionaria nestes exercicios, así como o gasto relativo ás repercusións económicas nos exercicios 2009 e 2010 das modificacións de servizo aprobadas no Pleno celebrado o pasado 18 de novembro de 2010 que equivalen a 215.902 euros.
Para poder facer o posterior pagamento foi preciso aprobar o correspondente expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que lle dea cobertura orzamentaria á aprobación das modificacións referidas nos puntos anteriores. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos nove concelleiros/as do grupo municipal socialista e os cinco concelleiras/as do grupo municipal nacionalista. O concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse.
Apartado económico
Ademais o Pleno ordinario do mes de febreiro tivo un marcado carácter económico xa que se tratou a aprobación dunha transferencia de crédito para a amortización dun préstamo destinado a financiar gastos correntes declarados necesarios e urxentes e a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para gratificacións por servizos extraordinarios e horas extraordinarias realizadas fóra da xornada normal de traballo.
Por unha banda, a corporación municipal aprobou por maioría absoluta un recoñecemento extraxudicial de crédito destinado ás gratificacións por servizos extraordinarios e horas extraordinarias realizadas fóra da xornada normal de traballo. A partida de persoal asignada no orzamento de 2010 cubriu as retribucións fixas de todo o persoal municipal, pero non foi suficiente para garantir o pagamento a aqueles traballadores que realizaron horas fóra da xornada normal, así como a compensación para o traballo realizado en período festivo e nocturno dos meses de novembro e decembro. Ademais houbo que pagar as horas extras de varios traballadores, que superaron o límite establecido en 80 horas anuais, pertencentes aos exercicios 2008 e 2009. En total A contía pendente de pago ascende a 59.178,54 euros. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos nove concelleiros/as do grupo municipal socialista e os sete concelleiras/as do grupo municipal popular. O concelleiros/as do grupo municipal nacionalista abstivéronse.
Ademais aprobouse por unanimidade unha transferencia de crédito destinada á amortización dun préstamo aprobado en 2010 que foi destinado a financiar gastos correntes declarados necesarios e urxentes. No ano 2010 concertouse unha operación de préstamo para o financiamento de gastos correntes declarados necesarios e urxentes por un importe de 957.875, 48 euros. Esta operación subscribiuse coa entidade Banco Gallego. A amortización desta operación de préstamo a curto prazo debe efectuarse antes de maio de 2011, momento no que se celebrarán as eleccións municipais e se renovará a corporación amiense.
Por último tamén houbo tempo para aprobar por unanimidade a rectificación dun erro aritmético no acordo plenario de 28 de outubro de 2010 sobre a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración de auga. Antes de finalizar aprobouse, cos votos a favor dos concelleiros/as dos grupos municipais nacionalista e popular, unha moción contra a privatización das caixas de aforros presentada polo BNG de Ames. O PP de Ames presentou unha emenda que foi adherida ao texto inicial desta moción. Os concelleiros/as do grupo municipal socialista abstivéronse nesta votación. O Pleno rematou á media noite cando se estaba abordando o apartado de rogos.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Piden a la Xunta soluciones sobre el cole de Ventín"
La Voz de Galicia: "La oposición de Ames frena el contrato del servicio de limpieza"
La Voz de Galicia: "Unanimidad en materia educativa"