- Tematica
A Corporación municipal aprobou por unanimidade o suplemento de crédito 1/2025 financiado con remanente de tesouraría para gastos xerais e amortización de debéda por valor de 1.065.089,51 euros. Tamén se aprobou por unanimidade o acordo de fiscalización previa limitada; a ratificación do decreto de subsanación de deficiencias na redacción do proxecto das obras de acondicionamento da rúa Agro da Vella incluído no POS+2025; a modificación das bases de execución do orzamento para inclusión dunha subvención nominativa ao programa Galicia Abriga; a elección xuíz/a de paz substituto 2025; a aprobación inicial da modificación (revisión excepcional de tarifas) da ordenanza reguladora do servizo de taxis; e a concesión da medalla do Concello de Ames 2025 ao reitor da USC Antonio López Díaz. Ademais, aprobouse por maioría absoluta a ratificación do decreto de personación e defensa do recurso contencioso administrativo contra a desestimación de recursos de reposición relativos á décimo segunda modificación RPT. Por último, abordáronse tres mocións presentadas polos grupos municipais do BNG e Espazo Común; e unha declaración institucional presentada polo PSdeG-PSOE. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de maio comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 382 decretos, do 1206 ao 1587.
A continuación a concelleira de Servizos Económicos dou conta da liquidación do exercicio 2024 aprobada o pasado 20 de maio de 2025. Susana Señorís destacou as principais magnitudes de dita liquidación. “No capitulo de investimentos acadouse unha cifra de 7.616.864 euros, sendo a cifra máis elevada dos rexistros históricos recollidos no informe de Intervención. O orzamento de 2024 acadou unha cifra de execución do 82,77% sobre os créditos definitivos o que demostra a continuidade na prestación dos servizos municipais así como a súa mellora. O remanente de tesourería para gastos xerais tamén resultou positivo acadando unha cifra de 6.582.625 euros, o que nos permitirá proceder a amortización total da débeda bancaria. E certo que no exercicio 2024 incumpriuse o obxectivo de estabilidade orzamentaria cun desaxuste de 1.898.697 euros. Cómpre destacar que o nivel de endebedamento do Concello é baixo ascendendo a 2.703.559 o que representa o 9,1% dos recursos ordinarios do orzamento. Estes datos reflicten unha xestión económica responsable e eficaz”.
A concelleira de Servizos Económicos tamén dou conta da execución trimestral do primeiro trimestre de 2025. O período medio de pago a provedores segundo dixo a concelleira situouse en 20,64 dentro do que marca a lei.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a aprobación por unanimidade da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de abril celebrada o pasado 30 de abril de 2025.
Suplemento de crédito 1/2025
O primeiro tema económico que se abordou foi a aprobación por unanimidade do suplemento de crédito 1/2025, financiado con remanente de tesouraría, para gastos xerais e amortización de débeda por valor de 1.065.089,51 euros. Dos datos da liquidación do exercicio 2024 despréndese que o Concello conta cun saldo de remanente de tesourería para gastos xerais positivo. Por parte da intervención municipal infórmase da existencia de gastos devindicados no exercicio 2024, para o cal se fai necesario dotar crédito no orzamento de 2024 prorrogado para 2025. A concelleira de Servizos Económicos explicou que “se pode empregar o remanente líquido de tesourería e así evitar posibles prexuízos para os provedores, así como que se incremente o período medio de pago a provedores. Tamén se vai amortizar a débeda financeira pendente de 665.703 euros, o que suporá un aforro nas cotas de amortización e nos xuros”.
Dende a oposición aludiron a que se volve a botar man dos aforros para pagar facturas pendentes de pago de exercicios anteriores. Segundo dixo a voceira de Espazo Común, Luís Feijóo “vólvese a botar man da caixa do remanente de tesouraría”. Tamén destacou que “a amortización de débeda parécenos ben porque se van aforrar as cotas de amortización e os xuros”. Rosalía Seijas, concelleira do BNG, destacou que “o Concello de Ames non está cumprindo co obxectivo de estabilidade e coa regra de gasto o que provoca que haxa que elaborar un plan económico – financeiro, que repercutirá nun control económico máis estrito”. Por último, Pablo Beiroa, concelleiro do Partido Popular, incidiu en que “este suplemento de crédito é consecuencia de non ter uns orzamentos aprobados. Estívose esperando a aprobar a liquidación do exercicio de 2024, para poder facer fronte a facturas pendentes de pago de exercicios anteriores”.
No apartado económico tamén se aprobou por unanimidade o acordo polo que se establece o sistema de fiscalización limitada previa, no que se establece o réxime de fiscalización e intervención limitada previa de requisitos básicos dos gastos e obrigas do Concello de Ames e das entidades do seu sector público suxeitos a función interventora que puidesen existir nun futuro, de acordo co artigo 13 do RD 424/2017.
De seguido, aprobouse por unanimidade a ratificación do decreto da Alcaldía de Ames 1240/2021 sobre a subsanación de deficiencias na redacción do proxecto das obras de acondicionamento da rúa Agro da Vella (O Milladoiro) incluído no POS+2025. Os servizos técnicos da Deputación da Coruña comunicáronlle ao Concello que era necesario facer diferentes modificacións de índole técnico no proxecto presentado, que non implican variación algunha no obxectivo, tipoloxía e presuposto do mesmo.
Subvención para o programa Galicia Abriga
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a modificación da base número 50 de execución do Orzamento municipal do exercicio 2024, prorrogado para 2025, para incluír unha subvención nominativa de 2.000 euros á entidade Solidariedade Internacional de Galicia, que realiza o programa Galicia Abriga de acollemento a mulleres defensoras de dereitos humanos.
Por outra banda, aprobouse por maioría absoluta a ratificación do decreto da Alcaldía de personación e defensa do recurso contencioso administrativo PA 179/2025 contra a desestimación de recursos de reposición relativos á décimo segunda modificación RPT, que foi aprobada en pleno no pasado mes de decembro de 2024. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose.
Tamén se aprobou por unanimidade a elección de xuíz/a de paz substituto 2025. Durante o prazo de presentación de solicitudes de quince días hábiles, que comprendeu do 11 ao 31 de marzo de 2025, ambos inclusivos, presentándose dúas instancias. Ambos solicitantes cumpriron os requisitos esixidos, pero unha vez realizada a pertinente valoración de currículos propúxose como xuíz de paz substituto do Concello de Ames a Silvia Gallego Reiriz.
Modificación da ordenanza reguladora do servizo de taxis
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a aprobación inicial da modificación (revisión excepcional de tarifas) da ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames. As dúas asociacións de taxistas existentes en Ames presentaron a solicitude de revisión de tarifas xunto ao correspondente estudo económico. As tarifas aplicables aos servizos urbanos de taxi serán as fixadas en dita ordenanza, mentres que as tarifas dos servizos interurbanos serán as fixadas pola consellería competente en materia de transportes da Xunta de Galicia. A última revisión de tarifas foi aprobada en maio de 2023, hai dous anos.
Por último, aprobouse por unanimidade a concesión da medalla do Concello de Ames 2025 a Antonio López Díaz, catedrático de dereito financeiro e tributario pola Universidade de Santiago de Compostela, así como reitor desa mesma institución dende o 5 de xuño de 2018. Antonio López é veciño de Ames dende o ano 1991 ata actualidade, residindo no Milladoiro ata o ano 2002 e, dende ese ano, en Bertamiráns. Dita concesión de medalla xa foi acordada na Xunta de voceiros do pasado mes de abril.
Apartado de mocións
Ademais, abordáronse tres mocións. A primeira foi unha moción do grupo municipal do BNG de Ames para demandar a elaboración dun documento de planificación das inversións a realizar en instalacións deportivas. Esta moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do BNG, Partido Popular e Espazo Común. Os/as edís do grupo de goberno votaron en contra.
Por outra banda, o grupo municipal Espazo Común presentou unha moción para a adhesión do Concello de Ames á asociación de concellos afectados pola AP-9. Esta moción non saíu adiante. Os concelleiros/as de Espazo Común e BNG votaron a favor; os membros do grupo de goberno votaron en contra; e os/as edís do Partido Popular abstivéronse.
Durante o debate de dita moción a concelleira do BNG, Natividade González, tivo unha disputa dialéctica co concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa. Debido a iso, o alcalde chamou ao orde á concelleira do BNG. Natividade González ao non estar de acordo con dita chamada ao orde e tras un intercambio de opinións co alcalde, acabou abandonando a sesión plenaria.
A terceira moción tratada foi presentada polo grupo municipal do BNG para frear o aumento do prezo dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda en Ames. Ao igual que a anterior, esta moción non saíu adiante. Os concelleiros/as do BNG e Espazo Común votaron a favor; os membros do grupo de goberno votaron en contra; e os/as edís do Partido Popular abstivéronse.
Por último, aprobouse por unanimidade unha declaracións institucional presentada polo grupo municipal socialista para a preservación do entorno da Ponte Maceira.