- Tematica
A Corporación municipal aprobou a concesión da medalla do Concello de Ames de 2026 ao grupo musical Maianas; a desafectación do camiño Igrexa-Covas; a adhesión á rede española de capitais da cultura; a aprobación inicial da modificación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria; a aprobación inicial da modificación da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade; e o convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ames para a continuidade do servizo de autobús de interese municipal (SIMU). Durante o transcurso do pleno as traballadoras do SAF realizaron unha concentración na praza do Concello. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.
O pleno ordinario de maio comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 378 decretos, do 1158 ao 1535. Neste apartado tamén se deu conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de abril e maio. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a acta da sesión ordinaria do mes de abril celebrada o 30 de abril de 2026.
A continuación, aprobouse por unanimidade a concesión da medalla do Concello de Ames de 2026 ao grupo musical Maianas. O encargado de expoñer este punto foi o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, que explicou “para este ano a proposta do goberno é conceder a medalla do Concello de Ames ao grupo musical Maianas, que teñen unha recoñecida traxectoria musical ao longo de preto de 20 anos, e que sempre promoveron a cultura popular e manteñen viva a música tradicional de Galicia sobre os escenarios. É un grupo que ten unha importante presencia en festivais e eventos culturais en Galicia como fóra das nosas fronteiras. Tamén dispoñen dun importante traballo discográfico con catro álbums ao longo da súa traxectoria”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, sinalou que “se trata dunha agrupación de cantareiras e pandeireteiras do noso concello cunha longa traxectoria e cun compromiso firme coa cultura galega. Ademais cómpre salientar o seu compromiso co fomento da lingua galega e coa defensa dos dereitos da muller, polo que son un referente cultural e social. O seu traballo contribúe a proxectar unha imaxe positiva de Ames, levando sempre o nome do noso concello con orgullo. Esta distinción é un acto de agradecemento colectivo, polo que estamos a favor”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, sinalou que “a nosa proposta para esta medalla era para Patricia de Lorenzo, pola súa extraordinaria traxectoria cultural e artística, polo seu compromiso co teatro galego e polo enorme valor que representa para a cultura do país dende o proxecto Chévere. Seguimos pensando que é unha figura merecedora deste recoñecemento e agardamos que nos vindeiros anos reciba o recoñecemento que merece, pero dito isto, tamén queremos expresar o noso apoio á concesión desta medalla ao grupo das Maianas, porque falar desta agrupación é falar de cultura popular, de música tradicional, de transmisión da nosa identidade e do papel fundamental das mulleres na conservación do patrimonio inmaterial galego. Cremos que son merecedoras deste recoñecemento institucional por parte do Concello”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dixo coincidir coas compañeiras e compañeiros da Corporación municipal sobre o merecemento de dita distinción as Maianas e anunciar o voto favorable do grupo municipal popular.
A continuación, aprobouse tamén por unanimidade a desafectación do camiño Igrexa-Covas. Deste xeito, aprobouse recibir formalmente, previa a oportuna desafectación aprobada definitivamente, e incorporar ao inventario municipal de bens do Concello de Ames, co carácter de ben patrimonial, un anaco final de 92 metros cadrados do camiño de concentración parcelaria, que no lugar de A Igrexa – Covas discorre en dirección este – oeste. Dito anaco de camiño divide dúas parcelas dunha mesma propietaria.
Rede Española de Capitais da Cultura
Ademais, aprobouse a adhesión de Ames á Rede Española de Capitais da Cultura, que saíu adiante co voto a favor dos/as concelleiros/as do Goberno municipal (PSdeG-PSOE), Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose. Dita Rede, que está en fase de impulso, agrupa aos Gobernos Locais que desexan impulsar un modelo estratéxico de desenvolvemento cultural, reforzar a cooperación territorial e dar visibilidade ao compromiso municipal coa cultura como motor de desenvolvemento urbano, cohesión social e innovación.
En dito convenio tamén se recolle o impulso, desde a Entidade Local, de actuacións que contribúan ao fortalecemento do ecosistema cultural local, de acordo cos obxectivos da Rede, incluíndo a promoción cultural, a participación cidadá, a innovación cultural, a cooperación institucional e a proxección nacional e internacional do municipio.
Modificación de ordenanzas
A continuación, debateuse de forma conxunta a aprobación inicial da modificación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria; así como a aprobación inicial da modificación parcial da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade. A modificación destas dúas ordenanzas foi aprobada por unanimidade.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, dixo que “a modificación destas dúas ordenanzas vai a permitir a emisión de dúas tarxetas municipais, que van a dar resposta a diferentes colectivos que nos solicitaron hai tempo estes servizos. Deste xeito, emitiranse as tarxetas para persoas con mobilidade reducida, que poderán aparcar nas prazas destinadas a esta persoas con mobilidade reducida. Estas son tarxetas temporais para aquelas persoas con mobilidade reducida, mentres non dispoñen da valoración dos órganos competentes. Por outra banda, vanse emitir as tarxetas para o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e de persoal dos centros de saúde e de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Servizo Galego de Saúde, que poderán estacionar nas zonas de carga e descarga e nas zonas de estacionamento que están limitadas con tempo, pero estas persoas non terán limitación de tempo de estacionamento”.
Na primeira ordenanza, o obxectivo é dotar de tarxetas de estacionamento ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e de persoal dos centros de saúde e de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Servizo Galego de Saúde, mentres que na segunda o obxectivo é que o Concello poida establecer unha autorización municipal provisional de estacionamento. Esta autorización terá carácter estritamente asistencial, temporal e extraordinario, configurándose como unha medida de ámbito local dirixida a dar resposta a situacións de urxencia social ou funcional derivadas de limitacións graves de mobilidade.
Esta segunda ordenanza ten por obxecto dar resposta a situacións de necesidade social derivadas da existencia de limitacións graves de mobilidade en persoas que, tendo solicitado o recoñecemento oficial da situación de discapacidade e mobilidade reducida ante os órganos competentes da Xunta de Galicia, atópanse á espera de resolución administrativa, establecéndose como unha medida de carácter excepcional, provisional e asistencial, que non supón en ningún caso o recoñecemento oficial da situación de discapacidade, nin substitúe a tarxeta regulada pola normativa estatal, nin pola normativa autonómica de aplicación.
Servizo de interese municipal (SIMU)
Por último, aprobouse por unanimidade o novo convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, o Concello de Ames, e a UTE “XG-807”, para dar continuidade ao servizo de interese municipal (SIMU). Dito servizo facilita a mobilidade dos veciños e veciñas das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal, que discorre entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, foi a encargada de expoñer este punto. “O pasado 18 de maio recibimos a proposta do novo convenio co obxectivo de asinalo para que a veciñanza quede sen este servizo a partir do 31 de maio. Dende o Concello contestouse que queríamos que se incluíse unha nova parada no campus sur da USC, xa que entra do percorrido que fai este liña de autobús, e que dentro do convenio se engada un artigo que permita facer modificacións puntuais entre o Concello e a empresa concesionaria, podendo ser estas modificacións de percorrido ou de frecuencias”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “aínda que se trata dun servizo deficitario e non resolve as necesidades plantexadas pola veciñanza, mentres non se busca unha formula máis acaida e non se conseguen outras modificacións, imos a votar a favor co obxectivo de seguir dispoñendo deste servizo”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, comezou dicindo que “Ames necesita máis e mellor transporte público por razóns sociais, ambientais, de cohesión territorial, e por razóns de xustiza para toda a veciñanza que non pode dispoñer exclusivamente do coche privado. Este convenio non supón unha mellora do servizo de transporte público, senón é unha continuidade dun modelo que leva anos acumulando deficiencias sen resolver. Este convenio non recolle melloras claras respecto ao asinado hai catro anos. O Concello asume o risco económico, mentres que a Xunta limítase a coordinar, e a concesionaria ten ben garantida a cobertura do déficit”.
O concelleiro do Partido Popular, José Ramón Oulego, explicou que “dende o Partido Popular de Ames apostamos polo transporte público e queremos recoñecer o esforzo que fai a Xunta de Galicia por manter este tipo de servizos dentro do transporte metropolitano de Galicia, algo fundamental para o concello de Ames que medra cada ano e ten unha grande mobilidade cara Santiago. Este convenio ofrece un servizo aos veciños, pero os datos indican que cada vez o usan menos, o que fai que sexa un servizo deficitario cuxo custe temos que asumir por parte do Concello. Nós apoiamos este convenio, pero non podemos deixar de salientar que catro anos despois, o goberno socialista de Ames foi incapaz de melloralo, polo que hai unha clara incapacidade de xestión, xa que non se mellorou o convenio”.
O alcalde, Blas García, dixo “quero aclarar que en Ames o transporte urbano non é competencia municipal. Por iso estamos traballando para dispor dun servizo de transporte municipal para ofrecerlle un servizo a unha gran parte da veciñanza do rural e conectar os dous núcleos urbanos do concello. Pagamos 295.000 euros do transporte metropolitano e da SIMU. Somos o Concello que máis pagamos con moita diferencia, co cal creo que temos o dereito de solicitar melloras no servizo. Convocamos unha comisión de seguimento e conseguimos poder presentar unha nova proposta, para que a liña do servizo SIMU pare no campos universitario e para poder negociar directamente co operador para poder negociar este convenio. Isto é o que queremos, porque sabemos que este convenio non é o mellor que podemos ter. Queremos que esta liña de autobús pase por Fraíz e A Moniña”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames logra una parada del bus Simu en el campus y negociará para que pare en Fraiz y A Moniña"
La Voz de Galicia: "Unanimidad para continuar con la línea municipal de bus de Ames"
Lindeiros: "Ames aproba a continuidade do SIMU, servizo de autobús de interese municipal"
AmesGo: "Unanimidade do Pleno para dar continuidade ao servizo de autobús de interese municipal"











