Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade a oitava modificación puntual da RPT para crear un posto de técnico/a de educación

Venres, 01 de marzo de 2019

[01-03-2019] Este xoves, 28 de febreiro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a oitava modificación puntual da RPT, para a creación dun posto de técnico/a de educación, así como a aprobación inicial dos regulamentos da Escola de Verán e dos programa Lúdicos. Ademais, saíu adiante por maioría a aprobación inicial do regulamento orgánico de Participación Cidadá e a aprobación definitiva do regulamento da Escola Municipal de Música de Ames. Por último, aprobáronse por unanimidade dos membros presentes unha proposta do grupo municipal Ames Novo de apoio á folga feminista do 8 de marzo de 2019, e unha proposta do goberno, presentada por vía de urxencia, para participar no Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 de Agader.

Proposta do grupo municipal Ames Novo
No apartado de mocións, debateuse unha proposta presentada polo grupo municipal Ames Novo de apoio á folga feminista do 8 de marzo de 2019. A través desta proposta solicitóuselle ao Pleno que apoiara activamente a folga feminista do vindeiro 8 de marzo, así como todos os eventos reivindicativos e accións convocadas co mesmo obxectivo que a folga, antes e/ou despois da citada data, facilitando os medios dispoñibles dende o Concello para elo; adoptar as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito de folga por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á reivindicación; elaborar dende o Concello unha declaración institucional en apoio á folga; e colocar no Concello a bandeira feminista como acto simbólico de apoio á folga e ás reivindicacións recollidas en dita proposta.

Por parte do grupo municipal popular solicitouse que se retirase o último parágrafo de dita proposta. Os concelleiros e concelleiras de Ames Novo dixeron que non estaban dispostos/as a retirar ese parágrafo da proposta, polo que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames abandonaron o pleno. Finalmente, dita proposta aprobouse por unanimidade dos membros presentes.

Por último, abordouse unha proposta do goberno, presentada por vía de urxencia, para participar no Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 de Agader. Así, aprobouse por unanimidade dos membros presentes o proxecto técnico denominado Camiño de Firmistáns a estrada de Tarrío e Camiño de Insua (praia fluvial de Tapia), que conta cun importe de execución por contrata de 52.250,22 euros. Deste importe 43.182 euros son achegados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, mentres que 9.068,22 euros (a parte correspondente ao IVE) son achegados polo Concello de Ames.

Creación dun posto de técnico/a de educación
De seguido, aprobouse por unanimidade a oitava modificación puntual da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames, para a creación dun posto de técnico/a de educación e a conseguinte supresión do posto de técnico/a de educación de adultos, que se xubilou o pasado 31 de decembro de 2018. Esta modificación foi aprobada o pasado 18 de febreiro en Mesa Xeral de Negociación. O obxectivo é que este/a técnico/a realice traballos de coordinación integral do departamento de Educación de cara a optimizar os recursos existentes en dito departamento.

Tamén saíu adiante por unanimidade a aprobación inicial do regulamento da Escola de Verán e dos programa Lúdicos. A Escola de Verán ven funcionamento ininterrompidamente dende o ano 2004, pero carecendo dun regulamento de funcionamento. Unha vez sometido a consulta pública, na que se presentaron dúas suxestión (unha foi aprobada e outra rexeitada), agora dito regulamento aprobouse de xeito inicial.

Por outra banda, os programas lúdicos do Concello de Ames (Nadal lúdico, Entroido lúdico, Primavera lúdica, Xuño lúdico e Setembro lúdico) préstanse no concello dende o ano 2004 tendo como única regulación municipal a ordenanza fiscal da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación de vida familiar e laboral. Non existe regulamento de funcionamento deste servizo o cal resulta imprescindible, polo que o Pleno tamén aprobou este regulamento de xeito inicial.

Ademais, saíu adiante por maioría, a aprobación definitiva do regulamento da Escola municipal de música, que foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e de Ames Novo, mentres que os/as edís de Pacto por Ames e do Partido Popular votaron en contra. Este regulamento dispón dun preámbulo e cinco títulos, onde se recolle a organización da Escola de Música, os recursos humanos e materiais, así como o funcionamento e réxime interior. Previamente foi sometido a exposición pública durante 30 días hábiles, rematados o pasado 15 de novembro, co obxectivo de que a veciñanza puidese facer as achegas que estimase oportuno. Dito regulamento foi probado, de xeito inicial, no pleno ordinario do pasado mes de decembro.

O pleno ordinario de febreiro estivo presidido pola primeira tenente de alcalde e alcaldesa por delegación, Genma Otero, debido a que o alcalde, José Miñones, atopábase indisposto. En primeiro lugar, Genma Otero achegoulle ao Pleno a información periódica correspondente ao cuarto trimestre de 2018. Deste xeito, informou que o período medio de pago a provedores está en 5,63 días, moi por debaixo do que marca a lei que son 30 días. A continuación, déuselle luz verde a aprobación inicial do regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e de Ames Novo, mentres que os/as edís de Pacto por Ames e Partido Popular, abstivéronse.

Este regulamento recolle 36 artigos divididos en catro títulos para regular en base ás disposicións xerais, os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo. Dito regulamento describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha Comisión especial. Ademais, regula a iniciativa popular, así como os órganos de participación a partir da Asemblea de participación cidadá, as Asembleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha neste último mandato.

A aprobación deste regulamento quedou encima da mesa no pasado pleno ordinario de novembro, despois da proposta feita polo concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, ao considerar que existía unha contradición entre o texto do regulamento e o artigo 70 bis da Lei de Bases de Réxime Local. Finalmente, o informe xurídico feito para clarificar esta situación indicou que non era necesario modificar a redacción do artigo 14 do regulamento orgánico de Participación Cidadá. Deste xeito, déuselle aprobación a dito regulamento. No caso de non existir alegacións durante o período de exposición publica quedará aprobado de xeito definitivo.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Pleno aproba por unanimidade a oitava modificación puntual da RPT para crear un posto de técnico/a de educación"
La Voz de Galicia: "Un texto sobre el 8-M provoca que el PP se levante del pleno de Ames por su carga ideológica"
Lindeiros: "O PP de Ames abandona o pleno por unha moción de Ames Novo sobre o Día da Muller"