Pestanas principais

O pleno aproba por unanimidade o regulamento do servizo municipal de transporte adaptado

Venres, 26 de setembro de 2014

[26-09-2014] A corporación municipal de Ames no pleno correspondente ao mes de setembro deu o visto e prace ao regulamento do servizo municipal de transporte adaptado. Tamén foi apoiada por tódolos grupos políticos municipais a declaración de especial interese ou utilidade municipal da construción dunha escola infantil en Bertamiráns. Por outra parte, saíu adiante coa abstención da oposición, a resolución de alegacións e aprobación definitiva dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa no proxecto de abastecemento Ames-Brión. A sesión plenaria rematou coa aprobación dunha moción para considerar como terreos rústicos a efectos catastrais e fiscais os solos non urbanizados.

O pleno do Concello de Ames aprobou onte por unanimidade o regulamento do servizo municipal de transporte adaptado. A norma, acorde á lexislación actual vixente, permitirá a aqueles veciños con mobilidade reducida que non poidan ser atendidos polo 065 autonómico, facer uso deste vehículo municipal. Por outra parte, saíu adiante coa abstención da oposición, a resolución de alegacións e aprobación definitiva dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa no proxecto de abastecemento Ames-Brión. O que volveu a poñer en total acordo a todos os grupos municipais foi a declaración de especial interese ou utilidade municipal da construción dunha escola infantil en Bertamiráns.

As obras nesta infraestrutura situada nunha parcela de 3.389 metros cadrados na rúa do Muíño, botaron a andar recentemente. Con esta declaración dase cumprimento ao punto de bonificación de taxas que figuraba no convenio asinado co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, destacou “a importancia que ten para todas as familias de Ames contar con este centro educativo”, que albergará un total de 82 prazas para nenos e nenas de entre 0 a 3 anos de idade.

Por último, na sesión plenaria aprobouse a moción presentada por vía de urxencia polos concelleiros non adscritos Pilar Candocia, Anxo Doval, Susana Mayo e Olalla Alvite para considerar como terreos rústicos a efectos catastrais e fiscais os solos non urbanizados. O PP presentou unha emenda pola que se solicita unha modificación da devandita norma e, finalmente, a moción foi aprobada coa enmenda do PP cos votos a favor dos grupos popular, socialista, e dos concelleiros non adscritos Pilar Candocia, Anxo Doval, Susana Mayo e Olalla Alvite, e coa abstencion dos concelleiros non adscritos Ramón García, Alfonso Rey, Manuel Ferreiro, Maria Gonzalez e Emilio Martinez. Entre outras cousas, ínstase a que a Dirección Xeral do Catastro revise a cualificación de parcelas e que o Goberno de España avance en recoller novos criterios de clasificación do solo de natureza urbana.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames aprueba la normativa del bus adaptado y bonifica el proyecto de la nueva guardería"