Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro

Venres, 28 de xuño de 2024

A Corporación municipal aprobou por unanimidade o crédito extraordinario 1/2024, o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro, a primeira prórroga do lote 1 do servizo de monitores e persoal na rede de comedores escolares e do lote 3 de servizo de monitores e merendas no programa de Tardes Divertidas. Tamén se aprobou por unanimidade o expediente para a elección de xuíz/a substituto/a do Concello de Ames, o convenio de colaboración para a xestión compartida da promoción turística da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía e a modificación da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais do concello de Ames. Por último, aprobouse por maioría absoluta a corrección de erros no texto da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de xuño comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 344 decretos, do 1652 ao 1995. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conta ao pleno da Corporación do decreto de aprobación da liquidación do exercicio 2023. A concelleira de Servizos Económicos destacou que no exercicio 2023 as obrigas recoñecidas netas totais ascenderon a 33.834.194,00 euros “Trátase da cifra máis alta do últimos 12 anos. Destaca a execución do capítulo VI referido aos investimentos que ascendeu a 5.074.763,84 euros,  sendo a cifra máis alta dos históricos que se recollen no informe de intervención, superando en mais de 1 millón e medio de euros a execución de 2022”.

“O orzamento de 2023 acadou unha execución sobre os créditos definitivos dun 70,62%, o que demostra que non só seguimos mantendo os servizos municipais, senón que os melloramos de forma continuada apostando polos investimentos no marco da supresión das regras fiscais. En canto aos ingresos os dereitos recoñecidos netos alcanzaron no ano 2023 os 30.534.884,08 euros, estes foron superiores aos do exercicio 2022 en case 1 millón de euros, e alcanzouse unha execución do 63,73% dos créditos definitivos”.

“En canto ao resultado orzamentario o mesmo resultou negativo en 760.234,41 euros, este resultado como xa indiquei, está motivado pola execución de gastos de investimentos vinculados á EDUSI, hai que recordar que a maior parte dos investimentos se realizaron en 2023, mentres que os ingresos non se producirán ata o exercicio 2024. En canto ao remanente de tesourería para gastos xerais o mesmo resultou positivo en 5.327.887,04 euros, que supón unha diminución con respecto ao 2022. Finalmente, e en canto ao endebedamento indicar que no exercicio 2023 o Concello conta con un nivel de endebedamento baixo que ascende a 2.792.068,92 euros, que representa o 9,92% sobre os recursos ordinarios do orzamento”.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a aprobación por unanimidade de acta/s anterior/es, correspondentes á sesión ordinaria do mes de maio, do 31 de maio de 2024, e da sesión extraordinaria sobre a aprobación da Axenda Urbana de Ames, celebrada o pasado 13 de xuño de 2024.

Mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro
A continuación abordaranse dous temas relacionados co proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro. Cómpre lembrar que o Concello de Ames recibiu a resolución da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, na que se notifica que se lle concede unha axuda de 120.000 euros para a execución do proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial Novo Milladoiro. Deste xeito, mellorarase a mobilidade e seguridade viaria dentro do parque empresarial favorecendo o tránsito de persoas e aumentado as prazas de aparcamento dispoñibles. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 175.525 euros. O 68,37% do orzamento total será sufragado con fondos autonómicos.

Deste xeito, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico de dita actuación, e mailo crédito extraordinario 1/2024, que ascende á contía de 68.025,02 euros. Para facer fronte a achega municipal de dita actuación, que ascende a 68.025,02 euros, e que comprende a achega municipal á obra (55.525,02 euros) e maila dirección de obra e redacción do proxecto (12.500 euros), é preciso tramitar un crédito extraordinario financiado con baixas por anulacións do crédito do proxecto de “Posta en marcha dun transporte municipal”. O proxecto formaba parte da estratexia EDUSI Impulsa Ames, pero non se executou a 31 de decembro de 2023, polo que o crédito atópase dispoñible, xa que o 20% do importe do proxecto financiábase cun préstamo.

Ordenanza das escolas infantís e servizo de monitores
Outro dos temas que se abordou foi a corrección de erros no texto da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais. Trátase dun erro aritmético existente na táboa de tarifas que figura no Anexo I relativo ás tarifas dos custes de comedor. O erro aritmético está no desconto establecido para familias numerosas, familias monoparentais e algún irmán, aos que lle corresponde, tal e como establece a ordenanza, un desconto do 20%. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. As/os concelleiras/os dos grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común abstivéronse.  

De seguido, aprobouse por unanimidade a primeira prórroga do lote 1 do servizo de monitores e persoal na rede de comedores escolares e do lote 3 de servizo de monitores e merendas no programa de Tardes Divertidas. Ditos lotes forman parte do expediente de licitación do servizo de monitores nos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames. Ambas prórrogas establécense por un ano coa empresa A Billarda, ata o 31 de agosto de 2025.

Xuíz/a substituto/a do Concello de Ames
Por outra banda, aprobouse por unanimidade o expediente para a elección de xuíz/a substituto/a do Concello de Ames. No pleno ordinario de abril prestouse aprobación ao inicio de dito expediente. Durante o prazo de presentación de solicitudes presentáronse dúas instancias. Ambos solicitantes cumpren os requisitos, pero dado o currículum de ambos e tendo en conta que un dos candidatos é graduado en Dereito elixiuse como xuíz de paz substituto do Concello de Ames a Pablo Xosé Pouso Iglesias.

Ruta rosaliana As pegadas de Rosalía
Tamén se aprobou por unanimidade o convenio de colaboración para a xestión compartida da promoción turística da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía. Deste xeito, aprobouse desistir do procedemento de constitución e aprobación dos estatutos da asociación de concellos da ruta rosaliana As Pegadas de Rosalía, por non acadar o acordo unánime dos concellos afectados; e prestar aprobación ao texto do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón, para a xestión compartida da promoción turística da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía. Tamén se aprobou dispoñer do crédito por importe de 2.000 euros con cargo ao orzamento municipal 2024.

Ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais
Por último, aprobouse por unanimidade a modificación da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais do concello de Ames. Dende a Concellería de Medio Ambiente propúxose unha modificación da ordenanza co fin de adaptar a mesma ás necesidades municipais. Propúxose incluír un novo artigo co fin de incluír as definicións de aproveitamentos forestais; actividade forestal extractiva de madeira; aproveitamento de uso doméstico; corta e saca de madeira; e empresa madeireira. Estas definicións incluiranse no artigo 2. Tamén se precisa con máis claridade o ámbito de aplicación e indícanse as actividades que quedan excluídas (artigo 3). En materia de garantías inclúese un novo punto para realizar unha regulación mais pormenorizada no artigo 11.

Moción sobre as colonias felinas no rural
O grupo municipal do BNG presentou por vía de urxencia unha moción sobre as colonias felinas no rural. Sobre dita moción achegóuselle aos grupos políticos municipais un informe de Secretaría sobre a urxencia e sobre a propia moción. En dito informe indícase da necesidade de dispor dun informe previo do departamento de Medio Ambiente e dun estudo previo sobre a contía económica necesaria para realizar as actuacións solicitadas en dita moción.

Primeiro votouse a urxencia da moción que foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do Bloque Nacionalista Galego, Partido Popular e Espazo Común. Votaron en contra os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. De seguido, o alcalde propuxo deixar a moción encima da mesa, ata que se dispoña dos informes correspondentes, para que sexa debatida no vindeiro pleno ordinario. Deste xeito, votouse deixar a moción encima da mesa e foi aprobado co voto a favor dos oito concelleiros/as do grupo de goberno. Os sete concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse; e os/as seis concelleiros/as do BNG e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra. Polo tanto, a moción quedou encima da mesa e debaterase no próximo pleno ordinario correspondente ao mes de xullo.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames valida el plan de movilidad de Novo Milladoiro, que deberá estar terminado en octubre"

O Pleno aproba por unanimidade o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro

Multimedia

  • O Pleno aproba por unanimidade o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro
  • O Pleno aproba por unanimidade o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro
  • O Pleno aproba por unanimidade o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro
  • O Pleno aproba por unanimidade o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro
  • O Pleno aproba por unanimidade o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro