Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade o Plan de Servizos e Obras 2012

Sábado, 26 de novembro de 2011

[26-11-2011] A corporación municipal aprobou por unanimidade as obras que se incluirán no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial correspondente ao 2012. A contía asignada ao Concello de Ames, dentro do POS 2012, ascende a 481.571,62 euros. Deste importe o goberno municipal destinará 254.759,48 euros, que representa o 52,90%, ao financiamento de gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos mínimos obrigatorios. Por outra banda adícanse 239.001,20 euros para a realización de obras (47,10%) coa inclusión de dous proxectos que se consideran de especial importancia en Barouta e na rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns. No POS complementario recóllese o proxecto de saneamento en Portanxil. Nesta contía inclúense 12.189,06 euros que achega a Administración local. Co obxectivo de chegar a un consenso antes das comisións informativas e do Pleno, o goberno municipal fixo unha xuntanza previa cos grupos da oposición para presentarlles os proxectos que se incluirán o próximo ano no POS.

Proxectos incluídos no POS 2012

Por outra banda, este ano o Concello de Ames adica un total de 239.001,20 euros a realización de obras (47,10%) coa inclusión de dous proxectos que se consideran de especial importancia. Nesta contía inclúense 12.189,06 euros que achega a Administración local. Os proxectos que se inclúen dentro deste plan son o abastecemento de auga en Barouta, na parroquia de Ames, que conta cun orzamento de 82.556,25 euros e co que se dota ao colexio de Barouta de auga potable, algo "moi importante e necesario" segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín Vicente.

Tamén se inclúe a substitución dun colector de saneamento na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, que está dotado cun orzamento de 156.444,95 euros e que supón tamén unha importante actuación debido ao mal estado deste colector, que incluso comezaba a provocar danos no firme da rúa. Ademais, no POS complementario inclúese o proxecto de saneamento no núcleo de Portanxil, que conta cun orzamento de 136.462,55 euros.

A concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvendo Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, foi a encargada de expoñerlle á corporación municipal a distribución dos fondos procedentes do Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña. Eugenia Martín destacou que "a obra que hai que realizar na rúa Alcalde Lorenzo é prioritaria". Ademais explicou que "a través do proxecto de abastecemento de auga en Barouta, na parroquia de Ames, vaise dotar deste servizo ao CEIP de Barouta e a un gran número de veciños/as da parroquia de Ames. Este proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello que ten como obxectivo preparar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal para que estean preparadas no momento no que a ETAP, que prestará servizo aos concellos de Ames e Brión, comece a funcionar". Por último a concelleira incidiu en que o proxecto de saneamento en Portanxil "tamén é unha obra que estaba pendente de executar e está dentro da planificación municipal".

Por parte do grupo municipal nacionalista interveu Anxo Doval que manifestou o seu desexo de que "en vindeiras edicións non se empreguen os cartos adicados a obras en gasto corrente e que se planifique doutro xeito". Por outra banda dende o grupo municipal socialista, Carlos Fernández, asegurou que "estamos de acordo coa proposta presentada polo grupo de goberno. Mesmo o porcentaxe que se adica a gasto corrente parécenos correcto porque somos conscientes de que o Concello de Ames ten unhas características moi específicas e ten un forte gasto corrente. Non é unha situación grave que se adique unha parte dos fondos proporcionados ao POS no financiamento de diversos servizos municipais". Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a corporación municipal.

Despois de tratar o punto referido ao Plan de Obras e Servizos 2012, o grupo de goberno presentou unha moción por vía de urxencia que recollía o manifesto, que se lerá o 25 de novembro no acto que o organiza o Concello de Ames, para conmemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Este manifesto foi consensuado entre os tres grupos políticos que teñen representación na corporación municipal e aprobado por unanimidade.


A convocatoria do POS 2011 permitiulle aos concellos adicar o 50% da asignación ao financiamento dos gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos públicos mínimos obrigatorios. Debido ás dificultades económicas que están sufrindo na actualidade a maioría dos concellos para facer fronte ao pago dos gastos correntes, a Deputación da Coruña decidiu incrementar a contía que se pode adicar a gasto corrente dentro do POS 2012 que ascende ata o 60% dos gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos públicos mínimos obrigatorios en cada concello, por razón da súa poboación.

Tendo en conta a importante contía de gasto corrente que o Concello de Ames destina ao funcionamento de servizos públicos obrigatorios (subministración de auga potable, rede de sumidoiros, limpeza viaria, recollida de lixo, alumeado público, etc), e que por outra banda o Concello ten menos fontes de ingresos, sen que isto supoña unha diminución dos gastos para o financiamento dos mesmos, é oportuno para a economía municipal acollerse á opción dada pola Deputación da Coruña e destinar a contía de 254.759,48 euros, que representa o 52,90%, (por debaixo do límite máximo previsto do 60%) ao financiamento de gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos mínimos obrigatorios.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aproba por unanimidade o Plan de Servizos e Obras de 2012"
La Voz de Galicia: "Ames ratifica por unanimidad las obras del POS y utiliza el 50 % para gasto corriente"