Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade o Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais e a Conta Xeral de 2016

Venres, 29 de decembro de 2017

[29-12-2017] A corporación municipal aprobou por unanimidade diversos asuntos de vital importancia para o Concello de Ames como é o caso do Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais, a Conta Xeral de 2016 e maila proposta de adhesión ao programa de Cidades Amigas da Infancia, entre outros temas. Ademais, aprobáronse dúas propostas, unha sobre o proxecto de construción da EDAR do Souto e outra sobre o acondicionamento integral da rúa Entrerríos (zona que descorre entre a escola infantil e a estrada de Lapido). O momento máis emotivo do pleno foi a despedida de María González, concelleira do grupo municipal de Pacto por Ames, que deixa a súa acta de edil por motivos persoais.

Renuncia da concelleira María González
O momento máis emotivo do pleno foi a renuncia da concelleira, María González Gómez, do grupo municipal de Pacto por Ames. María González dixo “hoxe é un día triste para min porque despois de sete anos abandono esta corporación, aínda que agardo que isto non sexa un adeus senón un ata logo. As circunstancias da vida fannos cambiar as prioridades e iso levoume a tomar esta decisión. Pero non quero abandonar esta corporación sen deixarlle deberes ao goberno para que realicen melloras no lugar de Seares, para seguir traballando en prol da igualdade, da mocidade, do comercio e da promoción do turismo. Ademais, queda pendente que se realice unha campaña para dar a coñecer a nova programación da radio municipal e seguir mellorando o noso concello a nivel educativo e cultural. Por último, teño que animar a oposición a que siga realizando unha labor de control do goberno”.

Os voceiros dos grupos municipais e o alcalde tiveron palabras de agarimo para María González e dixeron que é un persoa traballadora, responsable pola difícil decisión tomada, galeguista pola defensa do idioma e da cultura galega, así como nobre e loitadora pola defensa da muller e dos intereses dos veciños e veciñas de Ames. Ademais, engadiron a paixón e honradez coa que traballou durante este anos, así como a valentía e atrevemento que demostrou sempre nas súas accións. O voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, destacou de María que “dende o primeiro momento que te coñecín vin en ti a unha persoa sensata e cunha valía enorme. Agora, por circunstancias persoais deixas a acta de concelleira, pero vamos a seguir contando contigo. Agardamos que volvas pronto a esta corporación porque deixas unha pegada moi grande”.

Trala renuncia de María González o alcalde deu conta da renuncia anticipada de Manuel Ferreiro Santiago, así como da solicitude de expedición de credencial a favor de Emilio Martínez Carballeira.

Conta Xeral de 2016
A corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a Conta Xeral de 2016 cun resultado orzamentario axustado con superávit de 2.378.388,48 euros e un remanente de tesourería de 5.381.147.06 euros, cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública. Dende o goberno destacouse o incremento do gasto corrente en bens e servizos cun importe de 10.447.540,94 euros, cun incremento de 801.147,52 euros respecto do 2014 e unha porcentaxe de execución do 94,76%. Tamén destacaron a diminución dos gastos financeiros, que pasaron de 164.474,90 euros no ano 2014 a 44.997,32 euros no 2016, reducíndose en 119.477,58 euros ao ano é dicir nunha porcentaxe do 72,64%. No 2015 os intereses foron de 69.216,82 euros. A comparativa establécese respecto do ano 2014 porque foi o último ano de xestión integramente do anterior goberno do Partido Popular, mentres que o 2016 é o primeiro ano de xestión integramente do actual goberno.

Por outra banda, os gastos en investimentos reais foi de 838.014,82 euros no 2016 diminuíu en 85.775,59 euros respecto do 2014. O baixo nivel de investimentos foi unha das principais criticas que fixeron os grupos da oposición xunto a alta contía que recolle o remanente de tesourería que segundo o veceiro de Ames Novo non é positivo porque o concello de Ames ten moitas necesidades para poder investir ese diñeiro. Sobre estes asuntos a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dixo “houbo un baixo nivel de investimentos, iso é verdade e ninguén o pode negar, pero é debido a que a maior parte das obras dos Plans da Deputación se adxudicaron no segundo semestre do ano 2016 e se materializaron no exercicio 2017. Ao goberno tampouco nos gusta que haxa ese remanente de tesourería, pero ese diñeiro non se pode gastar porque así está establecido por lei dende o o goberno central”.

Tamén se destacou o incremento na área de gasto dos servizos públicos básicos cun gasto de 8.222.438,62 euros, un 3,07% (244.886,50 euros) máis de gasto que no exercicio 2014. Asemade, salientouse a aposta polas políticas sociais incrementando o gasto na área de protección e promoción social en 293.211,56 euros máis que no ano 2014, acadando unha cifra de gasto de 1.950.913,81 euros e representando un incremento do 17,69%; así como na área de gasto de educación, cultura e deportes na que se incrementou o gasto no ano 2016 respecto do 2014 en 4,41% (250.515,89 euros) acadando unha cifra de gasto de 5.936.157,72 euros.

Ademais, Genma Otero destacou que “as cifras da Conta Xeral de 2016 amosan que en Ames estamos a facer unha xestión pública a prol dos intereses da veciñanza, incrementando fortemente o gasto nas áreas de protección e promoción social, servizos básicos, educación, cultura, deportes…, todo isto cunha xestión eficiente e eficaz dos recursos municipais e sen subir os impostos. Grazas a estes resultados: superávit de 2.378.388,48 euros e un remanente de Tesourería de 5.381.147.06 euros puidemos amortizar neste ano toda a débeda bancaria do Concello 2.774,350,42 euros e eliminar o Plan de Axuste 2012-2022 aprobado no 2012 polo Partido Popular que tanto afogaba a este Concello”.

Proposta para o acondicionamento integral da rúa Entrerríos
Por último, os grupos municipais de Pacto por Ames e do Partido Popular presentaron unha proposta conxunta para o acondicionamento integral da rúa Entrerríos, na zona que descorre entre a escola infantil A Galiña Azul de Bertamiráns e a estrada de Lapido, aproveitando que se están realizando obras de acondicionamento. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor dos concelleiros/as de Pacto por Ames, do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López, e coa abstención dos membros do goberno e dos edís de Ames Novo. Nela solicítase dotar a toda a zona mencionada na exposición de motivos de, beirarrúas (polo menos nun sentido), luminarias suficientes e medidas de seguridade viarias para garantir que as persoas que viven e transitan pola zona, poidan facelo de xeito seguro. Tamén se pide, sen máis demora, convocar unha reunión coa veciñanza para escoitar as súas suxestións.

O pleno comezou coa aprobación por unanimidade da desafectación dun camiño público que ten unha superficie de 162,82 metros cadrados, situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. A solicitude foi feita en agosto de 2017 por Gerardo Pardal Pazos, en representación de Industrias Poney SL, como única propietaria das parcelas colindantes. Os informes emitidos pola arquitecta municipal e maila asesora xurídica de urbanismo conclúen que a desaparición do camiño non xera ningunha consecuencia noutras propiedades, polo que se deu luz verde a este asunto.

De seguido, a corporación tamén aprobou por unanimidade a proposta, que foi presentada polo grupo municipal de Pacto por Ames no pleno ordinario de novembro, para que o Concello de Ames se adhira ao Programa de Cidades Amigas da Infancia. Para iso solicitaráselle a UNICEF Comité Español iniciar os trámites para a obtención do selo de recoñecemento de cidade amiga da infancia, así como contar co seu apoio e colaboración para o desenvolvemento, a mellora continua e maila innovación das políticas de infancia e adolescencia. O devandito programa ten como obxectivo xeral promover a aplicación da Convenio sobre os dereitos do neno (ONU, 1989).

Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais
Un dos puntos importantes do pleno ordinario de decembro foi o debate sobre a aprobación do Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais mediante a plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Este punto debateuse de forma conxunta coa modificación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2017, 2018 e 2019, para incluír a liña de axudas para a promoción destas medidas preventivas recollidas no devandito plan, e co seguinte punto que recollía a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de tala e roza nas franxas de seguridade. Os tres puntos foron aprobados por unanimidade.

Cómpre lembrar que en marzo de 2007 o Pleno do Concello de Amea aprobou o Plan para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do Concello. Este plan empregouse como un instrumento para mitigar os danos causados polos lumes forestais, como un xeito de promover o cumprimento da lexislación de prevención de incendios e para a implementación dunha silvicultura preventiva mediante a plantación de árbores frondosas caducifolias que diminúan o risco de incendio no concello.

No ano 2016, a revisión do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais estruturou ao concello en 59 ámbitos de protección de núcleos de poboación e 45 ámbitos de protección a vivendas, edificacións e infraestruturas illadas. Estes ámbitos están protexidos por unha faixa que os circunda de 50 metros onde a biomasa debe ser xestionada. Esta nova ferramenta de definición de faixas de protección fronte a incendios forestais reflicte que a diseminación das actuacións recollidas no anterior plan eran pouco eficaces. O novo plan pretende levar a cabo a plantación de frondosas caducifolias en toda a rede de faixas de protección contra os incendios forestais en todo o Concello.

As árbores serán en cada caso plantadas conforme ás especies e distancias permitidas. A través das accións propostas no devandito Plan obteranse aproveitamentos non madeireiros como os cogomelos ou a froita; beneficios medioambientais como o incremento da diversidade, equilibrio de hábitat; protección do solo, fixación do carbono atmosférico, protección fronte a especies invasoras; beneficios sociais e beneficios económicos. Ademais, preténdese reverter a percepción negativa que adoita ter a execución das obrigas legais de medidas preventivas relacionadas coa propiedade de terreos de carácter forestal, facilitando a mobilización de condutas que incidan na xestión sostible do medio, e incidindo en recuperar actitudes motivadas en relación co entorno máis inmediato.

Dende os grupos municipais da oposición mostráronse a favor de estender este plan a todo o Concello e promover accións de prevención porque segundo dixeron “son necesarias para evitar o risco de lumes forestais”. Dende o grupo de Ames Novo van propor que dentro dos orzamentos de 2018 se inclúa unha partida específica para contratar a brigada que realiza os traballos de prevención durante un período de 6 meses. Así, ampliaríase a contratación destes traballadores durante dous meses máis, xa que na actualidade están contratados por un período de catro meses. Isto suporía dedicar 17.000 euros a maiores do que achega na actualidade o Concello que son arredor de 27.000 euros.

Ademais, co obxectivo de darlle estabilidade a dito plan aprobouse a modificación do plan estratéxico de subvencións e maila ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de tala e roza nas franxas de seguridade. Segundo manifestou o goberno son instrumentos necesarios para poder levar a cabo o devandito plan. Deste xeito, os veciños e veciñas poderán optar a unha subvención de concorrencia competitiva que sufrague o 80% destes traballos de repoboación nas faixas de seguridade.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a resolución de alegacións e aprobación definitiva da primeira modificación puntual do Regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames.

Proposta sobre o proxecto de construción da EDAR do Souto
Por outra banda, aprobouse por unanimidade unha proposta sobre o proxecto de construción da EDAR do Souto. A proposta presentada inicialmente foi acordada entre os grupos PSdeG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese, BNG e o concelleiro non adscrito, Javier López, pero os grupos municipais de Pacto por Ames e Partido Popular presentaron unha emenda que foi aprobada e, por conseguinte, incluída en dita proposta. Así, en dita proposta recóllense cinco acordos. O primeiro é amosar dende o Concello de Ames o apoio aos veciños e veciñas amesáns nas súas reivindicacións contra a ubicación da nova EDAR de O Souto, rexeitando a elección do emprazamento polo impacto ambiental, patrimonial e a ausencia de garantías xurídicas necesarias para a execución do proxecto.

En segundo lugar, vanse realizar todas as medidas legais e administrativas pertinentes en contra da construción da EDAR no lugar de O Souto. No terceiro punto solicítase que as administracións competentes realicen os estudios e investimentos necesarios para a modernización e mellora tecnolóxica da actual EDAR de Silvouta, que actualmente ocasiona graves prexuízos ao río Sar e aos veciños e veciñas de Ames. En cuarto lugar, solicítase a convocatoria urxente da Comisión de seguimento para dotar ao Concello de Ames das actuacións realizadas ata o día de hoxe e trasladara información ao Pleno da corporación.

No quinto e último punto recóllese que o Concello de Ames porá todos os medios posibles (administrativos, técnicos, xurídicos, etc) en favor da veciñanza afectada para evitar a implantación na zona de O Souto da EDAR programada, asumindo tamén todos os gastos que deriven das iniciativas da veciñanza, tanto pasadas coma futuras, co fin de impedir a súa construción. Para esta cuestión solicítanse os informes preceptivos aos técnicos municipais co fin de definir esa colaboración económica.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames veta por unanimidad que la EDAR se ubique en O Souto"
Lindeiros: "Ames aproba o Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais e a Conta Xeral de 2016"