Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade o Plan Ames Progresa 2021-2023

Venres, 30 de xullo de 2021

O Concello de Ames celebrou este xoves, 29 de xullo, a sesión ordinaria do pleno do mes de xullo. A Corporación municipal aprobou o Plan Ames Progresa, un ambicioso plan de choque para reactivar a economía amesá. O Pleno municipal, tamén, aprobou os dous suplementos de créditos destinados a financiar o Plan Ames Progresa e a modificación do anexo de investimentos do Orzamento municipal para o exercicio 2021 á que obriga dito plan de choque. Ademais, o Pleno aprobou a modificación do anexo de persoal do Orzamento municipal para o 2021, a Ordenanza fiscal nº 2.1 reguladora do IBI e o nomeamento da secretaria da Comisión do Ciclo Integral da Auga. Igualmente saíu adiante a proposta que presentou o grupo do Partido Popular en apoio ao Xacobeo.

A sesión do pleno ordinario do mes de xullo comezou coa deliberación do Plan Ames Progresa, un ambicioso plan de choque destinado a reactivar a economía amesá e que foi aprobado por unanimidade polo pleno municipal.

O Plan Ames Progresa buscar impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o emprego público. O orzamento deste ambicioso plan ascende a 5.756.681,26 euros, un forte investimento económico derivado do aforro dos últimos mandatos municipais. 4.725.062 vanse inxectar en investimentos públicos, 555.000 vanse destinar a reactivar a cultura, o comercio e a hostalaría, 255.000  para o patrimonio municipal e 221.618 en reforzar o emprego público.

O Plan Ames Progresa é froito de máis dun ano de traballo. Segundo o alcalde de Ames, Blas García, o plan foi presentado a toda a Corporación municipal pois quere que este plan de choque sexa un programa de toda a Corporación municipal e non un plan do Goberno “gustaríame trasladarlle á cidadanía que cando hai temas importantes e que benefician a todos os veciñas e veciñas de Ames somos capaces de poñernos de acordo” e engadiu “é moi importante que o Plan Ames Progresa sexa un traballo de todos e que entre todos o levemos a bo fin”.

José Ramón Oulego, de Ciudadanos, recoñeceu que “é loable que o goberno traia a aprobación deste plan ao pleno cando xuridicamente non é necesario” e engadiu que “Ciudadanos sempre vai apoiar as medidas que beneficien á cidadanía”.

Quique Costas, de Ames Novo, manifestou “esta acción do goberno é envexable e quero que a cidadanía saiba que cando de verdade hai problemas remamos todos na mesma dirección porque hai momentos en que a oposición está para axudar e non só para tirar das orellas”.

Oliva Agra, do Partido Popular de Ames, pola súa banda dixo que “hai momentos en que valemos máis polo que podemos facer xuntos que enfrontados” e engadiu “este non sería o noso plan pois o noso plan tería outras cousas pero o Goberno escoitounos e comprometeuse a facer cambios”.

Suplemento de crédito
Por outra banda, aprobáronse, tamén, por unanimidade dous suplementos de crédito. O primeiro suplemento está destinado a facer fronte a gastos de sentenzas e facturas para os que o orzamento é insuficiente. Este primeiro suplemento de crédito para gastos xerais ascende a 348.415,35 € e vaise costear co remanente de tesourería.

O segundo suplemento de crédito está destinado a sufragar o Plan Ames Progresa, o novo paquete de medidas co que o Concello de Ames quere mitigar o impacto causado por esta pandemia. Esta modificación do orzamento ascende a 4.647.242,48 € e ao igual que o suplemento anterior vaise costear co remanente de tesourería.

O remanente de tesourería tras a aprobación destes dous suplementos de crédito segue a ser positivo e ascende a preto de dous millóns catro centos mil euros.

Modificación do anexo de investimentos do Orzamento municipal
A dotación de crédito necesario para a posta en marcha do Plan Ames Progresa obriga a modificar o anexo de investimentos do Orzamento municipal para o exercicio 2021. A modificación realizarase, por tanto, para incluír os proxectos derivados de dito plan.

Esta modificación, tamén, foi aprobada co voto favorable de todos os membros da Corporación municipal.

Aprobación da modificación do anexo de persoal
Tamén foi aprobada por unanimidade a modificación do anexo de persoal do Concello de Ames. Unha modificación que afecta tanto aos cadros de persoal laboral como ao do persoal funcionario.

As principais modificacións son a creación dun novo posto de adxunto/a á intervención, adscrito ao Departamento de Servizos Económicos e a creación, como consecuencia do fallo xudicial firme, dun novo posto con perfil técnico informático e clasificado no grupo profesional B.

Aprobación provisional da Ordenanza fiscal
Por outra banda, aprobouse inicialmente a Ordenanza fiscal n.º 2.1 reguladora do Imposto de Bens Inmobles. A nova ordenanza fiscal, elaborada pola concellaría de Economía e Facenda, facilita a comprensión da mesma cunha reestruturación do contido e articula dúas bonificacións potestativas adicionais. As novas bonificacións que inclúe a Ordenanza fiscal reguladora do IBI son a favor de inmobles destinados ao alugueiro con renda limitada e a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades de interese social, cultural ou histórico-artístico.

Os grupos da oposición mostráronse contrarios á aprobación deste punto pois entenden que as circunstancias de crise económica en que nos atopamos non son o mellor momento para subir impostos. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, defendeu que non se trata dunha suba senón dunha recuperación do tipo impositivo. Segundo a concelleira eles mesmos fixeran esa rebaixa para paliar o impacto dunha suba imposta polo goberno estatal. Finalmente, o punto saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e os votos en contra dos grupos da oposición.

Comisión Ciclo Integral da Auga
Tamén foi aprobado por unanimidade o nomeamento de Mónica Gónzalez como secretaria da Comisión encargada de validar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos do Ciclo Integral da Auga.

No pleno do mes de xuño aprobárase o inicio do expediente para determinar o modelo de xestión máis sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, así como a creación dunha Comisión de estudo encargada de validar a memoria xustificativa da forma mais sostible e eficiente de xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais.

A Comisión creada polo acordo plenario está formada polo alcalde de Ames, Blas García, por Ramón García Argibay en representación do Grupo Municipal PP, por David Santomil Mosquera  como voceiro do Grupo Municipal BNG, por Genma Otero Uhía como voceira do Grupo Municipal Contigo Podemos, por Enrique Costas Bastero ou José Ramón Oulego Erroz como representante do Grupo Mixto, por Esteban de la Fuente como técnico do Ciclo Integral da Auga, por Luisa Carlota Díaz como técnica da Secretaría e por Olga Castro como tesoureira.

Proposta Partido Popular
Por último, aprobouse a proposta do Grupo Popular de Ames en apoio ao Xacobeo 2021-2022. A proposta do Partido Popular engloba tres peticións: a realización por parte do Concello de Ames dunha programación extensa e descentralizada para este Xacobeo 2021-2022, a solicitude de apoio á celebración do Xacobeo 2021-2022 e, por último, o rexeitamento de campañas que vaian en contra do Xacobeo.

Este punto aprobouse cos votos a favor dos membros do Goberno municipal, dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de José Ramón Oulego, de Ciudadanos. As concelleiras de Contigo Podemos e Quique Costas, de Ames Novo, abstivéronse.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan de choque para recuperar la economía de Ames, aprobado con apoyo de toda la corporación"

El Correo Gallego:"Apróbase o maior plan de reactivación económica e apoio comercial da década"

Revista AmesGO: "Apoio unánime do pleno municipal ao Plan Ames Progresa 2021-2023"

Lindeiros: "Unanimidade en Ames para marcar o rumbo ata o 2023"

Pleno ordinario do 29 de xullo

Multimedia

  • Pleno ordinario do 29 de xullo
  • Pleno ordinario do 29 de xullo
  • Pleno ordinario do 29 de xullo