Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade o expediente de licitación do servizo de axuda no fogar

Venres, 29 de xullo de 2022

Este xoves, 28 de xullo, celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes de xullo. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos recollidos na orde do día. Deste xeito aprobouse o expediente de licitación do servizo de axuda no fogar; o proxecto modificado de construción de beirarrúas na avenida da Maía e maila solicitude dunha subvención nominativa á Deputación da Coruña para poder executar dito proxecto. Ademais, tamén se aprobou a subsanación do proxecto das obras de reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns, a modificación do proxecto de acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas das escola infantil municipal O Bosque, e a adxudicación dos tres lotes incluídos no contrato do servizo de limpeza de instalacións municipais e centros educativos. Por último, aprobouse de xeito inicial o regulamento de títulos, honras e distincións do Concello de Ames e a resolución da alegación presentada e maila aprobación definitiva do regulamento do Consello sectorial da cultura.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o pleno do pasado mes de xuño aprobáronse os decretos que van do 1.983 ata o 2.264, aprobándose un total de 282 decretos. No apartado de deliberación e acordo en primeiro lugar aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de xuño.

A continuación abordouse a subsanación do proxecto das obras de reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns, sufragadas a través do POS+ 2020, e maila aprobación do proxecto modificado das obras de acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas das escola infantil municipal O Bosque. En ambos proxectos realizáronse modificacións non substanciais e que implican cuestións menores de índole formal detectadas polos técnicos da Deputación da Coruña. Estes dous puntos foron aprobados por unanimidade de toda a Corporación municipal.

Neste mesmo apartado o alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, deu conta da modificación do proxecto de construción de beirarrúas na avenida da Maía. O contido da modificación de dito proxecto é unicamente a actualización de prezos tendo en conta a normativa laboral aplicable. Os técnicos da Deputación detectaron un erro no proxecto relativo aos salarios dos peóns e dos oficiais de primeira e segunda, xa que non eran acordes co recollido no convenio colectivo. Deste xeito, procedeuse a subsanar dito erro e reformulouse o proxecto, o que non implicou modificación algunha no seu orzamento. Este punto foi aprobado por unanimidade.

A continuación abordouse a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación da Coruña para poder executar o proxecto. A solicitude desta axuda xa foi aprobada en pleno, pero houbo que incluír en dita solicitude que se trata dunha obra de interese público para poder optar aos fondos que achega a Deputación. Este punto tamén foi aprobado por unanimidade. Cómpre lembrar que no pleno do 30 de xuño de 2021 aprobouse o proxecto técnico de dita obra, cun orzamento de execución por contrata de 301.205,72 euros, sendo a achega solicitada á Deputación de 240.964,57 euros o que representa unha porcentaxe de financiamento do 80%. O 20% restante será financiado polo Concello de Ames que ascende a 60.241,15 euros.

Regulamento de títulos, honras e distincións
De seguido abordouse a aprobación inicial do regulamento de títulos, honras e distincións do Concello de Ames. O obxectivo é establecer o marco legal en dita materia. O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, explicou que é necesario dispor de dito regulamento que consta de seis capítulos e 15 artigos, e que regula a concesión de títulos, honras e distincións correspondentes á medalla do Concello, título de fillo/a predilecto/a, título de fillo/a adoptivo/a, título de cidadán ou cidadá distinguido/a, título de ilustre visitante, méritos ao persoal traballador, e cronista oficial de Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade.

O borrador de dito regulamento foi sometido a consulta pública sen que se presentase suxestión algunha. Agora foi aprobado de xeito inicial para sometelo a información pública por un período de 30 días hábiles. No caso de que non se presenten reclamacións a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.

Consello sectorial da Cultura
Outro dos temas abordados no pleno ordinario de xullo foi a resolución da alegación   presentada e maila aprobación definitiva do regulamento do Consello sectorial da cultura. Estimouse parcialmente a alegación sobre o acordo de aprobación inicial do regulamento do Consello sectorial de Cultura que tivo lugar no pleno do 28 de abril de 2022. Deste xeito, modifícanse os artigos 3 e 4 do regulamento para que a presidencia do Consello sectorial de Cultura e do seu pleno corresponda ao concelleiro/a de Cultura.

Ademais, o concelleiro do grupo mixto, Enrique Costas, de Ames Novo, solicitou que a representación do Consello sectorial da Cultura na asemblea de participación corresponda ás entidades culturais e veciñais representadas en dito consello sectorial e non a un representante político. Dita solicitude tamén foi aceptada polo que este punto foi aprobado por unanimidade.

Servizo de axuda no fogar
Por outra banda, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o expediente de contratación do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames (modalidade de SAF libre concorrencia e SAF dependencia). A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que o servizo de axuda no fogar non é un servizo máis, senón que  é un dereito. Destacou o incremento no número de horas e que por primeira vez poderase absorber practicamente toda a lista de agarda. Tamén salientou que por primeira vez prestarase o servizo ao grupo 2 de dependencia e posiblemente tamén ao grupo 1.

O novo contrato recollerá un considerable aumento de horas e mailo incremento do custe prezo/hora, chegando aos 19,67 euros/hora normal e aos 23,32 euros/hora en festivos. O contrato terá unha duración inicial de dous anos que irá de febreiro de 2023 a xaneiro de 2025. O orzamento base de contratación ascende a 3.008.652 euros (IVE incluído). Tendo en conta as prórrogas e as posibles modificacións contractuais do 20% o contrato pode chegar aos 8.051.000 euros.

A concelleira de Benestar Social tamén destacou a incorporación das demandas das profesionais do servizo, para mellorar as condicións laborais, xa que se trata dun sector precarizado e feminizado. Os pregos do novo contrato recollen un cambio no sistema de valoración, no que teñen un maior peso os criterios técnicos por riba do económico e increméntase o peso da formación nas auxiliares, coidadores e familias, e fixéronse cambios para axilizar a valoración das ofertas e resolver a licitación o antes posible.

Adxudicación do servizo de limpeza
Tamén se aprobou por unanimidade a adxudicación dos tres lotes do contrato de limpeza de instalacións municipais e centros educativos do concello. O primeiro lote foi adxudicado a empresa Limpezas Germania, por un importe de 802.563,24 euros (IVE incluído), para prestar o servizo de limpeza nos centos de educación infantil e primaria, así como nas escolas unitarias.

O segundo lote, que inclúe o servizo de limpeza nas escolas infantís, adxudicouse á empresa Limpezas Compostela por un importe de 238.474,11 euros. O terceiro lote inclúe o servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal e foi adxudicado á empresa Limpezas Germania por 546.368,01 euros. O contrato ten unha duración inicial de tres anos, podéndose prorrogar de xeito anual ata un máximo de cinco anos. O servizo comezará a prestarse o 1 de setembro de 2022.

Investigación patrimonial dun camiño e recepción dun terreo
Ademais, aprobouse por unanimidade a desestimación dos recursos de reposición interpostos por Carmen Piñeiro Fernández, Juan Guardado Vázquez e Elvira Carnadas Fernández fronte ao acordo tomado no pleno do 30 de setembro de 2021, en referencia a un expediente de investigación patrimonial sobre un camiño de Oca. A desestimación dos recursos está motivada en que dito camiño é un ben de dominio público. Por último, aprobouse por unanimidade a recepción formal dun terreo previamente desafectado de 327 metros cadrados no cemiterio parroquial de Biduído.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aprueba la licitación del servicio de ayuda en el hogar por 3 millones de euros" | "Ames prestará hasta 75.398 horas al año de atención en el hogar con el futuro contrato"

El Correo Gallego: "Ames aprobou o expediente de licitación do SAF e adxudicou os tres lotes para o servizo de limpeza"

Imaxe do pleno ordinario de xullo

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de xullo
  • Imaxe do pleno ordinario de xullo
  • Imaxe do pleno ordinario de xullo