[28-09-2018] Este xoves, 27 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade o convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión co obxectivo de regular a porcentaxe de participación de cada concello nos custes de xestión da ETAP de Lens. Tamén se aprobou a sétima modificación da RPT; a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do Centro Deportivo Municipal A Telleira; a revisión do prezo de concesión da xestión e mantemento do devandito Centro deportivo, a fixación dos festivos locais de 2019, e unha moción presentada por Ames Novo sobre o servizo de comedores escolares municipais.
O Pleno ordinario do mes de setembro comezou coa fixación dos festivos locais de 2019. Así, aprobouse por unanimidade que sexan festivos locais o xoves 30 de maio (día da Ascensión) e mailo 24 de xuño de 2019 (día de San Xoán). A continuación, aprobouse, tamén por unanimidade, o convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión co obxectivo de regular a porcentaxe de participación de cada Concello nos custes de xestión da ETAP de Lens.
Cómpre lembrar que no ano 2008 foi aprobado o anteproxecto das obras de abastecemento en Ames e Brión polos plenos de ambos Concellos acordando a súa xestión conxunta. Posteriormente, en 2016 foi entregada dita ETAP por parte da Xunta de Galicia, coas seguintes instalacións: captación de auga no río Tambre, no lugar de Lens; estación de tratamento de auga potable (ETAP) con capacidade para tratar 175l/s, a cal inclúe un depósito de auga tratada de 7.300 metros cúbicos; tubaxe de impulsión en fundición dúctil entre a ETAP e o depósito da cabeceira; un depósito de cabeceira de auga de 10.000 metros cúbicos; e tubaxes de condución por gravidade entre o depósito de cabeceira e os depósitos existentes en Brión e Castiñeiro do Lobo (Ames).
Deste xeito, ambos Concellos consideran que a utilización conxunta das citadas instalacións esixe a unificación da súa xestión para unha mellor funcionalidade e economía do servizo e porque así foi acordado en novembro de 2018. Para determinar a participación de cada Concello diferenciáronse tres períodos distintos. O período número 1 iniciouse coa entrega das instalacións da ETAP Ames-Brión, pola Xunta de Galicia, e comprendeu os traballos de posta en marcha e funcionamento da ETAP, que se iniciaron en marzo de 2016. Os gastos deste período incluíron os gastos de vixilancia e instalación de contadores. Ditos custos foron financiados, de forma proporcional, á participación de cada concello na construción da instalación, correspondéndolle ao Concello de Ames un 67% dos gatos e ao Concello de Brión un 33%.
O período número 2 iniciouse unha vez se finalizaron os traballos de posta en marcha e funcionamento da ETAP e comprendeu o total dos gastos do contrato de mantemento, potablización e custes de electricidade. Ditos custos foron sufragados de forma proporcional ao número de metros cúbicos que consumiu cada un dos concellos, segundo a medición realizada nos contadores instalados na tubaxe de abastecemento aos depósitos individuais de cada Concello, na saída da estación de tratamento. Por último, o período número 3 iniciouse coa prestación do servizo en xuño de 2017 pola nova adxudicataria do ciclo integral da auga do Concello de Ames (Espina & Delfín). O prezo por metro cúbico é o recollido na oferta da adxudicataria e será financiado de forma proporcional ao número de metros cúbicos que consume cada concello.
Todos aqueles gastos distintos aos gastos de mantemento, que non se atopen incluídos no prezo do metro cúbico que resultou da licitación do Ciclo integral da Auga, e que sexa necesario levar a cabo na instalación da ETAP serán financiados de forma proporcional á participación de cada un dos Concellos na construción da instalación, correspondéndolle a Ames un 67% e a Brión o 33%.
Sétima modificación puntual da RPT
Ademais, a Corporación municipal aprobou a sétima modificación puntual da RPT municipal do Concello de Ames, que consiste no cambio de adscrición orgánica dun dos postos de auxiliar administrativo/a, actualmente integrado no servizo de Secretaría do departamento de Secretaría e Administración Xeral; que pasará a adscribirse ao servizo de Contratación deste mesmo departamento, e a incorporación á RPT municipal dunha nova división administrativa correspondente á Escola Municipal de Música; coa creación de 9 postos adscritos á mesma. Dita modificación foi aprobada cos votos a favor dos membros do goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os edís de Pacto por Ames e do Partido Popular abstivéronse.
Centro deportivo municipal A Telleira
Por outra banda, abordouse a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do Centro Deportivo Municipal A Telleira, así como a revisión do prezo de concesión da xestión e mantemento do devandito Centro deportivo. A modificación da ordenanza responde a un incremento das tarifas nun 2,6%. Este punto foi aprobado por maioría simple co voto favorable dos membros do goberno, mentres os edís de Ames Novo, Partido Popular e Pacto por Ames, abstivéronse.
Dende a última actualización aprobada no ano 2012, non se levaron a cabo máis revisións de prezo do contrato, polo que a Corporación municipal tratou dita revisión para o exercicio 2018. O incremento ascende ao 2,6% dada a evolución do IPC galego. Cómpre lembrar que o contrato coa adxudicataria do servizo de xestión e mantemento de dito Centro deportivo foi prorrogado, por un prazo de 5 anos, o pasado 1 de marzo de 2018, o que permitiu ampliar as instalacións da Telleira cunha nova sala de preto de 500 metros cadrados. Este punto saía adiante por maioría absoluta, co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os edís de Pacto por Ames e do Partido Popular abstivéronse.
Moción sobre os comedores escolares
Por último, abordouse unha moción presentada polo grupo municipal Ames Novo sobre o servizo de comedores escolares municipais. Dita moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras de Ames Novo, Partido Popular e Pacto por Ames, mentres que os membros do goberno municipal votaron en contra. Esta moción quedou encima da mesa no pasado pleno ordinario de xullo ao non dispor dos correspondente informes técnicos dos departamentos de intervención e educación. Agora, unha vez elaborados ditos informes, foi tratada pola Corporación municipal.
Deste xeito, o Pleno aprobou que o Concello poñerá en marcha de xeito urxente todas a medidas provisionais necesarias para a absorción do total de demandantes do Servizo Municipal de Comedores Escolares para o curso 2018-2019. Os outros dous acordos que recolle dita moción son que o Concello adoptará as medidas precisas en materia de infraestruturas para a adecuación da oferta de prazas deste servizo ao previsible incremento da demanda futura. Especialmente tomará todas as medidas que se necesiten para que o futuro CEIP do Milladoiro incorpore comedor e cociña con capacidade suficiente e adecuada ao tamaño do centro; así como que o Concello de Ames adoptará aquelas medidas de corrección orzamentaria que sexan precisas para o cumprimento destes acordos, conforme ao establecido no Regulamento de Aplicación Orzamentaria e demais normativa reguladora vixente.
Contido relacionado

Lindeiros: "Ames aproba unha moción para asumir todas as demandas de uso dos comedores escolares"




