Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade o convenio da liña municipal de autobús Bertamiráns-Santiago que pasará polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído

Venres, 29 de abril de 2022

Este xoves, 28 de abril, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de abril no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a aprobación do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, o Concello de Ames e a UTE (Unión temporal de traballadores) “XG-807”, para a implantación da nova liña de autobús do servizo de interese municipal, entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago, que discorrerá polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Outros temas que se aprobaron foron a modificación do plan estratéxico de subvencións; a revisión de prezos dos contratos de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto limpo e do servizo público do Ciclo integral da auga; a aprobación inicial da ordenanza reguladora da limpeza de terreos, solares e parcelas; a aprobación dos regulamentos do Consello sectorial da cultura e da prestación do servizo de atención temperá; e maila declaración institucional de loita contra a fraude.

O pleno ordinario do mes de abril comezou co alcalde de Ames, Blas García, dando conta ao Pleno dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria. Neste período aprobáronse 338 novos decretos que van dende o 833 ao 1171. De seguido, aprobáronse por unanimidade as actas das sesións plenarias do 31 de marzo e do 7 de abril de 2022.

A continuación, aprobouse por unanimidade a declaración institucional de loita contra a fraude. Aínda que este tema figuraba como último punto no apartado de deliberación e acordo, tratouse en primeiro lugar. Deste xeito, o Concello de Ames, a través desta declaración  institucional, quere manifestar o seu compromiso cos estándares máis altos no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e a súa adhesión aos máis estritos  principios de integridade, obxectividade e honestidade, de maneira que a súa actividade sexa percibida por todos os axentes que se relacionan con ela como aposta á fraude e á corrupción en calquera das súas formas.

Revisión dos prezos do Ciclo Integral Auga, limpeza viaria e Punto limpo
No pleno de abril abordáronse as revisións de prezos do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, así como do contrato de concesión de limpeza viaria e xestión do Punto limpo, dende o 1 de xaneiro de 2022. Estes dous puntos tamén foron aprobados por unanimidade da Corporación municipal.

Cómpre lembrar que no pleno celebrado o 28 de decembro de 2021 foi aprobada a continuidade da xestión do servizo do Ciclo Integral da Auga (CIA) por parte de Espina y Delfín SL ata o 31 de decembro de 2022, agás no caso de que o concello acadase antes a prestación directa do servizo. A continuidade deste acordo mantén as condicións do contrato asinado coa empresa en xaneiro de 2017, que inclúe unha cláusula que permite a solicitude de revisión de prezos por parte da concesionaria. Esta solicitou unha revisión dos prezos a partir de comezos de 2022, que supoñen unha actualización do 9,25%. Deste xeito, o cargo estimado aos orzamentos municipais de 2022 ascende aos 1.931.001,80 euros.

Nese mesmo pleno, ratificouse tamén a sétima prórroga do contrato con Urbaser SA para a concesión do servizo municipal de limpeza viaria e xestión do Punto limpo, ata o 14 de xullo de 2022. Do mesmo xeito que no acordo para o Ciclo Integral da Auga, o contrato coa empresa concesionaria conta cunha cláusula que para a revisión de prezos, a cal se solicitou no pasado mes de marzo. Deste xeito, a actualización de prezos para o exercicio 2022 contempla un coeficiente de actualización do 6,5%, o que suporía que o novo custo revisado para a prestación do servizo neste ano sería de 639.914,84 euros.

Modificación do plan de subvencións 2020-2022
O pleno aprobou tamén a modificación do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Ames para o período 2020-2022, que fora aprobado en sesión plenaria o 27 de febreiro de 2020. Ao ser redactado e aprobado antes da crise epidemiolóxica da Covid-19, o Concello puxo en marcha distintas liñas de actuación que non estiveron reflectidas no Plan, polo que cómpre incluír neste novas subvencións, así como reformular algunhas xa existentes. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos/as concelleiros/as do Partido Popular de Ames. Os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstivéronse.

As modificacións propostas para a súa aprobación en pleno suman unha variación negativa con respecto ao Plan inicial de 49.922,82 euros, con cambios en materia de protección civil, servizos sociais e promoción social, educación, promoción cultural e normalización lingüística, deportes e promoción económica. Algunhas das modificacións máis notables son a creación dunha nova liña de axudas de 20.000 euros para empresas do sector audiovisual, o crecemento das subvencións para actividades de promoción social e de fomento do comercio local, e a retirada das subvencións a entidades deportivas para realizar programas de escolas deportivas, co fin de reformulalas de cara ao exercicio 2023.

Sobre este asunto o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, dixo non coñecer a argumentación suficiente para ditas modificacións do plan de subvencións. “Suprímense partidas e non sei porque. Pídeseme un acto de fe para aprobar estas modificacións. Eu sempre apoie o plan de subvencións, pero neste caso cos datos existentes non podo saber se está ben ou non, polo que non o podo apoiar”. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dixo estar en desacordo con Quique Costas. “Está todo argumentado con táboas, ademais informouse das modificacións na comisión informativa e para iso están os plenos para debater e argumentar. As subvencións repítense no tempo e as modificacións incrementan as cantidades das liñas de axudas, polo que non entendo que a documentación careza de base para a que a poidas apoiar. Máis transparencia é imposible”, rematou dicindo.

Implantación da nova liña de autobús do servizo de interese municipal
Un dos temas máis importantes tratados na sesión plenaria de abril foi a aprobación do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, o Concello de Ames e a UTE (Unión temporal de traballadores) “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). Este convenio, que foi aprobado por unanimidade, busca dar unha solución ás persoas usuarias da desaparecida liña de transporte urbano P2, pertencente ao Concello de Santiago e que transitaba polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído.

Deste xeito, o trazado desta nova liña de interese municipal funcionará en ambos sentidos pola rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para despois continuar por As Cortes, Ortoño (igrexa), Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil e Costoia, ata a estación intermodal de Santiago. O obxectivo é dar continuidade á prestación dun servizo que xa se viña realizando, e que sirva de ligazón coa rede de transporte público de viaxeiros xa existente. O convenio comezará a aplicarse nas próximas semanas e terá vixencia ata finais de maio de 2026. Contará cun investimento total do Concello de Ames de 220.812,96 euros.

Sobre este tema a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, dixo que “despois de moitas conversas e negociacións coa Xunta de Galicia e co Concello de Santiago, a implantación dunha liña de interese municipal é a única solución viable. Este servizo vai complementar a liña de transporte metropolitano, que parte de Extramundi, e pasa polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído ata chegar a Santiago. O SIMU contará con 10 frecuencias de volta e 15 de ida, entre Alcalde Lorenzo e a estación intermodal”. Ademais, engadiu que “tivemos que optar por este servizo para dispor dunha solución, xa que a Xunta manifestou que non ía incrementar a quilometraxe do servizo metropolitano. Esta é unha competencia da Dirección Xeral de Mobilidade. Ante este negativa e pese a que ao Concello de Ames non lle corresponde asumir unha SIMU, nin a responsabilidade de achegar aos veciños/as da contorna a Santiago, tivemos que optar por esta vía para darlle unha solución ao problema existente”.

Por parte da oposición José Ramón Oulego, de Ciudadanos, dixo que “se alegraba polos veciños destas parroquias e que era unha mágoa que houbera que agardar un ano para chegar a este acordo”. Quique Costas, de Ames Novo, incidiu en que “o SIMU é unha trapallada máis da concesión do transporte metropolitano. Arránxase o problema que teñen os veciños destas parroquias, pero non entendo porque hai que facer un convenio. Eu estou a favor do Goberno, pero isto é unha trapallada, o responsable do transporte metropolitano é a Xunta de Galicia, e isto teno que saber a veciñanza. Por último, Oliva Agra, voceira do PP de Ames, dixo “alegrámonos moito de que por fin se solucionara o problema. O que queremos é que os veciños dispoñan do servizo. Alegrámonos moito de que se optase por esta solución. Isto xa o dixemos nós hai tempo”.

O alcalde, Blas Garcia, manifestou que “este é un tema que me preocupou moito nos últimos meses e que me quitou o sono durante moito tempo. Estamos aquí para darlle solución aos problemas dos veciños e foi o que intentamos facer. Non é a mellor solución, nin a que queríamos, pero agora toca poñer en valor e promocionar este servizo para que a veciñanza faga uso del”. Tamén destacou “a colaboración e participación da veciñanza e das asociacións veciñais nas distintas mesas de traballo, así como a boa predisposición da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e mailo interese amosado pola conselleira”.  

Aprobación da ordenanza de limpeza de terreos, solares e parcelas
Por outra banda, aprobouse a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora de limpeza de terreos, solares e parcelas en solo urbano, núcleo rural e urbanizable. Este punto saíu adiante co voto favorable do Grupo de goberno e dos dous concelleiros do grupo mixto, mentres que os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse. Neste punto a discrepancia existiu no punto 15.2 da ordenanza sobre a execución forzosa dos traballos de limpeza e mantemento.

Segundo a ordenanza, cando un propietario/a non realiza os correspondentes traballos de limpeza, iniciase a execución forzosa, a través dunha multa coercitiva ou da execución subsidiaria. No caso da multa coercitiva, a contía calcularíase sobre o 20% do valor da multa interposta pola infracción, o que obriga a tramitar primeiro o expediente sancionador. Dende o grupo municipal popular amosaron a súa desconformidade con este xeito de proceder que se recolle na ordenanza sobre a tramitación das multas coercitivas.

A falta de limpeza e mantemento destas terras constitúe unha mala práctica e un incumprimento da obriga das persoas propietarias de conservación dos terreos e demais bens inmobles. Estas malas prácticas poden poñer en risco á poboación ou os bens doutras persoas, ben afectando negativamente á prevención e a defensa contra os lumes, incidindo en riscos para a salubridade pública, e deteriorando a imaxe do municipio. Dado o elevado número de expedientes que anualmente se tramitan no Concello por estes motivos, faise necesaria a creación dun instrumento xurídico de aplicación xeral, neste caso unha ordenanza.

Modificación da situación de incapacidade dos empregados municipais
O alcalde anunciou a retirada da orde do día da modificación do acordo de mellora da acción protectora da Seguridade Social nos casos de incapacidade temporal do persoal do Concello de Ames, aprobado en pleno o 28 de marzo de 2019. O obxectivo deste cambio puntual era incluír no acordo as compensacións retributivas por distorsión horaria, nocturnidade e festividade, que lles corresponderían ás persoas afectadas nos meses previos ao inicio da situación de incapacidade temporal. Este punto retirouse da orde do día á espera de poder volver a levalo ao pleno con informes que dispoñan de máis garantías xurídicas. Para elo solicitaráselle un informe a outra Administración.

Aprobación do regulamento do Consello sectorial da cultura
Outro dos puntos abordados foi a aprobación do regulamento do Consello sectorial da cultura do Concello de Ames, que fora constituído en febreiro de 2021 e que se reuniu por primeira vez no mes de maio, no que se acordou que o departamento de Cultura elaborase un borrador de regulamento. Posteriormente, en febreiro de 2022, o Consello reuniuse novamente para aprobar unha proposta definitiva, que foi sometida a información pública durante un mes sen suxestións nin alegacións.

Agora, o regulamento foi debatido no pleno. O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, presentou tres emendas ao texto que foron rexeitadas co voto en contra dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, mentres que os 8 concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e os 2 concelleiros do grupo mixto votaron a favor. Posteriormente, votouse a aprobación do devandito regulamento, que foi aprobado cos votos a favor dos membros do Goberno municipal, o voto en contra de Quique Costas, de Ames Novo, e coa abstención dos/as concelleiros/as do Partido Popular de Ames e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego.

Aprobación do regulamento de condicións do SAT de Teo e Ames
Por último, aprobouse por unanimidade o regulamento de prestación do Servizo de Atención Temperá dos Concellos de Ames e Teo, que asinaron un convenio para a xestión compartida deste servizo en outubro de 2021. Dende outubro, ambos Concellos constitúen unha Comisión Mixta de Coordinación, na que traballan conxuntamente para facilitar o cumprimento e o funcionamento do convenio.

Este equipo de traballo vén reuníndose dende comezos de 2022 para pechar e regular o catálogo de condicións de prestación do SAT, no que se inclúen elementos necesarios para o desenvolvemento do servizo, como os baremos para establecer as listas de agarda, no caso de seren necesarias, os dereitos e deberes das persoas usuarias ou os medios persoais e materiais do servizo, entre outros temas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mano dura contra los amesanos que ‘pasen’ de limpiar sus fincas"

Enfoques: "Unanimidad en Ames para aprobar el convenio de la línea de autobús Bertamiráns-Santiago"

Lindeiros: "Ames aproba no pleno de abril a liña de bus que dara servizo a Ortoño, Bugallido e Biduído"

Imaxe do pleno ordinario de abril

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de abril
  • Imaxe do pleno ordinario de abril