Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade habilitar 294.000 euros de fondos propios para financiar parte da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado rural do concello de Ames

Venres, 30 de agosto de 2019

A Corporación municipal aprobou no pleno ordinario de agosto unha moción presentada por vía de urxencia para habilitar 294.057,80 euros para o financiamento da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado rural do concello de Ames, enmarcada no Programa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Este proxecto ten un orzamento de 1.470.288,94 euros, dos cales se vai solicitar unha axuda por valor de  1.176.231,15 euros. Ademais, aprobouse a segunda fase do POS Adicional 1/2019; o suplemento de crédito 1/2019; e mailos festivos locais para o exercicio 2020.

O Pleno aprobou por unanimidade o compromiso  de habilitar o crédito suficiente para financiar a execución total do proxecto singular mellora da eficiencia enerxética no alumeado rural do concello de Ames, no caso de que o proxecto resulte seleccionado no marco da convocatoria de axudas do Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, polo que se regula a concesión directa de subvencións á proxectos singulares das entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

O Concello de Ames pretende acollerse á convocatoria indicada para realizar dito proxecto, actuación encadrada na liña 6 da convocatoria; renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización interior. A actuación proxectada ten un orzamento total de 1.470.288,94 euros, o que supón que o Concello de Ames, no caso de resultar seleccionada a súa actuación, ten que habilitar crédito por importe de294.057,80 euros que supón un 20% do orzamento total. O 80% restante, 1.176.231,15 euros, será sufragado con cargo aos fondos europeos no caso de que dita concesión sexa aprobada.

O concello de Ames dispón de 7.133 puntos de luz e de 173 centros de mando no seu sistema de iluminación pública. Dentro do proxecto actual proponse substituír 4.540 puntos, o que representa o 64% do total de luminarias. Estes puntos para substituír englóbanse en 120 centros de mando, que tamén serán reformados, representando o 69% do total de centros presentes no termo municipal. Todas as luminarias incluídas nos cadros sinalados atópanse maioritariamente en vías rurais, con vías sen ancho regular e principalmente zonas de acceso a casas ou leiras en núcleos rurais. Deste xeito, reducirase a contaminación lumínica e conseguirase unha redución do consumo de enerxía eléctrica do 53% mantendo o mesmo número de puntos de luz.

POS Adicional 1/2019
Por outra banda, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a segunda fase do POS Adicional 1/2019. Ao Concello de Ames correspóndelle a contía de 834.460,91 euros para o POS Adicional 1/2019. Na primeira fase puidéronse incluír as actuacións previstas no Plan complementario POS 2019, aprobadas polo Concello no Pleno do 18 de decembro de 2018. Dita inclusión tivo lugar por acordo de Xunta de Goberno Local do 16 de maio de 2019.

Deste xeito, foron incluídas na primeira fase do POS Adicional 1/2019 sete investimentos por importe de 777.415,69 euros. Os proxectos incluídos no plan complementario son a construción dun novos vestiarios no campo de fútbol do Milladoiro; unha senda peonil de Sisalde a Agro do Muíño; outra senda peonil de Outeiro a Costoia; e maila pavimentación de varios camiños: no núcleo de Raíces; no camiño de Tarrío a Raíces; dos accesos en Ventosa; dos acceso ao lugar de Sura.

Debido a que a contía asignada ao Concello de Ames é de 834.460,91 euros resta un importe de 57.045,22 euros. Esta é a contía dispoñible para a segunda fase do POS Adicional 1/2019, que se destinará ao proxecto de mellora dos accesos do lugar de Portanxil (Trasmonte).

Suplemento de crédito 1/2019
Ademais aprobouse, cos votos a favor dos membros do grupo de goberno e a abstención dos concelleiros/as do grupo municipal popular e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, o suplemento de crédito 1/2019 para facer fronte a gastos do capítulo VI, de investimentos, por valor de 246.051,09 euros.

Ditos gastos corresponden fundamentalmente a gastos de investimentos, en áreas que afectan a servizos básicos: seguridade e orde público, alumeado público, estradas e camiños, investimentos en infraestruturas deportivas e educativas. Esta modificación reponde á necesidade de dar cumprimento ao principio de anualidade, propiciando que o gasto efectuado ao longo do ano poda ser imputado contra créditos orzamentarios do propio exercicio.

Festivos locais de 2020
Por último, aprobáronse por unanimidade os días festivos locais para o exercicio 2020, que serán o martes de Entroido (25 de febreiro) e o día da Ascensión (21 de maio).

Ligazóns:

El Correo Gallego: "Sustituirán el 64 % de las farolas en el rural de Ames"

La Voz de Galicia: "Ames reserva 294.000 euros para cofinanciar la instalación de luz led en 4.450 luminarias de la zona rural"

Compostela 24 horas: "Ames investirá 294.000 euros para mellorar o alumeado no rural"

Lindeiros: "Ames aproba melloras enerxéticas no alumeado do rural"

Imaxe do pleno ordinario do 29 de agosto de 2019

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario do 29 de agosto de 2019
  • Imaxe do pleno ordinario do 29 de agosto de 2019
  • Imaxe do pleno ordinario do 29 de agosto de 2019
  • Imaxe do pleno ordinario do 29 de agosto de 2019