Pestanas principais

O pleno aproba por unanimidade a creación dos Consellos Sectoriais de Educación e Cultura

Venres, 26 de febreiro de 2021

Cos votos a favor de todos os membros da corporación municipal aprobouse onte a creación dos Consellos Sectoriais de Cultura e Educación. Tamén por unanimidade se aprobou a modificación  do proxecto técnico de acondicionamento e mellora da cuberta e das fachadas da EIM O Bosque e a adhesión o programa de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación da Coruña. A orde do día incluía ademais unha proposta do PP para instar ao Goberno de España a poñer en marcha medidas para rebaixar o prezo da luz que foi rexeitada ao votaren en contra os concelleiros de Contigo Podemos, PSOE e Ames Novo; unha proposta do BNG sobe a transferencia da AP9 a Galicia que se aprobou coa abstención do grupo Socialista; e outra do grupo Mixto, presentada polo concelleiro de Ciudadanos, Ramon Oulego, que instaba á Xunta a que fixese estudos para instalar filtros HEPA nas aulas, que foi rexeitada cos votos en contra de PP, PSOE, BNG e Contigo Podemos e a abstención do concelleiro de Ames Novo. A proposta presentada conxuntamente polo grupo de Goberno e o grupo Mixto a través da que se insta á Xunta de Galicia a dar cumprimento ao Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2015-2021, e acometer, á máxima brevidade posible, as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da depuradora de Sisalde, votouse ás 24:00 horas en punto, logo de que o alcalde de Ames, José Miñones, advertise aos concelleiros Ramón Argibay do Partido Popular e Blas García do PSOE sobre a falta de respecto que supuña que duplicasen o tempo permitido na exposición dos seus argumentos. A proposta saíu adiante cos votos a favor de toda a corporación, agás o PP que se abstivo. Por falta de tempo, quedou sen tratar a declaración institucional, proposta polo concelleiro do grupo mixto José Ramón Oulego, para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación e asegurar o cese dos políticos que se salten ou cometan calquera tipo de irregularidade asociada ao proceso ou a orde de vacinación. O pleno foi retransmitido vía streaming a través da páxina de directo da web municipal. 

A aprobación do Proxecto Técnico das obras de acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da Escola infantil municipal O Bosque, situada na localidade de Bertamiráns foi o primeiro punto que se tratou no apartado de deliberación e acordo e saíu adiante cos votos a favor de todos os membros da corporación municipal. Previamente, o Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación aprobara o proxecto técnico. A actuación ten un orzamento de 78.920,40 euros, dos cales o organismo provincial achega 52.000 euros e o Concello de Ames pon o importe restante, 26.920,40 euros. O seguinte paso será asinar o convenio coa Deputación da Coruña para licitar as obras e poder executalas o antes posible, desexo que manifestaron todos os grupos políticos.

A creación do Consello Sectorial de Educación foi aprobada por unanimidade despois de que se incluíse unha emenda presentada polo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, que engadía ao texto o matiz de “facultar ao alcalde do Concello de Ames para cantas actuacións de trámite sexan precisas para a mellor execución do acordo de constitución se produza no prazo máximo de 30 días naturais a contar a partir da súa adopción”. Na súa exposición, Santomil, explicou que “o consello constituirá unha ferramental útil para a cohesión do tecido educativo e unha canle entre a administración e os distintos axentes implicados na educación”. Javier Olmo, do PP, argumentou  que non era que estivesen en contra da creación dun Consello Sectorial de Educación, pero que “tal e como estaba redactado o proxecto non tiña capacidade de execución, que se necesitaba máis reflexión para modificar algunhas cuestións e non arriscarse a atoparse despois con problemas de competencias con outros organismos semellantes”. Recordou Olmo que a iniciativa procedía da oposición, incluído o PP” e engadiu que “o que non procede é que a presente o concelleiro de turno porque o procedemento di que a presente o alcalde ou os grupos da oposición”.

Aprobados por unanimidade o Consello Sectorial de Cultura e a adhesión ao servizo de teleasistencia da Deputación
Menos debate suscitou a aprobación do Consello Sectorial de Cultura. A concelleira de Cultura, Natividade González, describiu a Ames como un “ecosistema cultural de gran riqueza” e expuxo de xeito conciso as vantaxes que para o sector e as persoas implicadas na cultura en Ames suporía a creación deste consello: “Trátase de fomentar a cultura participativa a través dun foro de encontro e debate, onde se podan propoñer e asesorar medidas, participar en tomas de decisións, colaborar de forma activa, velar polo cumprimento das boas prácticas e incentivar a participación, co fin de promover e fomentar as políticas culturais do noso concello”. O asunto foi aprobado por unanimidade.

A adhesión do Concello de Ames ao programa de teleasistencia domiciliaria da Deputación provincial da Coruña tamén saíu adiante co beneplácito de todos os grupos. O Organismo provincial presta este servizo de teleasistencia domiciliaria ás persoas non dependentes, residentes nos municipios de menos de 50.000 habitantes que, por razón de idade, enfermidade, diversidade funcional, illamento xeográfico ou desarraigamento social precisan da asignación deste servizo para mellorar a súa calidade de vida, posibilitando, con iso, a súa permanencia na contorna habitual.

A rebaixa do prezo da luz
Tratáronse ademais catro propostas. O Grupo Municipal Popular de Ames presentou unha proposta para instar ao Goberno de España a poñer en marcha determinadas medidas para rebaixar o prezo da luz. En dita proposta solicitábase rebaixar o tipo de gravame do Imposto sobre o valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7% ao 0%, modificando para iso o artigo 8 da Lei 15/2012 de medidas fiscais para a substentabilidade enerxética, tal e como se recolle na Proposición de Lei presentada polo Partido Popular o 18 de setembro de 2018 e que caducou debido á falta de vontade do Goberno de España por debater este asunto. Ademais, solicitábase modificar a Lei 24/2013 do sector eléctrico para, entre outros aspectos, que determinados custos regulamentarios que se trasladan á factura eléctrica como a débeda do sistema eléctrico fosen financiados integramente con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, tal e como propón a Proposición de Lei presentada polo Partido Popular o pasado 19 de xaneiro.

A argumentación xirou en torno a quen se beneficiaría realmente desta proposta: se as grandes empresas ou os consumidores. Xosé Ramón Oulego lembrou que España era un dos países da Unión Europea no que a electricidade era máis cara; Quique Costas, de Ames Novo, manifestou que “a luz debe ser un dereito e non se pode tratar como un produto de consumo”; Genma Otero, de Contigo Podemos, dixo que “hai unha perversión do sistema actual de produción de luz do que se benefician as grandes empresas”; David Santomil, do Bng manifestou que estaba “a favor de poñer en marcha medidas que favorezan a baixada o prezo da luz” e Blas García cualificou a medida de “oportunista e demagóxica”, no entanto que “se presentou nos días nos que debido á demanda provocada por un temporal de neve se incrementara o consumo e que a quen beneficiaba realmente era ás empresas produtoras”. Lembrou ademais García que o PP non apostou polas enerxías renovables cando puido facelo “creando o imposto ao sol que castigaba a quen producía a súa propia enerxía” e salientou que o goberno estaba preparando un proxecto de Lei para abaratar o recibo da luz. Finalmente a proposta foi rexeitada cos votos en contra de PSOE, Contigo Podemos e Ames Novo e os votos a favor de PP, BNG e Ciudadanos.

Transferencia da AP9
Á proposta do BNG debateuse despois a transferencia da AP9 a Galiza. En dita proposta ínstase á Mesa do Congreso e ás forzas políticas con representación nesa institución a aprobar definitivamente a lei de Transferencia da AP9 a Galiza no actual período de sesións e ínstase ao Goberno do Estado a facer efectiva de xeito inmediato a rebaixa das peaxes da AP9. Coa abstención do PSOE e o voto a favor do resto dos grupos, a proposta foi aprobada despois de que se engadise ao texto inicial unha emenda do PP que sumaba ao texto o matiz de “dotar cos recursos necesarios para acometer as obras pendentes, manter as bonificacións, e comprometerse a garantir a súa axeitada xestión”.

Filtros Hepa
Debateuse tamén a proposta do concelleiro de Ciudadanos, Xosé Ramón Oulego, en relación coa instalación de filtros HEPA e medidores de CO2 nas aulas. Na proposta solicitouse realizar un estudo técnico especializado, baseado en criterios sanitarios, nas aulas das escolas infantís de titularidade municipal, para proceder á instalación de aparellos de filtración con filtros HEPA e medidores de CO2, segundo as necesidades recollidas no estudo; e que estes aparellos estean instalados en todas as aulas para o inicio do curso 2021-2022. Na mesma proposta tamén se instaba á Xunta de Galicia á realización dos estudos técnicos necesarios e a posterior instalación de aparellos de filtración de aire con filtros HEPA e medidores de CO2 nas aulas de todos os centros educativos de todos os niveis de titularidade autonómica; e que estean instalados para o inicio do curso 2021-2022. A proposta foi rexeitada polo resto dos grupos, aludindo aos protocolos establecidos polos expertos e aos estudos técnicos e científicos que ditaminan que os filtros nunca poden substituír aos sistemas de ventilación natural e mesmo nalgunhas ocasións poden ser prexudiciais e provocar que se relaxen outro tipo de medidas imprescindibles na loita contra a pandemia”.

A depuradora de Sisalde
Un dos puntos da orde do día que propiciou maior debate foi a proposta presentada polo grupo mixto e o grupo municipal de goberno para a ampliación da depuradora de Sisalde, na que se insta á Xunta de Galicia á dar cumprimento ao Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2015-2021, e acometer á máxima brevidade posible as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da depuradora. Na proposta tamén se lle solicita á Xunta fixar conxuntamente co Concello de Ames un calendario de actuacións para planificar as actuacións necesarias para a execución das obras e trasladar a información detallada por anualidade e por tipo de uso da auga sobre a recadación en concepto de Canon da Auga nos concellos de Ames, desde o período 2012 ao 2020. Por último, solicítaselle a relación e o importe dos investimentos efectuados no período 2012-2020, orientados á consecución dos obxectivos medioambientais do río Sarprevistos nos PHGC 2009-2015 e 2015-2021.

O voceiro do PP, Xosé Ramón Argibay, logo de recoñecer que a depuradora de Sisalde non fora concibida para o crecemento exponencial de Ames, fundamentou a abstención do seu grupo nas formas empregadas para elevar esa petición á Xunta de Galicia “en vez de facer oposición á Xunta deberían buscar puntos de acordo para negociar dun xeito máis amable como fai o alcalde de Santiago”, dixo Argibay. Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Blas García, lembrou que no 2015 o voceiro do PP, que entón lideraba Pacto X Ames, esixíralle ao PP que gobernaba a Xunta unha solución para a depuradora. O debate prolongouse até o punto de que o alcalde, José Miñones, despois de que tanto Ramón Argibay como Blas García duplicasen o tempo regulado de intervención, lles chamase a atención e cualificase o seu comportamento de “irrespectuoso co resto dos compañeiros e coa veciñanza que puidese estar seguindo o pleno, vía streaming”. A proposta votouse ás 24:00 en punto e saíu adiante cos votos a favor de todos os grupos, agás o PP que se abstivo.

Quedou sobre a mesa, ao rematar o tempo que establece o regulamento, a declaración institucional para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación e asegurar o cese dos políticos que se salten ou cometan calquera tipo de irregularidade asociada ao proceso ou a orde de vacinación, que propuña o concelleiro Xosé Ramón Oulego.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames aproba a creación dos Consellos sectoriais de educación e cultura"

El Correo Gallego: "Afean a dos ediles de Ames que sus peroratas impidan acabar los plenos"

La Voz de Galicia: "Ames demanda o compromiso da Xunta para a depuradora de Sisalde"

Pleno de febreiro