Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade a Conta Xeral de 2022 que conta cun resultado orzamentario axustado de 838.056 euros e un remanente de tesourería de 8.042.107 euros

Venres, 29 de setembro de 2023

A Corporación municipal aprobou por unanimidade, no pleno ordinario de setembro, a Conta Xeral de 2022. O Concello de Ames pechou o exercicio 2022 cun resultado orzamentario axustado de 838.056,53 euros e un remanente de tesourería de 8.042.107,22 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 30.668.622,43 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 5.664.899,25 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 29.535.742,64 euros. Tamén se aprobou a modificación do Regulamento da Política de Seguridade da Información, a rectificación do inventario municipal e unha moción, presentada polo BNG, en apoio da realización dunha senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago na parroquia de Trasmonte. Por último, rexeitouse unha moción do grupo municipal popular contra a tramitación dunha Lei de amnistía. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 241 decretos, do 2.755 ao 2.995. De seguido aprobouse por unanimidade a a acta do pleno ordinario de agosto celebrado o pasado 11 de setembro de 2023.

Un dos puntos máis importantes abordados no pleno ordinario de setembro foi a Conta Xeral de 2022. Este punto presentouse a través dunha moción por vía de urxencia. Primeiro aprobouse por unanimidade a ratificación da urxencia de dita moción. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de expoñer no pleno as principais magnitudes de dita conta.

O Concello de Ames pechou o exercicio 2022 cun resultado orzamentario axustado de 838.056,53 euros e un remanente de tesourería de 8.042.107,22 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 30.668.622,43 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 5.664.899,25 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 29.535.742,64 euros.

No ano 2022 continuouse co mantemento do marco e directrices ditadas polas institucións europeas para preservar a economía que incluían, entre outras medidas, a suspensións das regras fiscais tamén para este exercicio 2022. A supresión das regras fiscais permitiulle ao Concello empregar os seus aforros (o remanente de tesourería) do exercicio 2021 para levar a cabo os investimentos do Plan Ames progresa. Este foi o motivo polo que se superou o límite da regra de gasto e se incumprise a estabilidade. Sen embargo, o Concello conta cun resultado orzamentario axustado de 838.056,53 euros e cumpre co nivel de débeda viva que se sitúa nunha porcentaxe moi baixa de 2,086% cando o límite é de 110%.

Liquidación do orzamento de gastos
No 2022 séguese contando cun remanente de tesourería dispoñible, por importe de 8.042.107,22 euros, o que lle vai a permitir ao Concello de Ames poder afrontar gastos para continuar co desenvolvemento de plans de reactivación económica, Plans Ames Progresa 2021-2023, co que se están a desenvolver fortes investimentos en obras públicas.

No tocante á liquidación do orzamento de gastos recóllense unhas obrigas recoñecidas netas, no exercicio 2022 de 30.668.622,43 euros, un 13,42% máis que as obrigas recoñecidas no 2021, que foron de 27.039.147,42 euros, o que supón un incremento en gastos de 3.629.475,01 euros.

Neste apartado destaca o Capítulo II (gastos correntes en bens e servizos) cun importe que acadou a cifra de  13.797.083,61 euros, incrementando nun 11,15% respecto do ano 2021. Tamén hai que salientar a cifra no Capítulo I (gastos de persoal) que subiu a  9.982.993,52 euros reforzando o emprego público. Respecto ás transferencias correntes as mesmas sufriron un lixeiro descenso con respecto a 2021. Hai que ter en conta que se debe a que no 2021 se tramitaron as subvención do PEL por mor da Covid-19, polo que en términos homoxéneos o gasto no capítulo IV mantense.

O máis salientable dentro do orzamento de gastos é o forte esforzo inversor realizado durante o ano 2022 cunha cifra de execución de investimentos reais (Capítulo VI), de 5.664.899,25 euros. Isto realizouse a pesar de que estes últimos anos  foron complicados pola suba de prezos e os problemas de subministro nas obras públicas que supuxeron moitos atrasos. A cifra de gasto en investimentos neste exercicio é a mais alta dende o exercicio 2007. Pode observarse un crecemento continuo do gasto en investimentos motivados polo esforzo do Goberno na consecución de fondos públicos para a realización de obras que reforzan e amplían os servizos básicos, e que fan de Ames un concello mellor comunicado, máis accesible e máis eficiente enerxeticamente.

Os gastos financeiros correspondentes ao Capítulo III foron de 25.601,97 euros e no tocante á amortización de capital de préstamos durante este exercicio 2022, no Capítulo IX de pasivos financeiros, a cifra foi de 66.827,09 euros. Hai que lembrar que o Concello actualmente soamente conta cos préstamos bancarios correspondentes á EDUSI Impulsa Ames, cuxo importe pendente a 31 de decembro de 2022 ascende a 879.307,25 euros e cos préstamos provinciais vinculados ao POS que ascende a 2.041.178,77 euros.

Liquidación do orzamento de ingresos
No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 29.535.742,64 euros. No exercicio 2021 foron de 28.355.328,84 euros, aumentando preto de 1.180.413,80 euros (nun 4,16%) os ingresos ou dereitos recoñecidos netos respecto do ano anterior.

No tocante aos ingresos correntes (dereitos recoñecidos) destacan como principais partidas de ingresos a recadación por impostos directos (Capítulo I), que acada a cifra de    8.894.228,84 euros, cun incrementou respecto da recadación do ano 2021 en      432.495,40 euros (5,11%); taxas e prezos públicos (Capítulo III) por importe de    6.679.152,39 euros, cun aumento na recadación por taxas e prezos públicos de      101.969,16 euros (aumento dun 1,55%); transferencias correntes cun aumento nos ingresos recadando 668.856,11 euros (incremento dun 6.49%); e transferencias de capital por importe de 1.612.159,36 euros, con un lixeiro descenso con respecto ao 2021 xa que a maioría dos plans financiados por outras administración rematáronse a final de exercicio e xustificáronse xa no exercicio 2023, polo que os ingresos terán reflexo nese orzamento.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, destacou que “no ano 2022 o Concello de Ames seguiu coa súa senda de crecemento apostando polos investimentos e mantemento dos servizos que fan deste Concello un referente a nivel estatal. A supresión das regras fiscais permitiron empregar o aforro dos últimos anos en mellorar as infraestruturas e os servizos aos cidadáns, esta senda será a que se siga en 2023”.

Intervención dos grupos da oposición
Sobre este asunto a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “estamos ante un documento técnico polo que os Concellos como xestores de fondos públicos teñen a obriga de render contas e informar sobre a execución de gastos e ingresos unha vez finalizado o exercicio, para informar entre outras cousas dos bens e dereitos do Concello, do financiamento, do patrimonio neto ao final de ano, dos gastos e ingresos durante durante o ano, e de como se executou o orzamento.  O que se aproba non é a xestión do goberno, senón as operacións contables. Eu como membro dese anterior goberno, por coherencia, teño que aprobar esta Conta Xeral”.

Por parte do BNG, o concelleiro Alexandre Espinosa, agradeceu o traballo do departamento de Intervención. “A Conta Xeral tiña que estar presentada o 1 de xuño na comisión informativa correspondente e dita comisión informativa foi o 30 de agosto. Presentouse dous meses despois do que marca a lei, co cal agora houbo que presentala por unha moción de urxencia neste pleno porque hai que aprobala o 1 de outubro. Isto provoca que non se poida fiscalizar axeitadamente polo pleno do Concello, sendo unha cuestión prioritaria para a veciñanza, xa que depende de dita Conta Xeral a aprobación de subvencións. Aínda así anunciamos o noso voto favorable”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, tamén comezou dando as gracias ao traballo dos departamentos municipais. “Hai varios puntos que me parecen importantes comentar da Conta Xeral. En canto aos ingresos se no ano 2020 a recadación neta por impostos era de 7.932.000 euros, no ano 2021 ascendeu a 8.461.000 euros e en 2022 foi de 8.894.228 euros, o que supón 433.000 euros máis que o ano anterior e preto dun millón de euros máis que en 2020. Vemos que aumentou o que se recada por impostos directos, o que se recada por IBI, polo imposto de vehículos, pola plusvalía e polo IAE. Recadouse case 400.000 euros máis do orzamentado. Chámame a atención dous datos; a recadación por IBI urbano que foi 524.000 euros superior ao orzamentado, e a recadación pola taxa de apertura de novos establecementos, a través da cal se ingresou un 20% menos do previsto, polo que Ames non é todo o atractivo que debera ser para os novos emprendedores”. Tendo en conta estes datos, Oliva Agra solicitou unha rebaixa dos impostos para a veciñanza.

Outra das mocións presentadas por vía de urxencia foi para dar conta das resolucións adoptadas contrarias aos reparos do exercicio 2022, en cumprimento do previsto o artigo 218.1 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Modificación do Regulamento da Política de Seguridade da Información
O Pleno tamén debateu sobre a modificación do Regulamento da Política de Seguridade da Información do Concello de Ames. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, mentres que os concelleiros e concelleiras do BNG e de Espazo Común abstivéronse.

A proposta foi formulada dende o servizo informático municipal, co fin de axustar dito regulamento ao novo marco normativo. A modificación consiste unicamente en realizar unha adaptación normativa, de xeito que o texto quede conforme o indicado en materia lexislativa no Real decreto 311/2022 do 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade.

Ademais, con esta adaptación búscase aproveitar para incluír a presenza do delegado/a de protección de datos de carácter persoal nas reunións do Comité de Seguridade, modificar o concelleiro/a titular que ocupará o posto de responsable do servizo; e precisar e concretar as funcións do responsable da información e da seguridade.

Rectificación do inventario municipal
Ademais, durante a sesión plenaria tamén se aprobou por unanimidade a rectificación do inventario municipal. O derradeiro inventario de bens aprobado data do ano 1996, contando, polo tanto, con máis de 25 anos. Dende ese ano 1996 tiveron lugar varias rectificación puntuais, nos anos 2020, 2021 e 2023. As rectificacións dos plenos realizados no 2020 tiñan por obxecto a incorporación do local adquirido para realizar coworking no Milladoiro e un camiño público previamente desafectado no lugar de Firmistáns. Pola súa banda, a rectificación do ano 2021 incluíu a incorporación de 8 locais para o desenvolvemento de actividades educativas, deportivas e culturais, así como espazos de traballo do persoal municipal. Xa en marzo de 2023, incluíronse un local comercial no paseo fluvial de Bertamiráns e unha parcela de uso residencial nas Punxeiras Altas.

Nesta ocasión, o Pleno da Corporación aprobou a modificación do inventario municipal para a incorporación dun total de 14 bens, entre os que se inclúen unha parcela de 790 metros cadrados ao este do campo da festa de Trasmonte, unha finca de 997 metros cadrados no lugar de Pousada e 12 locais comerciais no edificio de usos múltiples na urbanización de Aldea Nova.

Moción de carácter político
O grupo municipal popular presentou unha moción contra a tramitación dunha Lei de amnistía, que foi rexeitada con votos en contra dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do BNG. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular votaron a favor, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose.

O Pleno debateu sobre os catro puntos, que se incluíron na proposta de acordos. Por unha banda, o Partido Popular presentou o seu rexeitamento a calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de cidadáns, calquera sexa o seu delito. Por outro lado, considera que o imperio da lei é a expresión da vontade popular, e compromete a todos os poderes para o seu cumprimento. Así, anímase aos partidos maioritarios a buscar acordos de Estado que eviten que a sociedade española se vexa sometida ás condicións ilegais dos partidos independentistas, e busca dar traslado da proposta á Presidencia do Goberno, ás distintas vicepresidencias, ao Ministerio de Traballo e Economía Social e ao Ministerio da Política Territorial, así como aos portavoces parlamentarios no Congreso e o Senado e á Xunta de Goberno da FEMP.

Senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago na parroquia de Trasmonte
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal do BNG en apoio da realización dunha senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago na parroquia de Trasmonte. Deste xeito, aprobouse que o Pleno da Corporación amosa o seu interese por mellorar a seguridade viaria e peonil no tramo do Camiño de Santiago a Fisterra que cruza parroquia de Trasmonte; procurar financiamento para poder executala con fondos propios do Concello de Ames ou en colaboración con outras institucións públicas como a Deputación da Coruña ou a Xunta de Galicia; e instar á Xunta de Galicia a axilizar os informes e autorizacións de Patrimonio e Augas de Galicia correspondentes.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Aprueban una cuenta general con 8 millones de remanente para afrontar el Ames Progresa"

La Voz de Galicia: "Ames ejecutó inversiones por importe de 5,66 millones en el ejercicio 2022"

Imaxe do pleno ordinario de setembro

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de setembro
  • Imaxe do pleno ordinario de setembro
  • Imaxe do pleno ordinario de setembro
  • Imaxe do pleno ordinario de setembro