Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade a adxudicación do servizo de limpeza viaria e xestión de puntos limpos do Concello de Ames

Venres, 28 de xaneiro de 2022

Este xoves, 27 de xaneiro, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de xaneiro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a adxudicación do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión de puntos limpos. Ademais, aprobouse  por unanimidade a modificación do sistema de prórrogas do contrato asinado con Servizos Sociais Ulla Sar SL, para a prestación do servizo de axuda no fogar, e maila primeira prórroga do contrato deste servizo por un prazo de 6 meses. Os seguintes puntos tamén foron aprobados por unanimidade: a adhesión á declaración de Valladolid sobre o compromiso das cidades pola economía circular; a adhesión á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores; e a ratificación do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local de desistir do expediente de licitación de servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e centros educativos. Aprobouse de xeito inicial, cos votos a favor do Goberno e dos concelleiros do grupo mixto, o Regulamento da política de seguridade da información do Concello de Ames. Por último, rexeitouse a proposta presentada polo grupo municipal popular para o cesamento do ministro de consumo polos seus ataques á gandería e ao sector cárnico español, e aprobouse por unanimidade unha moción sobre a mellora do paseo fluvial de Bertamiráns.

O pleno ordinario de xaneiro comezou co alcalde dando conta ao Pleno da Corporación dos 319 decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. De seguido, aprobouse por unanimidade a acta da sesión ordinaria do 28 de decembro de 2021. Posteriormente, pasouse ao debate dos asuntos recollidos na orde do día para deliberación e acordo.

Un dos asuntos con maior importancia tratado no pleno ordinario de xaneiro foi a adxudicación do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión de puntos limpos. O expediente de licitación deste servizo foi aprobado polo Pleno o pasado 30 de xuño de 2021. O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou que “se trata dun dos contratos máis importantes do Concello de Ames. Conseguimos unha oferta económica boa tendo en conta o estudo que había e as melloras incluídas no novo contrato”. Ademais, explicou que se presentaron catro empresas a este proceso de licitación e que se propón adxudicar este servizo á empresa Urbaser SA, que é a empresa que actualmente está prestando dito servizo, por ser a que mellor criterios e puntuación obtivo en todos os apartados.

O novo contrato de limpeza viaria adxudicarase por un importe de 7.388.427,97 euros e un período de 7 anos que abrangue dende o 15 de xullo de 2022 ata o 14 de xullo de 2029. O valor do contrato por ano ascende a 1.055.489,71 euros. Trátase dun dos contratos máis importantes do Concello de Ames.

O novo contrato recolle importantes melloras no servizo. Deste xeito, realizaranse traballos de limpeza viaria en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro e das urbanizacións. Tamén se van a incluír distintas prazas do concello e mailas áreas de aparcamentos dos núcleos urbanos. Cómpre salientar o incremento de persoal, xa que se contratarán 6 operarios máis, e maila inclusión de nova maquinaria e vehículos eléctricos.

Ademais, inclúese a limpeza de diversas zonas do rural, especialmente aquelas nas que hai beirarrúas, destacando a limpeza de A Ponte Maceira (principal núcleo turístico de Ames) ou os tramos do Camiño de Santiago que pasan por Ames.

Por outra banda, vaise ampliar o horario de atención do Punto Limpo, de luns a sábado, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Outra das novidades será o servizo do Punto limpo móbil, xa que se vai a proporcionar á veciñanza un servizo de recollida selectiva de residuos domésticos especiais que deben ser obxecto de xestión diferenciada, para a súa reciclaxe, valorización ou eliminación controlada. Este servizo realizarase de maneira prioritaria nas zonas rurais do municipio.

Servizo de axuda no fogar
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a modificación do sistema de prórrogas do contrato asinado con Servizos Sociais Ulla Sar SL, para a prestación do servizo de axuda no fogar, e maila primeira prórroga do contrato deste servizo por un prazo de 6 meses. O contrato actual do servizo de axuda no fogar comezou a prestarse o 1 de agosto de 2020, tendo unha vixencia de 2 anos, prorrogable por mutuo acordo de ambas partes, por un período de 1+1 ata un máximo de 4 anos, incluíndo período inicial e prórrogas.

Posteriormente, no pleno ordinario de marzo de 2021 o Pleno aprobou por unanimidade o expediente de modificación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de SAF dependencia. No marco actual, o contrato finalizaría en 31 de xullo de 2022, sen prexuízo da posibilidade de prórroga por mutuo acordo entre ambas partes por prazo de 1+1 ata un máximo de 2 anos. Tendo en conta isto dende a Concellaría de Benestar Social cren necesario modificar o réxime de prórrogas para que en lugar de 1 ano sexa de 6 meses prorrogables ata un máximo de 1 ano.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijoo, explicou que “o SAF é un servizo con moita demanda e na actualidade están esgotadas as horas dispoñibles por contrato e por prestación. Ademais, existe unha lista de agarda importante e maila Xunta realizou un cambio no sistema de cofinanciamento de dito servizo. Debido a todo isto cremos necesario aprobar unha nova licitación antes de esgotar as prórrogas previstas no contrato co fin de que a nova licitación responda máis axeitadamente á actuais necesidades en materia de axuda no fogar, máxime tendo en conta que xa están esgotadas as posibles modificacións contractuais”.

Regulamento da política de seguridade da información
Outro tema que se abordou no pleno ordinario de xaneiro foi a aprobación inicial do Regulamento da política de seguridade da información do Concello de Ames, tendo en conta que a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, inclúe a seguridade entre os principios de actuación das Administracións públicas. Co fin de aprobar o referido regulamento encargóuselle ao servizo informático municipal a elaboración dun borrador.

A concelleira de Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, indicou que “a xestión da seguridade dos sistemas de información nas organizacións esixe establecer un esquema de seguridade. Este sistema debe determinar con precisión cales son os diferentes actores que a conforman, así como a implantación dunha estrutura que as soporte”. Dende o grupo municipal popular achacáronlle ao goberno que este regulamento chega tarde e que non inclúe a figura do delegado de protección de datos.

Finalmente, este punto foi aprobado cos votos a favor dos membro do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, e Quique Costas, de Ames Novo. Os/as concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse.

Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores
Ademais, aprobouse por unanimidade a adhesión á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores. Esta Rede foi promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2010 como resposta ao rápido envellecemento da poboación e co obxectivo de conectar cidades, comunidades e organizacións de todo o mundo que comparten a visión de facer das súas localidades lugares onde envellecer con calidade e dignidade, fomentando a participación das persoas maiores nese proceso. Trátase dunha iniciativa centrada na acción local, que aborda de maneira integral os aspectos que afectan ao día a día das cidades e faino promovendo a participación das persoas maiores, tendo en conta as súas necesidades, opinións e propostas no proceso de análise e mellora da localidade en diversos ámbitos, co fin último de promover un envellecemento saudable e activo.

Adhesión á declaración de Valladolid
Tamén se aprobou por unanimidade a adhesión á declaración de Valladolid sobre o compromiso das cidades pola economía circular. É preciso impulsar un novo modelo de crecemento que considere como obxectivos prioritarios a mobilidade sostible, a economía circular, o equilibrio territorial e o deseño de cidades sostibles, saudables, seguras, resilientes e inclusivas. Neste camiño de transformación, as cidades desenvolven un papel decisivo dado que o 80% da poboación vive nas urbes.

O Concello de Ames tamén quere ser un referente nesta transformación e xa no ano 2018 acordouse en pleno e de forma unánime a adhesión ao pacto dos alcaldes pola enerxía sostíbel e o clima, coñecido como declaración de Sevilla. Un paso máis é a adhesión á declaración de Valladolid do ano 2021, que inclúe todas as propostas recollidas na declaración de Sevilla, adaptándoas á situación creada pola pandemia da Covid-19 e reforzando o importante papel das Entidades Locais na reconstrución do noso país.

Limpeza integral nas instalacións municipais e centros educativos
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a ratificación do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local na sesión do 30 de decembro de 2021, para desistir do expediente de licitación de servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e centros educativos do concello de Ames, aprobado polo Pleno o 25 de novembro de 2021, como consecuencia da proposta de estimación do recurso especial en materia de contratación presentado pola Asociación profesional de empresas de limpeza (ASPEL) o día 21 de decembro de 2021 contra os pregos de licitación.

A motivación da proposta de estimación é a existencia dunha infracción non subsanable dos pregos de licitación, concretamente nunha das melloras dos criterios de adxudicación (numero de horas anuais sen custe para o concello de utilización da máquina varredora baldeadora viaria para traballos extraordinarios: máximo 5 puntos) que ao non ter limite do numero de horas, infrinxe o contido do artigo 145.7 da Lei 9/2017 do 8 de novembro de contratos do sector publico (LCSP).

Proposta para o cesamento do ministro de consumo
O grupo municipal popular presentou unha proposta para esixir ao presidente do goberno de España o cesamento inmediato do ministro de consumo polos seus ataques á gandería e ao sector cárnico español. Tralo correspondente debate dita proposta foi rexeitada co voto en contra dos membros do Goberno municipal e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Os edís do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, Jose Ramón Oulego, e Ciudadanos, votaron a favor da proposta.

Moción sobre a mellora do paseo fluvial de Bertamiráns
Ademais, o grupo municipal popular presentou unha moción sobre a mellora do paseo fluvial de Bertamiráns que foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal. En dita moción solicítase iniciar os trámites para levar a cabo a realización dun estudo técnico e de mellora que defina as deficiencias existentes no paseo fluvial. Ademais pídese que se habilite unha partida nos orzamentos de 2022 para a realización do estudo técnico e a conservación e mellora de dito paseo fluvial; así como instar ás Consellerías de Medio Ambiente e á de Infraestruturas para que colaboren, dentro das súas competencias, na elaboración deste estudio así como nas conclusións derivadas do mesmo.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Consensos sin colores para licitar la limpieza viaria y la ayuda en el hogar"

Lindeiros: "Os servizos de limpeza protagonizaron o pleno ordinario de Ames"

Imaxe do pleno ordinario de xaneiro

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de xaneiro
  • Imaxe do pleno ordinario de xaneiro
  • Imaxe do pleno ordinario de xaneiro