Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar

Venres, 24 de febreiro de 2023

Este xoves, 23 de febreiro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos recollidos no apartado de deliberación e acordo. Deste xeito aprobouse a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar; a modificación do anexo de investimentos e bases de execución do orzamento 2023 para incluír as obras de saneamento e abastecemento no núcleo de Lens; e mailo Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames correspondente ao período 2023-2025. Premendo nesta ligazón podes ver a  gravación do pleno ordinario de febreiro.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 295 decretos, do 171 ao 465. A continuación a concelleira de Economía e Facenda deu conta da información periódica que hai que render ao Pleno correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2022. Nesta apartado destacouse que o período medio de pago a provedores durante o último trimestre de 2022 foi de 23,26 días, por debaixo dos 30 días que establece a lei.

Tamén se deu conta da resolución de Intervención sobre a aprobación do Plan anual de control financeiro sobre os exercicios 2021-2022. A concelleira de Economía e Facenda Genma Otero, destacou que por primeira vez o Concello de Ames aprobou dito plan que vai permitir ter un control permanente da actividade económica financeira. Vai a fiscalizar todas as actuacións dos exercicios 2021 e 2022, no que se refire aos gastos e ingresos. Trátase de exercer o control da legalidade sobre os expedientes que se fiscalizan, realizar unha diagnose da xestión económico financeira, propoñer accións de mellora para incluír en futuros plans e mellorar a transparencia da xestión económico financeira.

Ademais, deuse conta do informe de seguimento do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames do período 2020-2022. Segundo dixo a concelleira de Economía e Facenda é a primeira vez que se fai dito informe. Destacou que o resultado do informe é bastante satisfactorio porque se acadou un 71,75% de execución no que se refire ás convocatorias recollidas no plan. Tamén salientou que se modificou dito plan debido ás circunstancias extraordinarias debido á pandemia da Covid, que provocaron que houbese que crear novas subvencións sobre todo dirixidas á dinamización comercial.  

Por último, a concelleira de Atención Veciñal, Susana Señorís, deu conta do informe de queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2022. Durante o pasado ano contabilizáronse 133 queixas, suxestións e reclamacións. Todas foron dirixidas aos diferentes departamento municipais e están todas tramitadas.

Saneamento e abastecemento no núcleo de Lens
Dentro do apartado de deliberación e acordo abordouse a modificación do anexo de investimentos e bases de execución do orzamento 2023, para incluír as obras de saneamento e abastecemento no núcleo de Lens. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Tal e como explicou o alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, o Concello de Ames pretende levar a cabo un novo investimento no núcleo de Lens para dotar a este lugar de saneamento e abastecemento. O orzamento total do proxecto ascende a 789.230,86 euros, estando previsto executar 328.375,96 euros no 2023 e 460.854,90 no exercicio 2024. Deste xeito, modifícase o anexo de investimentos do orzamento municipal 2023 para incluír dito proxecto que será sufragado cos recurso do Ciclo integral da Auga.

O alcalde tamén destacou a importancia que ten o saneamento e abastecemento para a poboación do rural polo que esta é unha actuación moi importante. Na parroquia de Lens o núcleo de Miso xa conta con este servizo e a través deste investimento dotarase de abastecemento e saneamento ao núcleo de Lens. Coa ampliación da rede de abastecemento preténdese substituír as traídas veciñais e os pozos particulares, que carecen na maior parte dos casos de control sanitario e das tarefas de mantemento e limpeza que esixen as redes. En dito proxecto tamén se contempla a pavimentación da estrada de Lens, para o que se terá en conta que é un núcleo histórico e empregaranse materiais como o formigón e adoquín, como se vén facendo nos últimos anos en obras semellantes.

Plan de subvencións 2023-2025
Por outra banda, aprobouse por unanimidade o Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames correspondente ao período 2023-2025. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de expoñer este punto. Destacou que a maior parte das axudas que se recollen en dito plan son subvencións de concorrencia competitiva. Trátase dun documento de planificación que, de ser necesario, pódese modificar segundo as necesidades existentes.

Para 2023 recóllense convocatorias de subvencións por valor de 674.000 euros; mentres que para o exercicio 2024 existe unha dotación económica de 602.000 euros; e outra partida de 602.000 euros para o exercicio 2025. A contía de 2023 é superior porque se inclúe unha convocatoria extraordinaria de axudas para o Ames Lab que non está incluída nos exercicios 2024 e 2025.

Servizo de Axuda no Fogar
Tamén se aprobou por unanimidade a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O contrato, que foi adxudicado á empresa Osventos Innovación en Servizos SL, recolle a prestación deste servizo nas modalidades de SAD laboral e festiva de libre concorrencia e SAD laboral e festiva de dependencia. O contrato foi adxudicado por 2.752.611,31 euros e terá unha duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo período inicial e prórrogas). O inicio da prestación do novo contrato está prevista para o 1 de abril de 2023.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou que o novo contrato inclúe 75.400 horas, que por primeira vez van permitir absorber a lista de agarda que existe en dependencia e atender aos grupos dous e un que ata o de agora non se lle podía prestar ese dereito que teñen recoñecido debido a falta de horas e falta de orzamento. Tamén dixo que este contrato inclúe a maioría das peticións feitas por parte das auxiliares da axuda no fogar como son a suba salarial do 6,5%; a reorganización do servizo no que levamos traballando dende o ano pasado para que poidan incrementarse e completarse as súas xornadas laborais, reducindo os tempos de traslado dende o seu propio domicilio e os domicilios que teñen que atender; e mailo desfrute de descanso os domingos e festivos, que xa están gozando, pero que ata hai pouco non tiñan dereito a iso.

Moción en apoio da comunidade educativa dos CEIP A Maía e Agro do Muíño
Por último, os grupos políticos con representación na Corporación municipal presentaron unha moción en apoio da comunidade educativa do CEIP A Maía e do CEIP Agro do Muíño para a mellora dos patios escolares. Primeiro aprobouse por unanimidade a urxencia da moción e a continuación pasouse a debater.

O concelleiro de Educación, David Santomil, foi o encargado de expoñer dita moción que foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal. Deste xeito, ínstase á Xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da provincia da Coruña a realizar o peche dos laterais do patio exterior do CEIP A Maía, para evitar a entrada de auga de choiva e poder facer un uso completo de dita instalación no horario lectivo e nas actividades extraescolares.

Ao mesmo tempo ínstase a dita Xefatura territorial da Consellería de Educación a realizar a construción dunha soleira de formigón no patio do CEIP Agro do Muíño, para evitar a entrada de auga de choiva e poder facer un uso completo desta instalación no horario lectivo e nas actividades extraescolares.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames aproba a concesión do servizo de axuda no fogar"

Imaxe do pleno ordinario de febreiro

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de febreiro
  • Imaxe do pleno ordinario de febreiro
  • Imaxe do pleno ordinario de febreiro
  • Imaxe do pleno ordinario de febreiro
  • Imaxe do pleno ordinario de febreiro