Pestanas principais

O Pleno aproba por maioría absoluta a participación do Concello de Ames no PAS e no POS da Deputación provincial da Coruña

Xoves, 17 de decembro de 2015

[17-12-2015] Este xoves, 17 de decembro, ás 16:30 horas, celebrouse un pleno extraordinario para abordar e debater a participación do Concello de Ames no novo Plan de acción social (PAS) 2015 e do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016, que convocou a Deputación da Coruña. Finalmente, a corporación municipal deulle luz verde á proposta de proxectos presentados polo goberno municipal. Estas propostas saíron adiante cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular, Pacto por Ames e Ciudadanos, mentres que os edís de Ames Novo abstivéronse á espera de que para a próxima edición destes plans se poida levar a cabo “un proceso participativo real” para elixir estas obras. Deste xeito, Ames recibirá preto de 1.200.000 euros a través do POS e do PAS.

Aínda que ambas propostas se votaron por separado, os concelleiros e concelleiras da corporación municipal debatéronas de forma conxunta. O encargado de abrir a quenda de intervencións e de explicar as propostas do goberno municipal foi o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, que destacou que “ao Concello de Ames correspóndenlle un total de 1.162.011 euros (503.879 euros do Plan de obras e servizos e 658.132 euros do Plan de acción social). Destes preto de 1.200.000 euros vanse investir preto de 500.000 euros en saneamento”.

Blas García tamén apuntou que “sempre é complicado elaborar as propostas destes plans porque queremos chegar a todas as parroquias do municipio, pero algunhas veces non se consegue porque as achegas económicas que nos dan non son suficientes. Antes de elaborar estas propostas invitamos ás asociacións e aos grupos da oposición a que presentarán as súas propostas. As asociacións mostraron á necesidade de realizar obras de saneamento e así o recollemos nestes plans”. O concelleiro de Obras Públicas tamén recalcou que “este ano decidimos dedicar o 100% do POS a proxectos de investimentos. Se temos en conta o importe total que suman o POS e o PAS a metade está dedicado a obras no rural, mentres que a outra metade é para realizar diferentes proxectos en Bertamiráns e no Milladoiro”.

Aprobación dos proxectos incluídos no PAS
A través do novo Plan de acción social (PAS) vaise dedicar 455.651 euros para investimentos de carácter social como son a primeira fase das obras de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos (Casa do Concello, Biblioteca municipal do Milladoiro e acceso das Oficinas Municipais do Milladoiro), que conta cun presuposto de 150.000 euros; a execución de parques biosaudables en Bertamiráns e no Milladoiro que teñen un custo de 30.475 euros; a reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que dispón dun orzamento de 99.446 euros; e a reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo de piscinas públicas municipais no Milladoiro e outras, que ten un custo de 175.730 euros.

Ademais, a través do PAS vanse a sufragar investimentos financeiros sostibles por valor de 202.481 euros, como son as obras de saneamento no núcleo de Portanxil, que teñen un custo de 139.931 euros, e os traballos para dotar de saneamento ao lugar de Ventosa, que conta cun presuposto de 62.549 euros.

Por outra banda, o PAS complementario, no que se inclúen obras de carácter social, está dotado con 209.831 euros, para executar a segunda fase das obras de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos na que se pretende mellorar o edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como o interior das Oficinas Municipais do Milladoiro. Estas obras están dotadas dun presuposto de 128.000 euros. Outros dos proxectos incluídos no PAS complementario é a instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo de Bertamiráns, que ten un custo de 81.831 euros.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “para elixir os proxectos que se van sufragar con cargo ao PAS e ao POS da Deputación da Coruña seguiuse un criterio claro. En primeiro lugar, priorizamos por executar obras de saneamento ao que dedicamos o 41% da contía concedida a través destes dous plans provincias. En segundo lugar, tendo en conta que somos un Concello cunha poboación eminentemente moza apostamos polo deporte e a cultura investindo o 33%, para obras de mellora da accesibilidade un 13% e para obras de mellora de camiños rurais outro 13%”.

Por parte da oposición o concelleiro de Ciudadanos apuntou que “atendendo ao principio de igualdade era necesario que nestes plans provinciais se recollerán proxectos de obras para todas as parroquias do concello porque todas teñen necesidades”. O voceiro de Pacto por Ames mostrouse satisfeito coas propostas presentadas polo goberno municipal “porque as nosas propostas recóllense nestes plans”.

A voceira e Ames Novo anuncio que se ían abster na votación destas propostas á espera de que para a próxima edición destes plans se poida levar a cabo “dun proceso participativo real” para elixir estas obras. Por último, o voceiro do Partido Popular anunciou o seu voto afirmativo e afirmou que “todas estas obras son necesarias”, aínda dixo non coincidir cos criterios do goberno xa que non eran os mesmos cando estaban na oposición.

Proxectos sufragados a través do POS
A proposta do goberno municipal é que o importe integro do POS, que ascende a 503.879 euros, se dedique a execución de catro obras que serían a construción das gradas cubertas no campo de fútbol do Milladoiro (91.536,56 euros); a dotación de saneamento no lugar de Castrigo, pertencente á parroquia de Ortoño (287.698,90 euros); pavimentación da aldea da Mámoa e interiores, situada na parroquia de Tapia, e Barreiro (59.771,71 euros); e mellora do camiño de Cruxeiras e do entorno da igrexa de Ames e da rúa Lodeiro (64.872,11 euros).

O POS complementario estaría dotado de 271.316, 81 euros para executar os proxectos de mellora do camiño que vai dende Pousada ata a Capela de San Xoanciño e outro (52.061,36 euros); a mellora do camiño que vai de Oca ata A Igrexa (126.365,52 euros); e a dotación de saneamento no núcleo de Susavila de Carballo (92.889,93 euros).

Por último, cómpre destacar que os grupos municipais da corporación municipal de Ames mostraron a súa repulsa ante a agresión sufrida onte en Pontevedra por parte do presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, e condenaron calquera tipo de acto violento.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Ames invertirá cerca de 500.000 euros en dotar de saneamiento a varios núcleos de la zona rural"
El Correo Gallego:"O Pleno aproba a participación do Concello de Ames no PAS e no POS da Deputación provincial da Coruña"