Pestanas principais

O Pleno aproba os proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2020 e maila Conta Xeral de 2018

Xoves, 19 de decembro de 2019

Este mércores, 18 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario no que a Corporación municipal aprobou a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2020” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.021.278,10€, dos cales 150.000€ serán para o financiamento de gastos correntes e 871.278,10€ para facer novos investimentos, moitos deles inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais e camiños interiores de aldeas. Ademais, aprobouse por unanimidade a Conta Xeral de 2018, que arroxa un superávit de 3.788.387,33 euros e un remanente de tesourería positivo de 8.448.782,88 euros, cun nivel de débeda viva dun 7,81% (límite 110%), polo tanto cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública.

A través do POS+ 2020 o Concello de Ames disporá de 1.021.278,10€, dos cales 150.000€ serán para o financiamento de gastos correntes e 871.278,10€ para facer novos investimentos. Da contía total; 323.855.73€ corresponden a achega provincial de 2020; 114.677,41€ son da achega provincial de 2019; e 432.744,96€ do préstamo provincial de 2020. Este punto foi aprobado con voto a favor dos membros do goberno, mentres que os concelleiros e concelleira do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos, abstivéronse.

Dos 150.000 euros destinados a fondos de gastos correntes, 140.000 euros dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica, mentres que os 10.000 euros restantes serán para a adquisición de mobiliario para as casas da cultura e para os locais sociais.

Por outra banda, a contía de 871.278,10€ para facer novos investimentos, dedicarase á mellora de instalacións deportivas e da Casa da Cultura do Milladoiro, así como á mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais e camiños interiores de aldeas. Tamén se investirá na reparación de camiños e estradas que unen distintos lugares pertencentes a mesma parroquia; e na construción dunha nova senda peonil.

Proxectos incluídos no POS+ 2020
Na partida da achega provincial de 2020 inclúense os proxectos de mellora de accesos e interiores de Firmistáns, a reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns; e maila mellora de interiores en Seares de Arriba. Cos fondos da achega provincial de 2019 sufragarase o proxecto de reparación e mellora da Casa da Cultura do Milladoiro e outros.

Ademais, coa achega do préstamo provincial de 2020 levaranse a cabo os proxectos de mellora de interiores en Ortoñiño e as Cortes (Ortoño); acondicionamento das rúas da Fragua e Xunqueira, situadas en Bertamiráns; e mellora da estrada que vai de Mercuto a Vilar (Ameixenda); e mellora dos camiños interiores en Paramuíño (Biduído).

Este ano incrementáronse as partidas dos proxectos porque nas obras en interiores de aldeas vaise aplicar formigón e na mellora de camiños públicos optarase por aplicar aglomerado e non rego asfáltico. A mellora dos materiais empregados nos proxectos implica un maior custe, pero isto garante que ditos viarios e camiños queden en boas condicións durante un maior tempo.  

Plan complementario de 2020
Por outra banda, no Plan complementario de 2020 inclúense os seguintes investimentos financeiramente sostibles: construción dunha grada, vestiarios e aseos na pista de tenis de Aldea Nova; mellora de interiores do lugar da Rúa na parroquia de Piñeiro; construción dunha senda peonil en Lapido; mellora do acceso a Trasmonte; e mellora dos vestiarios e do muíño da área recreativa de Tapia. Estes proxectos teñen un orzamento total de 938.920,40 euros.

Este ano optouse por volver a elaborar un Plan complementario potente con obras por valor de preto de 1 millón de euros porque está previsto que a Deputación no mes de marzo ou abril volva a facer achegas aos Concellos. Deste xeito, nese momento xa estarán os proxectos aprobados e a tramitación será máis áxil e rápida.

Aprobación da Conta Xeral de 2018
Ademais, aprobouse por unanimidade a Conta Xeral de 2018, que arroxa un superávit de 3.788.387,33 euros e un remanente de tesourería positivo de 8.448.782,88 euros, con nivel de débeda viva dun 7,81% (límite 110%), polo tanto cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública.  

No apartado de liquidación de orzamento de gastos reflíctense unhas obrigas recoñecidas netas no exercicio 2018 de 21.131.832,96 euros e cunha porcentaxe de execución de 73,87%. Neste apartado é importante destacar o incremento recollido na partida de Transferencias Correntes (Capítulo IV) que supera o 1.000.000 euros duplicando case a cantidade do ano 2017 (595.000 euros).

No que respecta a liquidación do orzamento de ingresos os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.790.000 euros, incrementando tamén en preto de 330.000 euros os ingresos ou dereitos recoñecidos netos preto dun 1,35%, o que supón un maior incremento da recadación municipal. A porcentaxe de execución do orzamento de ingresos no 2018 foi dun 86,68%, superior á porcentaxe de execución do 2017 (que foi de 82,37%), o que amosa un maior control, eficacia e eficiencia na xestión da recadación.  

Os datos da liquidación do 2018 amosan tamén que se continúa na senda do equilibrio orzamentario, un equilibrio consolidado no ano 2018 xa que cifra total de ingresos por operación correntes, de 23.705.660,05 euros, é superior a cifra total de gasto corrente de 18.931.544,88 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano.

Débeda do Concello
Durante o exercicio 2018 concertouse unha operación de débeda a longo prazo para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas da EDUSI, por importe de 222.895,50 euros, a única débeda bancaria que ten contraída agora o Concello de Ames. O resto da débeda, que a finais do 2018 xunto con este préstamo, suma un total de 1.851.382,40 euros, corresponde aos préstamos provinciais da Deputación da Coruña (PAI) sen xuros incluídos nos POS.

Por último, apuntar que o límite legal da regra de gasto no exercicio 2018 era de  18.529.286,70 euros. Neste exercicio o Concello de Ames incumpriu a regra de gasto xa que o gasto computable para o cálculo da regra de gasto foi de 19.298.691,75 euros, superando ese límite en 769.405 euros. Respecto a dito incumprimento, dende o goberno municipal están satisfeitos polo acordo acadado recentemente pola FEMP e Facenda para flexibilizar esta regra de gasto.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O Pleno aproba os proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2020 e maila Conta Xeral de 2018"

El Correo Gallego: "Polémica en Ames por el destino del Plan de Obras y el incumplimiento de la regla de gasto"

La Voz de Galicia: "Ames comprará mobiliario para espacios públicos con fondos de la Diputación"

Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 18 de decembro de 2019

Multimedia

  • Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 18 de decembro de 2019
  • Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 18 de decembro de 2019
  • Imaxe do pleno extraordinario celebrado o 18 de decembro de 2019