[24-02-2017] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario de febreiro no que se aprobaron os proxectos que se van a incluír no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ 2017 da Deputación provincial da Coruña. Este punto foi aprobado por maioría absoluta, cos votos a favor do grupo de goberno e os edís de Ames Novo, mentres que os concelleiros e concelleira do Partido Popular, Pacto x Ames e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, abstivéronse. Tamén se aprobaron cinco propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo, Pacto x Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López. Ademais, saíron adiante por unanimidade dúas mocións presentadas por vía de urxencia sobre o proxecto de construción da EDAR, no lugar do Souto, e sobre a declaración da Ponte Maceira como ben de interese cultural (BIC).
Mocións de urxencia sobre a EDAR do Souto e declaración da Ponte Maceira como BIC
Ademais, saíron adiante por unanimidade dúas mocións presentadas por vía de urxencia sobre o proxecto de construción da EDAR no lugar do Souto e sobre a declaración da Ponte Maceira como ben de interese cultural (BIC).
A través da primeira moción solicítase ás administracións públicas que constitúen a Comisión de Seguimento que, como concello afectado colindante no proxecto da EDAR do Souto, o Concello de Ames debe formar parte desta Comisión para estar informado de todas as actuacións. Asemade, pídese que se adopten, coa máxima urxencia, as medidas oportunas para que se subsanen estas deficiencias no Anteproxecto e se inclúa no mesmo un estudio de impacto ambiental que estude a afectación no concello amesán e se abra un novo período de alegacións ou consultas, para que o procedemento teña as máximas garantías legais na súa tramitación e finalmente se poida dispoñer dunha infraestrutura imprescindible que de respostas a unha necesidade urxente de solventar o problema da contaminación do Río Sar. Por último, acordouse comunicar á Comisión de Seguimento que o Concello de Ames iniciará as accións legais correspondentes na defensa dos intereses dos veciños e veciñas que poidan verse afectados no concello de Ames polo proxecto EDAR do Souto, de ser o caso.
Coa aprobación da segundo moción o Concello de Ames iniciará os trámites correspondentes para a declaración da Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural (BIC) e a súa incorporación ao Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, conforme ao Decreto 430/1991, do 30 de decembro. Segundo explicaron dende o goberno municipal estanse realizando estes trámites de maneira conxunta co Concello de Negreira e cóntase coa aprobación da asociación de veciños deste lugar.
Propostas presentadas polos grupos municipais da oposición
No pleno ordinario de febreiro tamén se aprobaron cinco propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo, Pacto x Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López.
O grupo municipal popular presentou dúas propostas. A primeira para que o goberno da Deputación da Coruña garanta que o Concello de Ames percibirá, como mínimo, a través do novo Plan Único, os mesmo fondos que recibía coas liñas de subvencións que existían con anterioridade. Esta proposta foi aprobada por unanimidade. Na segunda proposta ínstase á Deputación da Coruña a promover e licitar durante o presente exercicio unha senda peonil que descorra paralelamente a estrada DP-0206 nos tramos nos que non dispón de beirarrúa, prestando especial atención aos existentes dende a aldea de A Grela ata o cruce da rúa Madalena coa Travesía do Porto, no Milladoiro. Ademais, solicítaselle a Deputación que instale pasos de peóns elevados, ou outro dispositivo de redución de velocidade dos vehículos, no devandito tramo da estrada DP-0206. Esta proposta tamén foi aprobada por unanimidade.
Dende o grupo municipal de Ames Novo presentouse unha proposta para que a corporación municipal apoie a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade, prevista para o próximo 25 de febreiro na Coruña, na defensa das pensións públicas. Asemade, a través desta proposta faise un chamamento aos veciños e veciñas de Ames para que participen na mesma. Esta proposta foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor dos membros do goberno, Ames Novo, Pacto x Ames e do concelleiro non adscrito Javier López. Os edís do Partido Popular votaron en contra.
O grupo municipal de Pacto x Ames tamén presentou unha proposta. Neste caso instaron ao organismo autonómico competente para que faga unha actuación urxente na conca do paseo fluvial de Bertamiráns co fin de recuperar a zona. Asemade, solicitan que se fagan as actuacións necesarias para a recuperación de dito paseo fluvial e o seu ecosistema, e que se realice un plan de actuación no entorno do paso fluvial para reparar os elementos externos como papeleiras, bancos, muros de contención, fontes, etc. Esta proposta saíu adiante por unanimidade
Por último, o concelleiro non adscrito, Javier López, de forma conxunta co goberno municipal, presentaron unha proposta sobre a seguridade viaria na que Stop Accidentes propón para este ano 2017 unha serie de medidas urxentes e necesarias para loitar contra a violencia viaria dende os concellos. Ditas medidas son a realización de auditorías de construción, mantemento e sinalización de estradas; deseño de estradas (preventivas e paliativas); incrementar a seguridade dos colectivos vulnerables; educación viaria nos colexios; avaliación dos plans estratéxicos de seguridade viaria; incentivar o uso do transporte publico; establecer un límete de velocidade a 30KM/h diante dos centros escolares e residencias; crear rúas peonís e impulsar o uso da bicicleta; e impulsar o camiño escolar. Esta proposta tamén saíu adiante por unanimidade.
A cantidade que lle corresponde ao Concello de Ames a través do Plan Único de concellos, POS+ 2017, ascende a 1.560.387,54 euros, que se distribúe do seguinte xeito: a achega provincial de 2017 é de 685.305,34 euros (antigo Plan de Obras e Servizos); a achega provincial de 2016 é de 421.726,36 euros (antigo Plan de Acción Social); e a achega correspondente ao préstamo provincial de 2017 é de 453.355,84 euros (antigo Plan de Aforro e Investimento).
Atendendo á nova estrutura do plan provincial o goberno municipal propón tres liñas de actuación. A achega provincial de 2017 (685.305,34 euros) destinarase a gasto corrente por un importe de 670.785,34 euros, para gastos orixinados por servizos municipais obrigatorios como son o servizo de limpeza, recollida domiciliaria de lixo, alumeado público e mantemento de infraestruturas. Desta forma, preténdese cubrir a través de fondos propios aquelas liñas de subvención, que ano 2016 ascenderon a 140.003,70 euros, e que desaparecen deste plan. O resto da achega provincial de 2017, que é 14.520 euros, destinarase á redacción do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro.
Coa aplicación da achega provincial 2017 ao gasto corrente, o Concello poderá dispor de fondos propios para a realización de diversas obras. Con esta partida o goberno municipal pretende realizar varios proxectos de investimento no rural, mellora das infraestruturas deportivas e actuacións en Bertamiráns. Isto permitirá acelerar os prazos de contratación de ditos proxectos. O Concello de Ames será o encargado de licitar estas obras, acelerando os procesos de contratación, co obxectivo de que poidan estar executadas antes de final de 2017.
Dende o goberno explicaron que a través dunha partida de 530.000 euros vaise executar un ximnasio de 150 metros cadrados e unha pista squash en Bertamiráns, unha sala de usos múltiples en Barouta, a mellora do acceso á rúa Entrerríos dándolle continuidade a esa rúa por diante da nova escola infantil ata Lapido, a mellora do pavimento da pista polideportiva das Mimosas e a construción dunha nova pista polideportiva no Agro do Muíño, a mellora dos camiños de Oca e Miso (Lens), e maila mellora da praza de Correos no Milladoiro, onde se mellorou un tramo pero queda pendente de executar outro.
A achega provincial de 2016 (421.726,36 euros) será destinada a dúas obras, que son financeiramente sostibles, como o proxecto de urbanización dunha parte da Travesía do Porto, no Milladoiro. O obxectivo do goberno municipal é abrir o parque central do Milladoiro (que está pegado á Casa da Cultura, ao pavillón, á piscina descuberta e ao instituto) e unilo á Travesía do Porto para formar unha gran zona verde e área de lecer para todos os veciños e veciñas desta localidade. Este parque contará cunha escaleiras e unha rampla accesible como accesos a propia Travesía do Porto. A esta obra destinaranse 389.408,41 euros. O importe restante, que ascende á contía de 32.317,95 euros, destinarase á pavimentación de viarios na aldea de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas.
Por último, a achega do préstamo provincial de 2017 (453.355,84 euros) destinarase á amortización anticipada de débeda por importe de 96.517,92 euros, atendendo aos importes mínimos fixados no plan, e á realización do proxecto de mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro por un importe de 356.837,92 euros. Neste caso o goberno municipal, ao igual que en 2016 aposta por obras e proxectos que teñan un retorno económico para as arcas municipais como é o caso das obras de acondicionamento do cemiterio municipal, e este ano decidiu facer un forte investimento a través deste plan para cambiar o alumeado público do Milladoiro que suporá un aforro de entre o 50 e o 60%.
Plan complementario
En canto ao plan complementario, como novidade no POS+ 2017, é obrigatorio solicitar investimentos financeiramente sostibles por un importe mínimo do 20% da suma dos tres tipos de achegas provinciais. Tendo en conta isto o goberno propón a realización das seguintes obras que supoñen un 20,73% da suma dos tres tipos de achegas: instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro (74.864,54 euros); pavimentación de viarios na aldea de Outeiro, en Bugallido (55.340,51 euros); mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio, no Milladoiro (126.144,74 euros); e mellora do camiño principal de Sandar, en Agrón (67.098,44 euros).
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames no descarta recurrir a la vía judicial si no se revisa el impacto ambiental"
El Correo Gallego: "Gimnasio para Bertamiráns y sala polivalente en Barouta"
La Voz de Galicia: "Ponte Maceira, el BIC está cerca"




