Pestanas principais

O Pleno aproba os pregos técnicos que rexerán o concurso público do Ciclo integral da auga

Venres, 29 de abril de 2016

[29-04-2016] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de abril no que os concelleiros e concelleiras da corporación municipal déronlle luz verde á aprobación dos pregos técnicos que van rexer o concurso público de licitación dun novo contrato do servizo de saneamento e abastecemento de auga do Concello de Ames. Tamén se aprobou a modificación das ordenanzas de subministración de auga e de saneamento e depuración de augas residuais. Por último, aprobouse a modificación de dous proxectos de obras e deuse conta da renuncia da concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García.

A corporación municipal aprobou por unanimidade os pregos técnicos que rexerán a licitación da xestión do servizo publico do “Ciclo integral da auga”, mediante a modalidade de concesión administrativa por un prazo de 2 + 1 + 1. A comisión do ciclo integral da auga mantivo varias xuntanzas dende o pasado mes de agosto para pechar os pregos que van rexer o concurso público de licitación dun novo contrato do servizo de saneamento e abastecemento de auga do Concello de Ames.

O alcalde de Ames, José Miñones, agradeceu o traballo dos técnicos municipais e de todos os concelleiros e concelleiras dos grupos municipais da corporación que participaron na comisión de traballo. Miñones explicou que “nestes pregos hai importantes cambios. Este é o primeiro paso para traer ao pleno unha proposta de xestión directa deste servizo. Os novos pregos establecen que o cobro dos recibos parará a ser xestionado directamente polo Concello”.

O rexedor municipal tamén indicou que “o Concello pasará a ser o titular do servizo polo que será quen o controle e o supervise. Este é o paso previo á xestión directa do servizo. Ademais, nestes pregos contémplase a inclusión da nova ETAP Ames-Brión”. Por último, sinalou que “se amplía a un mes o prazo que teñen as empresas para presentar a documentación que se lles solicita e daráselle máis valor aos criterios obxectivos que os subxectivos”.

Sobre este asunto, o voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, sinalou que a “única pega que lle vexo a estes pregos é que sexa unha licitación a curto prazo. Nós apostamos por unha licitación por un período máis longo”.

Por parte de Ames Novo, María Jesús Bóo sinalou todo o contrario “o período de 2+1+1 parécenos longo porque nós o que queremos é que se municipalice o servizo. Agardemos que este tema se retome o antes posible e non teñamos que prorrogar o contrato. Isto non é unha municipalización, pero si que o podemos considerar un primeiro paso de cara a xestión directa. Ademais, o traballo feito serviu para coñecer mellor o sistema de abastecemento de auga. É importante que o Concello sexa o que cobre os recibos porque ten a gran vantaxe que vai poder controlar os cortes de auga. Este é un servizo básico e non se debe cortar”.

Novo sistema de tarifas do saneamento e abastecemento de auga
Ademais de aprobar e sacar a concurso público o contrato deste servizo, paralelamente, déuselle luz verde á modificación de dúas ordenanzas relativas á taxa pola subministración de auga e á taxa polo saneamento e depuración de augas residuais. A través desta proposta, que saíu adiante cos votos a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros/as de Ames Novo, vaise instaurar un novo sistema de tarifas que procuran beneficiar ás persoas e entidades usuarias cunha tarifa que premie o aforro de auga. Este sistema establece un prezo do metro cúbico menor canto máis baixo é o consumo de auga. Ademais, establécense bonificacións para aquelas persoas que están percibindo a RISGA.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indica que “o establecemento dun prezo mínimo, por debaixo do actual, beneficiará aos consumos máis pequenos. O obxectivo do goberno é beneficiar aos que consumen menos e gravar aos que teñen un maior consumo de auga. A proposta de tarifas, que non terán impacto na modificación de ingresos do Concello de Ames, diferencian catro ámbitos de consumo diferentes: doméstico, comercial, industrial e o de obras. Con esta medida o goberno dá cumprimento ao anuncio realizado a finais do ano pasado sobre un novo sistema de tarifas máis beneficioso canto maior sexa o aforro de auga”.

Esta proposta estima un beneficio no abastecemento para o 74% da poboación de consumo doméstico, mentres que o beneficio para os consumidores comerciais, as persoas propietarias de establecementos, ascende ao 88. O 63% dos aboados ou aboadas que fan un consumo industrial do abastecemento de auga beneficiaranse destas tarifas, así como máis do 80% dos aboados e aboadas que fan o consumo para a realización de obras.

O voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, dixo que “esta proposta é gravosa para todos os usuarios que utilicen este servizo. A filosofía de quen consume máis pague máis gústanos, pero habería que revisar as táboas das tarifas”. O voceiro do grupo municipal popular, Alberto Piñeiro, incidiu no incremento das tarifas das taxas de abastecemento e saneamento no consumo de metros cúbicos por trimestre. Deste xeito, sinalou que “as tarifas increméntase de xeito considerable cando os usuarios consumen máis de 30 metros cúbicos de auga por trimestre”.

Blas García sinalou que “o 82% dos usuarios deste servizo consumen ao trimestre menos de 35 metros cúbicos. Nós cremos que este é o sistema de tarifas máis xusto porque beneficia á maioría dos usuarios. De tódolos xeitos estamos abertos a estudar novas propostas e a modificar esta ordenanza novamente se fose necesario. Este proposta beneficiará de xeito directo aos comerciantes que ao longo dos anos veñen soportando un mínimo moi elevado de custe sen practicamente consumo. Esta medida enmárcase dentro das iniciativas levadas a cabo polo tripartito de favorecer ao tecido comercial de Ames”.

Renuncia da concelleira Catuxa García
O momento máis emotivo do Pleno foi cando se deu conta da renuncia da concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, que manifestou que “despedirse e romper as promesas é un momento amargo e sobre todo cando o vivido durante estes nove meses foi tan apaixonante e enriquecedor”. Doulle as grazas aos veciños e veciñas de Ames porque “lévome as relacións establecidas durante este tempo. Grazas ao equipo de medio ambiente e a todo o persoal do Concello que fixeron do meu traballo unha experiencia gratificante”.

Tamén tivo palabras de agradecemento para os membros dos diferentes grupos políticos. “Nin as distancias nin as ideas foron un impedimento para acadar unha boa sintonía entre nós”. Por último, agradeceulle ao goberno como veciña “a vosa implicación e labor diario, realizada coa máxima entrega dende o comezo”. Catuxa rematou dicindo que “as persoas marchan, pero os feitos permanecen” e despediuse cun “adeus, grazas e ata sempre”.

Os voceiros dos grupos municipais déronlle as grazas a Catuxa pola súa implicación e polo traballo realizado durante os últimos nove meses. Ademais, desexáronlle sorte na súa nova etapa. Genma Otero, voceira do grupo municipal de Contigo Pódese, agradeceulle a súa responsabilidade “por renunciar a súa acta como concelleira e por abandonar a agrupación electoral de Contigo Pódese cando as diferencias se converten en insalvables e non se está traballando por un proxecto común. Por iso me parece coherente e responsable a decisión que tomaches e por iso che dou as grazas”.

Modificación de proxectos de obras
Por outra banda, déuselle luz verde á aprobación do proxecto modificado de reparación do camiño do Agro do Muíño, situado en Ortoño, e outros, que está incluído no plan complementario do DTC 93. Deste xeito, as actuacións número 3 relativa á reparación das beirarrúas da rúa do Rego (Milladoiro) e a actuación número 4 que se refire á reparación do camiño da Torre ata o límete con Brión, incluídas no proxecto orixinal serán substituídas pola actuación de reparación da rúa Raxoeira, no Milladoiro, non variando o presuposto total por contrata do proxecto que continúa sendo de 40.801, 15 euros.

Ademais, aprobouse a ratificación do decreto da Alcaldía número 287/2016 no que se aproba o proxecto técnico da obra relativa aos parques biosaudables de Bertamiráns e do Milladoiro, no cal a única variación respecto ao aprobado polo pleno do Concello consiste en que se procedeu ao axuste dos importes relativos a execución material das obras. Esta modificación foi debido a que se detectou no proxecto un erro de 0,95 céntimos na suma da execución das obras.

Apartado de mocións
Neste apartado abordáronse dúas mocións. En primeiro lugar rexeitouse unha moción presentada por Ames Novo sobre o rexeitamento do convenio das brigadas municipais de extinción de incendios forestais. Esta moción foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno, Partido Popular, Pacto por Ames e Ciudadanos, mentres que os edís de Ames Novo votaron a favor.

En segunda instancia aprobouse por unanimidade unha moción presentada por Pacto por Ames sobre o incremento das accións formativas conducentes á obtención dos carnés fitosanitarios en Galicia.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Licitan el ciclo del agua con miras a mancomunarlo y se despide García"
La Voz de Galicia: "El Concello licita el contrato del agua por cuatro años y 7,9 millones de euros"