Pestanas principais

O Pleno aproba os dez puntos da orde do día e unha moción a favor dos traballadores/as de Extel

Venres, 28 de outubro de 2016

[28-10-2016] Este xoves, 27 de outubro, celebrouse o pleno ordinario deste mes. Esta sesión plenaria tivo un marcado carácter económico. A corporación aprobou por unanimidade o cambio de finalidade dos recursos afectados do préstamo de 2010 e do resto de prestamos anteriores, que ascende a contía de 249.667 euros, para a realización de novos investimentos, e unha transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto 19/2016, por valor de 394.395,51 euros. Ademais, saíu adiante por maioría absoluta un suplemento de crédito de 453.525 euros, ao que se fará fronte coas achegas en concepto de participacións do Estado, e a modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI, para establecer unha bonificación do 95%, en inmobles vinculados a actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Por último, aprobouse a concesión de dúas subvencións nominativas ás entidades Arcea Adames e Cáritas parroquial San Juan de Ortoño, así como tres propostas presentadas por diferentes grupos municipais e unha moción presentada por vía de urxencia.

O Pleno comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta do cambio de finalidade dos recursos afectados do préstamo de 2010 e restos de préstamos anteriores para a realización de novos investimentos. Este punto saíu adiante por unanimidade de toda a corporación. Co remate de 2015, dende a Concellaría de Economía e Facenda constatouse a existencia de varios proxectos de investimento pendentes de remate, financiados todos eles con recursos afectados. Genma Otero, explicou que “o feito da non execución de moitos destes proxectos nos últimos anos, dos que non existen obrigas recoñecidas, fai que medre un remanente de crédito para destinar ditos recursos a novos investimentos afrontando actuacións que se consideran prioritarias”.

“Estes remanentes foron incorporados ao exercicio 2016. Algunhas das actuacións recollidas neste exercicio están sendo executadas, pero outras non se ten previsto que sexan realizadas, considerando que é máis axeitado destinar ditos recursos a novos investimentos, algúns deles xa comprometidos para este exercicio”, indica Genma Otero. Deste xeito, os remanentes de crédito incorporados ao exercicio 2016 ascenden a contía de 347.835,24 euros. O importe pendente de executar é de 249.667,03 euros.

Así, esta contía de 249.667,03 euros, preténdese destinar a diferentes actuacións como son o pago do convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para a construción da nova escola infantil `Galiña Azul´ de Bertamiráns (140.896,50 euros), a obra de acometida eléctrica para instalar o bombeo no lugar de Novais (26.803,57 euros), a renovación dun equipo informático da radio municipal (4.900 euros), a redacción de proxectos de instalacións deportivas para distintas subvencións (29.947,80 euros), a adquisición dun novo forno para os comedores escolares (7.000 euros), a instalación de diversas aplicacións informáticas para a administración electrónica (22.119, 16 euros), a adquisición dun vehículo para a brigada de obras (13.000 euros), e unha achega municipal a unha subvención da Deputación para adquirir un vehículo para a rede municipal de comedores escolares (5.000 euros).

O segundo punto de índole económica que se abordou fixo referencia a unha transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto 19/2016, por valor de 394.395,51 euros, xa que nalgunhas aplicacións orzamentarias existe saldo de crédito e noutras existen gastos xa efectuados que precisan ser aprobados, pero que non contan co orzamento necesario. Así mesmo, a aprobación do cambio de finalidade dos remanentes do préstamo de 2010 e restos de anteriores préstamos, fai necesario transferir os créditos as aplicacións que responden as novas finalidades previstas. Este punto tamén saíu adiante por unanimidade.

Suplemento de crédito 1/2016
O terceiro punto económico tratado foi o suplemento de crédito 1/16. A concelleira de Economía e Facenda explicou que a medida que transcorre o exercicio, o orzamento municipal vai amosando unha carencia de crédito en determinados programas de gasto, mentres que noutros sucede o contrario. Deste xeito, as principais necesidades de crédito derivan das partidas relativas aos gastos de persoal, debido ao incremento de salarios fixados na Lei de Orzamentos do Estado, para o ano 2016, que é do 1%; cumprimento de trienios; e contratacións por substitucións de persoal en sectores prioritarios, derivados de necesidades urxentes e inaprazables.

Todos estes gastos suman un importe de 453.525 euros e serán sufragados a través do maior ingreso percibido este ano en concepto de participacións nos tributos do Estado. Ames tiña unha previsións iniciais de ingresos das participacións do Estado de 4.868.140,29 euros, pero finalmente as entregas a conta en 2016 son de 5.548.317,62 euros. Unha parte desa diferenza de 680.177,33 vaise destinar a este fin. Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, de Pacto x Ames, Partido Popular, e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís de Ames Novo abstivéronse.

De seguido, a corporación municipal aprobou por unanimidade o cambio da base número 41 do orzamento municipal para a concesión de dúas subvencións nominativas. Unha para a entidade Arcea Adames, por valor de 8.000 euros, para o desenvolvemento do proxecto de taller ocupacional e actividades complementarias (exercicio 2015); e outra de 4.000 euros para Cáritas parroquial San Juan de Ortoño.

Modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI
A aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles foi o punto que máis debate creou. Este punto foi exposto pola concelleira de Economía e Facenda. Genma Otero indicou que “esta modificación implica unha bonificación do 95% da cota integra durante un período de 3 anos naqueles inmobles nos que estean situadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades agrícolas, gandeiras e forestais pertencentes ao sector primario e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias socias, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración, que se fará polo Pleno da corporación. Esta bonificación será do 30%, no caso de que ademais das construcións sinaladas, existan outras dentro das explotacións destinadas a usos distintos das actividades agrarias, gandeiras ou forestais”.

Dende o grupo municipal de Pacto x Ames recordaron que presentaron por rexistro, o día 24 de outubro, unha emenda a esta proposta feita polo grupo de goberno. Ramón García Argibay explicou que “consideramos que esta modificación da ordenanza é claramente insuficiente, a pesar de que nós no paquete de catro medidas que presentamos, estamos a favor dela para potenciar a vida no rural. Cremos que é escasa porque apenas chega aos 100 afectados. Nós o que pretendemos é que un imposto como o IBI, que leva subindo dende o ano 2005, sexa baixado ao 0,40% para os bens inmobles de natureza urbana; ao 0,33% para os bens inmobles de natureza rústica; e sexa de 1,10% para bens inmobles de características especiais, ademais de facer a modificación que vostedes plantexan”.

Dende o grupo municipal de Ames Novo consideraron que se trata dunha medida “coxa, insuficiente, curta e que afecta a pouco veciños/as” e cualificárona de “propagandística”, mentres que dende o Partido Popular incidiron na mesma liña dicindo que “se debería facer unha modificación máis amplía e profunda e acordada co resto dos grupos municipais”.

Genma Otero xustificou a urxencia desta medida debido a que “ao tratarse dun devengo periódico presentouse por urxencia, para tratarse no pleno de outubro, co obxectivo de que poida entrar en vigor o día 1 de xaneiro de 2017. Se presentáramos esta proposta en novembro xa non daría tempo de que entrase en vigor a comezos de ano”. Ademais, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, lembrou que “Ames ten o IBI máis baixo da contorna xa que en Brión é do 0,47%; en Negreira do 0,50%; na Baña do 0,60%; en Santiago do 0,51%; en Teo do 0,55%; e en Oroso do 0,45%”.

Tralo debate deste punto dende o grupo de Pacto x Ames pediron que se debatese a emenda presentada por rexistro o día 24 de outubro. Sobre este asunto o alcalde indicou que “todas as propostas hai que achegalas con tempo suficiente para que os técnicos poidan informar delas antes de debatelas no propio Pleno”, e pediu a opinión dos técnicos, os cales manifestaron que non se podía debater dita emenda ao non existir os informes técnicos sobre esta proposta. Deste xeito, ao non debaterse esta emenda os tres edís de Pacto x Ames abandonaron o salón de plenos.

Finalmente, este punto saíu adiante cos votos a favor dos membros do goberno, dos concelleiros/as do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López. O voto dos edís de Ames Novo foi en contra (cambiaron o sentido do seu voto por non poder debater a emenda) e Pacto x Ames abstívose ao non atoparse no salón de plenos.

Aprobáronse tres propostas e unha moción de urxencia
Por outra banda, aprobáronse por unanimidade dúas propostas presentadas por Ames Novo e por Javier López. A primeira proposta foi presentada polo grupo municipal de Ames Novo, para solicitarlle á Xunta de Galicia a dotación dun centro educativo para o Concello de Ames no que se oferten ciclos de formación profesional media e superior. A segunda presentouna o concelleiro non adscrito, Javier López, para a modificación da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, de xeito que permita o voto aos electores nos casos de imposibilidade por estares ese día en urxencias ou internados nalgún centro hospitalario do territorio español.

A terceira moción presentárona os grupos municipais PSdeG-PSOE, Contigo Pódese, BNG – Asembleas Abertas, Ames Novo e o concelleiro non adscrito, Javier López, en contra da LOMCE e ás súas reválidas. Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os membros de grupo municipal popular votaron en contra. Por último, abordouse unha moción por vía de urxencia para apoiar ás reivindicacións das traballadoras e traballadores de Extel. Nesta moción, que foi aprobada por unanimidade, reclamáselle a Movistar que garanta en todos os casos os postos de traballo na Coruña e por tanto a atención en galego. Asemade, o Concello valorará nas licitacións do servizo de telefonía a garantía da atención ao público en galego.