Pestanas principais

O Pleno aproba os dez puntos da orde do día e unha moción a favor da Plataforma de vítimas do Alvia

Venres, 09 de setembro de 2016

[09-09-2016] Este xoves, 8 de setembro, celebrouse o pleno ordinario do mes de agosto. Nesta sesión plenaria abordáronse varios temas de índole educativo, económico, urbanístico e medio ambiental. Deste xeito, o Pleno aprobou declarar as obras de ampliación do IES de Ames como de "especial interese" para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO. Relacionado con este centro educativo tamén se aprobou a modificación dun erro detectado en varios planos do PXOM de Ames. Outros temas aprobados foron a concesión dunha subvención nominativa ao Bertamiráns FC, a ratificación dun decreto de Alcaldía para solicitar unha axuda á consellería de Política Social ou a subscrición dun convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a xestión da nova escola infantil de Bertamiráns. No apartado de mocións, aprobouse por unanimidade un texto trasladado por parte da Plataforma de vítimas do Alvia 04155.

Neste pleno debatéronse e aprobáronse dous puntos relacionados coas obras de ampliación que vai executar a Xunta de Galicia no IES de Ames. En primeiro lugar, aprobouse por unanimidade a declaración de obra de especial interese para obter unha bonificación do 95% do ICIO para a ampliación que vai realizar a Xunta de Galicia no IES de Ames.

O concelleiro de Educación, David Santomil, explicou que “dende o goberno municipal consideramos que este é un paso máis no compromiso adquirido por parte do Concello e da Xunta de Galicia para mellorar os equipamentos educativos co obxectivo de garantir a escolarización de todos os alumnos e alumnas matriculados/as no ensino secundario para este curso 2016-2017. Esta actuación está xustificada no estudo de necesidades educativas, polo que esta é unha primeira fase dun plan de actuación que foi presentado publicamente e que conleva a construción de tres novas aulas e a cubrición do patio do instituto. Posteriormente, nunha segunda fase preténdese executar a construción de tres novas aulas e un novo espazo de usos múltiples exterior. En definitiva trátase da primeira ampliación integral deste centro educativo dende 1999”.

Dende os grupos da oposición, os voceiros de Pacto por Ames e do Partido Popular manifestaron o seu voto positivo neste punto xa que se trata de melloras para os centros educativos de Ames que son moi necesarias. Por parte de Ames Novo, María Jesús Bóo, tamén manifestou o voto positivo do seu grupo por responsabilidade, pero queixouse da falta de planificación e organización por parte da Xunta de Galicia por non ter comezado as obras antes do inicio do curso escolar e porque estes traballos van impedir a utilización de dúas aulas que quedan inhabilitadas durante as obras.

Relacionado coa ampliación do IES de Ames tamén se aprobou por unanimidade a modificación dun erro detectado en varios planos do PXOM aprobado en 2002. Con ocasión da redacción da documentación técnica correspondente á devandita ampliación detectáronse, por parte dos técnicos municipais de urbanismo, varios erros na documentación gráfica do PXOM xa que parte do instituto está reflectido fóra do perímetro do conxunto dotacional e consecuentemente fóra do límite do solo urbano do núcleo de Bertamiráns. Deste xeito, houbo que aprobar a corrección destes erros detectados en varios planos do PXOM de Ames.

Mellora das escolas infantís municipais
En materia educativa, tomáronse outros acordos como a ratificación do decreto de Alcaldía 1669/2016, a través do cal o Concello de Ames lle solicitou unha subvención á Consellería de Políticas Social, para a mellora das infraestruturas e dos equipamento das escolas infantís municipais do Bosque e da Madalena, por importe de 34.999,64 euros. As obras que se pretenden executar no Bosque serían a colocación de novos estores e de 60 metros cadrados de friso nas paredes dunha aula e do patio, a instalación dun recuperador de calor e a renovación practicamente integral dos xogos do parque infantil exterior. Por outra banda, na Madalena preténdense cambiar 20 metros cadrados de friso da aula dormitorio, a instalación dun sistema de rego no xardín exterior, a compra de catro cunas literas dobres e dun armario alto, así como a renovación da caseta do patio. Este punto saíu adiante por unanimidade.

Por último, no apartado educativo, aprobouse co voto favorable dos membros do goberno municipal e os concelleiros/as de Pacto por Ames e do Partido Popular o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ames, para a xestión e financiamento da nova escola infantil que está situada no Rego dos Pasos, en Bertamiráns. Neste punto os concelleiros/as de Ames Novo abstivéronse. Neste caso a corporación municipal tivo que escoller entre o convenio que se está aplicando na escola infantil As Figueiras, do Milladoiro, e o novo convenio que se presentou no pleno e que foi aprobado recentemente pola FEGAMP. Segundo os informes técnicos de Secretaría e Intervención coa aplicación do novo convenio poderíase minorar o custo que lle ocasiona ao Concello este servizo, pero como indicou o concelleiro de Educación e Cultura “isto non se pode saber con exactitude ata que a escola infantil leve arredor de dous anos funcionando”. Finalmente, o Pleno aprobou a adhesión ao novo convenio.

Axuda nominativa ao Bertamiráns FC
Por outra banda, aprobouse por unanimidade unha modificación no orzamento municipal para a concesión dunha axuda nominativa ao Bertamiráns FC por valor de 22.364,30 euros, que cubra os gastos xerais que tivo este club deportivo durante a temporada 2015-2016. O Concello considera axeitado conceder esta subvención xa quer as actividade que o Bertamiráns FC desenvolve no concello teñen como obxectivo iniciar aos nenos/as amesáns e da contorna na práctica deportiva regular. Deste xeito, este club imparte formación deportiva a máis de 400 rapaces e rapazas nas distintas modalidade de fútbol. Ademais, o club conta con dous equipos e fútbol 11 sénior, un en preferente autonómica e outro en primeira autonómica.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a delegación do Pleno na Xunta de Goberno Local da competencia para o sorteo de membros de mesa, con ocasión de calquera proceso electoral, que teña lugar no presente mandato corporativo 2015-2019. Así, o sorteo das persoas que ocuparán as mesas electorais realizarase un sábado en Xunta de Goberno Local extraordinaria, que será aberta a todo o público que desexe acudir. Isto ocasionará un importante aforro económico para o Concello xa que non haberá que celebrar un pleno extraordinario. O voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, animou ao goberno municipal a informar desta medida para que os resto dos municipios de Galicia e de España tamén adopten este acordo co obxectivo de conseguir un importante aforro para as arcas do Estado. O alcalde recolleu esta proposta e manifestou que así se fará.

O Pleno tamén aprobou por unanimidade a exclusión do expediente de licitación do Ciclo integral da auga da empresa Valoriza Auga SL por presentar a documentación requirida por parte do Concello fóra de prazo quedando admitidos os restantes licitadores, tal e como resulta da acta da Mesa de Contratación do 29 de agosto de 2016. Asemade, a corporación municipal aprobou, neste caso por maioría, a adhesión do Concello á Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS). Esta adhesión realizouse xa que o goberno municipal, nun prazo corto de tempo, ten a intención de municipalizar a xestión do Ciclo integral da auga. Así, esta asociación pode prestar asesoramento neste senso ao goberno e ao resto da corporación. Neste punto votaron a favor os concelleiros do goberno e de Ames Novo. Os membros de Pacto por Ames votaron en contra, mentres que os edís do grupo municipal popular abstivéronse.

Moción da Plataforma de vítimas do Alvia 04155
No apartado de mocións o grupo municipal de Pacto por Ames presentou un texto asinado por todos os grupos políticos municipais con representación na corporación municipal, que foi trasladado por parte da Plataforma de vítimas do Alvia 04155. Esta moción foi aprobada por unanimidade para dar apoio á Plataforma de vítimas do Alvia 04155. Ademais, o Concello de Ames comprometeuse a recibir a dita plataforma para coñecer as súas demandas e reivindicacións, solicitarlle ao goberno do estado que encargue unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do ocorrido, así como solicitarlle ao futuro goberno do Estado a apertura dunha comisión de investigación en sede parlamentaria para establecer posibles responsabilidades políticas.

Ao final do pleno unha das integrantes desta plataforma agradeceu o poio amosado pola corporación municipal de Ames. “Trátase dun pequeno xesto, pero que é moi importante para nós xa que o que queremos é que se faga xustiza social. Nós o que pedimos é que se depuren responsabilidades, especialmente para que este tipo de accidentes non se repitan nunca máis”, manifestou Esperanza, membro desta plataforma.