[28-04-2017] A corporación municipal aprobou por maioría absoluta a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa do cemiterio municipal que está situado no lugar dos Batáns. Ademais, aprobouse a resolución da FEMP sobre a reinversión do superávit do exercicio 2016, a proposta de adhesión do Concello de Ames á “declaración de Sevilla: o compromiso das cidades pola economía circular” e a ratificación de dous decretos a través dos cales se fan dúas modificacións en dous proxectos presentados ao plan POS+ 2017. Por último, desestimouse un recurso presentado por un traballador municipal conta a modificación da RPT, e aprobáronse unha proposta presentada por Javier López e os grupos municipais popular e Ames Novo, así como unha moción de urxencia presentada por Ames Novo e polo goberno municipal.
O pleno comezou cunha boa nova da que deu conta a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que lle trasladou ao resto de concelleiros e concelleiras que o período medio de pago a provedores segue baixando no Concello de Ames e reduciuse a 5,55 días durante o primeiro trimestre de 2017. O goberno municipal xa conseguira reducir a 14,77 días o período medio de pago a provedores no cuarto trimestre de 2016, pero durante o primeiro trimestre deste ano aínda se continuou baixando grazas ao traballo do persoal do departamento municipal de Intervención.
Por outra banda, o goberno municipal vai dando pasos para que o cemiterio municipal dos Batáns poida comezar a funcionar o antes posible. Deste xeito, aprobouse co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as do Partido Popular, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, e coa abstención dos/as edís de Pacto por Ames, a ordenanza fiscal que regulará a taxa pola utilización privativa deste equipamento.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que “esta ordenanza regula a taxa pola utilización de cada nicho, tumba, panteón e columbario do cemiterio municipal de Ames. Non están suxeitos a dita taxa os casos de emerxencia social. A base impoñible establecerase nos pregos de condicións de outorgamento das concesións que será o paso seguinte que temos que dar”.
Unha vez aprobada dita ordenanza abrirase un proceso de licitación para outorgar as concesións administrativas, que están reguladas en coordinación co regulamento do cemiterio municipal, e estableceranse varias modalidades para poder solicitar diversas concesións. A adxudicación das devanditas concesións farase en función do valor económico que figure na proposta de cada persoa interesada en conseguir unha concesión. Esta proposta terá sempre que partir dun prezo mínimo que se establecerá para cada unha das modalidades ás que se pode optar.
Por último, cómpre destacar que para establecer os prezos dos nichos, panteóns, tumbas e columbarios realizouse un informe por parte do arquitecto, que anteriormente se encargou de redactar o proxecto de construción do cemiterio, na que tomou como referencia os prezos das unidades de enterramento doutros cemiterios da contorna como o de Teo, Negreira e Ordes. Deste xeito, fixo unha media dos valores obtidos para dispor dunha concesión a 25 ou a 75 anos.
Outro dos puntos tratados na sesión plenaria de abril foi a desestimación do recurso de reposición presentado por un traballador municipal contra a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames. Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto favorable dos membros do goberno municipal e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as de Pacto por Ames se abstiveron e os/as edís do Partido Popular e Ames Novo votaron en contra.
Reinversión do superávit de 2016
Asemade, aprobouse co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as de Ames Novo, Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López, e co voto en contra dos edís do Partido Popular, a resolución da FEMP sobre a reinversión do superávit do exercicio 2016. Segundo se especifica en dita proposta as entidades locais son a única administración pública que cumpre cos obxectivos de estabilidade. A súa contribución á redución do déficit público foi determinante, polo que se insta ao goberno do Estado e aos grupos parlamentarios a que, pola vía de urxencia, se adopten iniciativas lexislativas que permitan ás entidades locais reinvestir o seu superávit sen ter que xerar novos ingresos pola súa mesma contía en calquera iniciativa que consideren oportuna para mellorar a calidade de vida dos veciños/as co único límite de non poñer en risco a súa estabilidade orzamentaria. Tamén se solicita que o prazo temporal para poder realizar a reinversión de dito superávit sexa os exercicios 2017 e 2018.
Outros dos asuntos aprobados co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as do Partido Popular, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, e coa abstención dos/as edís de Pacto por Ames, foi a proposta de adhesión do Concello de Ames á “declaración de Sevilla: o compromiso das cidades pola economía circular” para asumir os pronunciamentos e compromisos que a mesma supón. Esta iniciativa enmárcase dentro do paquete de accións que a Comisión Europea o Parlamento Europeo aprobaron para desenvolver un novo modelo económico que peche o circulo do deseño, a produción, o consumo e a xestión de residuos, para favorecer a transformación cara a unha Europa ecolóxica, circular e competitiva.
Dita declaración resalta o importante papel que deben desempeñar as cidades para a implantación do novo modelo de desenvolvemento que representa a economía circular, unha fórmula na que a revalorización dos residuos, a preservación dos recursos e a tendencia cara o vertido cero abre a porta ao crecemento sostible, ao fomento do emprego verde e á competitividade. A Declaración resume en once puntos as liñas de actuación ás que se comprometen as cidades para favorecer a economía circular.
Modificacións nos proxectos presentados ao POS+ 2017
Por outra banda, aprobouse co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as do Partido Popular, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, e coa abstención dos/as edís de Pacto por Ames, a ratificación de dous decretos, a través dos cales, se fan dúas modificacións en dous proxectos presentados ao plan POS+ 2017. Despois de aprobar en Pleno os proxectos incluídos no POS+ de 2017 os servizos técnicos da Deputación provincial da Coruña detectaron unhas deficiencias en dous proxectos, polo que foi preciso emendar ditos erros e houbo que volver aprobar o proxecto de mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro, que conta cun importe de execución de 356.837, 92 euros, e mailo proxecto de construción e urbanización da beirarrúa oeste da Travesía do Porto e acceso ao parque público e aos IES (treito rúa do Buxo-aparcadoiro do centro de saúde do Milladoiro) que dispón dun orzamento de execución de 389.408,41 euros.
Propostas e mocións de urxencia
O concelleiro non adscrito, Javier López, a voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, e maila voceira do grupo municipal Ames Novo, Pilar Candocia, presentaron unha proposta de medidas de actuación para a posta a punto de cara ao Xacobeo 2021 no concello de Ames. Polo concello de Ames pasan os camiños que van de Santiago a Fisterra e mailo Camiño Portugués. En 2017 a Xunta de Galicia ten previsto acondicionar a ruta que remata en Fisterra-Muxía, mediante a correcta sinalización e dotación de servizos, mentres que no ano 2018 será a quenda do Camiño Portugués.
Deste xeito, solicítase a Axencia de Turismo de Galicia que o Camiño Portugués e o Camiño de Fisterra-Muxía, ao seu paso polo concello de Ames, se inclúan no novo Plan anual de roza, limpeza e mantemento integral dos camiños de Santiago, así como que esta entidade colabore e proporcione asistencia técnica e económica para que o Concello de Ames elabore un estudo técnico dos problemas de sinalización dos camiños que discorren por dito municipio. Ademais, solicítase que o Concello solicite a subvención que convoca a Axencia de Turismo de Galicia para a construción dun miradoiro no Camiño Portugués ou enriba da Casa da Cultura do Milladoiro, se é posible.
Esta proposta foi aprobada por unanimidade e a concelleira de Promoción Económica, que ten delegadas as competencias da área de Turismo, Isabel González, explicou que nun par de semanas o goberno municipal reuniranse coa directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia para abordar diferentes cuestións relacionadas co concello de Ames e aproveitarán para trasladarlle dita proposta.
Por último, abordouse unha moción de urxencia presentada polo grupo municipal de Ames Novo e secundada polo grupo de goberno. Primeiro aprobouse por unanimidade a urxencia de dita moción, e de seguido, pasouse a súa exposición por parte do grupo municipal de Ames Novo. A través desta moción solicítase rexeitar o intento de interferir na autonomía da administración municipal a través da Disposición Adicional Vixésimo Sétima do Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, que pretende interferir nos procesos de remunicipalización e xestión pública de servizos externalizados a través de concesións administrativas.
Tamén se lle solicita aos grupos políticos con representación nas Cortes Xerais para que, no prazo de tramitación do Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, deixen sen efecto o contido da Disposición Adicional Vixésimo Sétima, e ínstase á Federación Española de Municipios e Provincias a manifestarse en contra da Disposición Adicional Vixésimo Sétima do Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017. Esta moción saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, e co voto en contra dos/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Reducción del periodo de pago y obras en Milladoiro"




