Pestanas principais

O Pleno aproba o regulamento e o prezo público das escolas infantís municipais

Xoves, 28 de marzo de 2024

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a ratificación do decreto de aprobación do proxecto modificado relativo ás obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde, en Piñeiro, pertencente ao POS+ 2024; o nomeamento da secretaria do Consello sectorial da Cultura; a adhesión xenérica á central de contratación do Estado; a rectificación do Inventario Municipal 2024; a aprobación inicial da modificación do regulamento de réxime interior das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena; e a aprobación do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ames para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa. Tamén se aprobou por maioría a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo publico pola prestación do servizo das escolas infantís municipais. Por último, rexeitouse unha moción política do grupo municipal popular sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de marzo comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 144 decretos, do 756 ao 900. A continuación aprobouse por unanimidade a acta correspondente á sesión ordinaria do 29 de febreiro de 2024.

Na parte resolutiva, aprobouse por unanimidade a ratificación do decreto de aprobación do proxecto modificado relativo ás obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde, na parroquia de Piñeiro, pertencente ao POS+ 2024. O pasado 7 de febreiro o Pleno aprobou a participación do Concello de Ames no Plan POS+ 2024, incluíndo no acordo a obra de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde.

Posteriormente, recibiuse comunicación dos servizos técnicos da Deputación indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. Deste xeito, a través do decreto da Alcaldía 758/2024 do 8 de marzo de 2024 resolveuse aprobar o proxecto modificado coas correccións técnicas indicadas polos técnicos da Deputación, que non teñen transcendencia algunha no deseño da obra, nin nas funcionalidades da mesma, nin no seu orzamento de execución. Houbo que completar a documentación relativa a instalacións de iluminación, de saneamento e de subministro de auga.

Outro dos temas aprobados por unanimidade foi o nomeamento da secretaria do Consello sectorial da Cultura. A técnica municipal de Cultura, María Vázquez, exerce de facto as funcións de secretaria do Consello Sectorial da Cultura, polo que era preciso que fose o Pleno quen realizase o seu nomeamento formal e desígnase a unha persoa suplente.

Adhesión á Central de contratación do Estado
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a adhesión xenérica á central de contratación do Estado. O Concello de Ames elabora semestralmente o Plan para a mellora da contratación administrativa municipal que, a pesar dos esforzos realizados, non chega a cumprir os seus obxectivos. A principal razón do incumprimento é a falta de medios persoais no servizo de contratación municipal. Deste xeito, a adhesión á Central de Contratación do Estado facilitará o funcionamento do servizo redundando no interese público municipal.

A centralización da contratación xera aforros que se derivan do aumento da concorrencia. Os aforros que derivan dunha contratación centralizada, ao responder a melloras da eficiencia, non afectan á calidade das prestacións. Os aforros non son soamente de índole económico senón tamén de tramites, de cargas administrativas e de prazos. Este último aspecto é especialmente relevante para o Concello tendo en conta o reducido persoal que conforma o servizo. O Concello acollerase tan só naqueles contratos de bens e servizos que tivesen as prestacións que fosen de interese. O resto de contratos serán aprobados a través dos órganos que habitualmente se realiza.

Inventario municipal de 2024
Por outra banda, tratouse a rectificación do Inventario municipal de 2024. Este punto foi aprobado por unanimidade. O Inventario municipal de bens do Concello de Ames é do ano 1996. Dende ese momento realizáronse seis rectificacións (dúas no ano 2020; unha no ano 2021; dúas no ano 2023; e esta última aprobada en marzo de 2024).

Realizáronse tres incorporación: unha parcela de 1.133 metros cadrados situada nas inmediacións da rúa Alcalde Lorenzo (parcela denominada Agro da Taberna e que actualmente se usa como aparcadoiro provisional); un trasteiro de aproximadamente seis metros cadrados situado entre a avenida de Rosalía de Castro e o edificio Madalena (procede dun embargo da Deputación da Coruña); e unha finca en Castiñeiro de Lobo, denominada Alto da Costa, de 673 metros cadrados, na que se localiza unha torre de telecomunicacións adquirida polo Concello.

Tamén se aprobaron dúas baixas: un anaco de camiño de 163 metros cadrados en Firmistáns por ter sido vendida en escritura pública; e a parcela R1 en Punxeiras Altas por ter sido permutada pola parcela Agro da Taberna, situada nas inmediacións da rúa Alcalde Lorenzo.

Modificación do regulamento das escolas infantís municipais
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a aprobación inicial da modificación do regulamento de réxime interior das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena. Dita modificación do regulamento está motivada debido ao requirimento da xefatura do Servizo de Inspección de Familia e Menores da Xunta de Galicia, no que se indica que o Concello de Ames non conta coas normas de funcionamento visadas das escolas infantís O Bosque e A Madalena.

Prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais
Tamén se lle deu luz verde á aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais. Dita modificación consiste, por unha banda, en adaptar as tarifas municipais ás fixadas pola resolución do 10 de maio de 2017, pola que se actualizan os prezos das escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais e, por outra, en modificar os prezos do servizo de merendas en base ao custe actual do servizo.

Deste xeito, proponse para o servizo de merendas un prezo mensual de 40,48 euros e un prezo por día solto de 2,20 euros por día. O prezo mensual é o resultado de multiplicar o prezo de 1,84 euros/ día por 22 días hábiles, cubrindo así o custe do servizo.

Dende o BNG propuxeron que o acordo relativo á modificación do prezo dos servizos de merendas quedase enriba da mesa ata que se dispoña dos pregos para licitar o servizo de produtos de alimentación para os servizos de conciliación, para poder facer un estudo de custes máis exhaustivo do servizo de merendas.

Ante dita proposta primeiro houbo que votar se este punto quedaba encima da mesa, o cal foi rexeitado co voto en contra dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. A favor votaron as/os edís do BNG e de Espazo Común. Tras rexeitar que o punto quedara encima da mesa, votouse o punto debatido, que foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames e  co voto en contra das concelleiras/os do BNG e Espazo Común.

Convenio do programa Xantar na Casa
Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ames para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa, un servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

Trátase dun convenio para ampliar o número de usuarios/as do programa Xantar na Casa, debido a que existe unha lista de agarda de 12 persoas. Ata o de agora co convenio asinado en 2018 había 20 prazas conveniadas. Deste xeito, co novo convenio increméntase o número de prazas ata as 35. A duración do novo convenio será de catro anos, dende o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de decembro de 2028.

Moción política sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo
Por último, abordouse unha moción política do grupo municipal popular sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo. Este punto foi rexeitado co voto en contra dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Votaron a factor os membros do grupo municipal popular e maila concelleira de Espazo Común. Abstivéronse as/os concelleiras/os do BNG.

En dita moción instábase ao Goberno de España a que modifique o real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, para suprimir a obriga de rexistrar as explotacións avícolas para autoconsumo, agás decisión da autoridade competente naquelas explotacións en función do risco sanitario ou criterios de ordenación sectorial da Comunidade Autónoma.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Cada merienda en las escuelas infantiles de Ames costará 2,2 euros"

El Correo Gallego: "El gobierno socialista de Ames salva gracias al PP la subida de las meriendas en las guarderías"

Imaxe do pleno ordinario de marzo de 2024

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de marzo de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de marzo de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de marzo de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de marzo de 2024
  • Imaxe do pleno ordinario de marzo de 2024