[01-04-2016] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de marzo no que os concelleiros e concelleiras da corporación municipal déronlle luz verde á aprobación inicial do regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames. Ademais, aprobouse por unanimidade a modificación do sistema de prórroga do contrato asinado con Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames, e mailo inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz. Por último aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito, para pagar facturas pendentes, e unha moción presentada por vía de urxencia polo grupo municipal Pacto por Ames, para celebrar o vindeiro 22 de abril o IV centenario da morte de Miguel de Cervantes. Outra moción presentada por Pacto por Ames sobre a problemática do río Sar e as consecuencias que xera a súa contaminación, así como o futuro da EDAR do Souto, quedou encima da mesa á espera de elaborar unha moción conxunta e unánime entre todos os grupos da corporación.
O pleno de marzo comezou co debate do regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames. O encargado de introducir este asunto foi o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que en primeiro lugar deulle os parabéns a todas as compañía de teatro que pasaron ou van pasar por Ames polos galardóns recibidos na Gala dos XX Premios María Casares de teatro. Santomil invitou a todos os presentes a acudir a ver o espectáculo "O Principio de Arquímedes" de Teatro do Atlántico, que será representado este venres, ás 21:00 hora, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, xa que esta obra foi galardoada con 5 premios.
Sobre o regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames, Santomil, destacou “o interese común de aprobar un regulamento ou poñer en marcha un consello escolar municipal que servirá de altofalante da comunidade educativa para todo o referido ao ámbito da educación. Trátase dunha ferramenta formal para canalizar as demandas en materia educativa”.
“Tratamos de ser ambiciosos na elaboración deste documento, se o comparamos co regulamento aprobado no ano 2004 que nunca se chegou a poñer en marcha, xa que incorporamos unha cláusula importante que é a participación de todos os membros da corporación e da comunidade educativa que desexen estar presentes nos plenos deste consello escolar”, destacou David Santomil.
Este regulamento é froito dun amplo proceso de participación no que colaboraron as ANPAS, o profesorado e todos os grupos políticos da corporación. Este órgano será o principal punto de encontro da comunidade educativa para a toma de decisións no ámbito municipal. O conselleiro de Educación tamén incidiu en que “se realizaron dúas xuntanzas, celebradas o 6 de novembro de 2015 e mailo 15 de febreiro de 2016, para chegar a un consenso na elaboración deste documento. Traballouse cun borrador inicial que se enviou a todos os axentes implicados para que realizasen as súas achegas”.
Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do grupo de goberno, así como dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do Partido Popular, Pacto por Ames e Ciudadanos. Os edís de Ames Novo votaron en contra porque segundo explicou a súa voceira, Pilar Candocia, “non estamos de acordo con este modelo. A nosa posición é contraria a existencia deste regulamento porque cremos que é unha forma de dar participación sen dala realmente. Segundo nos indican os integrantes dos consellos escolares dos centros de ensino é imposible modificar nada nun consello escolar. Consideramos que é un modelo coxo polo que cremos que é necesario un consello educativo de participación real e que non sexa tan só consultivo”.
Modificación do sistema de prórroga no contrato de Urbaser
Outros dos asuntos tratados neste pleno foi a modificación do sistema de prórroga do contrato asinado con Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames. Este punto foi exposto polo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, que lembrou que en xullo de 2006 aprobouse a adxudicación á empresa Urbaser SA do concurso convocado para a xestión do servizo de limpeza viaria e do punto limpo. Posteriormente, a devandita empresa comezou a prestar este servizo en xaneiro de 2007.
Tendo en conta que en xaneiro de 2017 remata dito contrato, dende a concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, pensaron na posibilidade de modificar o réxime de prórroga co obxectivo de que esta se realice de xeito anual, por mutuo acordo de ambas partes, ata un máximo de 10 anos, en lugar dos 10 anos seguidos previstos no contrato.
Segundo explicou Blas García “unha prórroga cun prazo único de dez anos consecutivos faría inasumible a mesma e obrigaría ao goberno a ter que volver a licitar o servizo de limpeza viaria e a xestión do punto limpo, o que consideramos agora inviable, debido a que nos atopamos inmersos na licitación do ciclo integral da auga, e en negociacións para a xestión dos residuos sólidos urbanos. A nosa intención é realizar unha serie de estudos técnicos e económicos para valorar o tipo de xestión coa que se desenvolvería nun futuro este servizo”.
Todos os grupos municipais apoiaron esta iniciativa e votaron a favor polo que este asunto saíu adiante por unanimidade. Ademais, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos adiantou que nos vindeiro días a empresa Urbaser presentará unha proposta para ampliar o servizo de limpeza a determinadas rúas e lugares do concello que non están incluídos actualmente. Nesta proposta tamén se recollerá unha cambio nas frecuencias do servizo. Está previsto que está proposta vaia proximamente a Pleno.
Recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2016
Por outra banda, aprobouse o recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2016 para pagar dúas facturas, correspondentes a gastos efectuados en exercicios anteriores por un importe de 7.512,59 euros, e que a día de hoxe se atopan pendentes de aprobación. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos membros do goberno, así como dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos. Os edís de Pacto por Ames abstivéronse. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que foron gastos efectuados polo anterior equipo de goberno, pero que quedaron sen conformar polo que na actualidade estaban sen aprobar.
Por último, a corporación municipal aprobou por unanimidade o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz.
Apartado de mocións
A moción presentada por Pacto por Ames sobre a problemática do río Sar e as consecuencias que xera a súa contaminación, así como o futuro da EDAR do Souto, quedou encima da mesa á espera de elaborar unha moción conxunta e unánime entre todos os grupos da corporación. Este mesmo grupo municipal presentou outra moción por vía de urxencia para celebrar o vindeiro 22 de abril o IV centenario da morte de Miguel de Cervantes. Esta moción foi aprobada por unanimidade. O pleno rematou á media noite despois de abordar o apartado de rogos e preguntas.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:" La corporación amiense aprobó el reglamento del Consello Escolar Municipal"
El Correo Gallego:"Dejan sobre la mesa la moción de PxA para defender el Sar"




