Pestanas principais

O Pleno aproba o proxecto técnico para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns

Venres, 25 de setembro de 2020

Este xoves, 24 de setembro, o Concello de Ames celebrou unha nova sesión plenaria, neste caso a ordinaria do mes de setembro. En dito pleno a Corporación municipal deulle aprobación por unanimidade ao proxecto técnico para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns. Informouse da liquidación do exercicio 2019 que amosa un remanente de tesourería de 9.250.000€, un resultado orzamentario axustado de 2.400.000€ e un superávit de 1.270.000€. Ademais, aprobouse por unanimidade a constitución da Asociación de concellos da Ruta Rosaliana “As Pegadas de Rosalía”; a gratuidade das cotas dos segundos fillos/as e sucesivos nas escolas infantís municipais; a segunda modificación das bases de execución do Orzamento de 2020; e unha proposta presentada polo concelleiro José Ramón Oulego para rexeitar o transfuguismo como práctica de corrupción política. Tamén se aprobou por maioría absoluta a afectación durante 10 anos do local adquirido para coworking e unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o sobrecuste dos gastos de limpeza e desinfección dos centros educativos de titularidade autonómica para os Concellos.

O Pleno ordinario do mes de setembro estivo presidido polo primeiro tenente de Alcaldía, David Santomil, debido a que o alcalde, Jose Miñones, atópase de baixa debido a unha operación cirúrxica. A sesión plenaria comezou con David Santomil dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria.

Un dos temas aprobados por unanimidade de toda a Corporación municipal foi o proxecto técnico para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns. Este tema foi presentado no apartado de mocións por vía de urxencia, xa que non puido ser incluído nas comisións informativas previas ao pleno e na orde do día do pleno pola falta dun informe técnico. Este proxecto enmárcase dento do convenio asinado coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia para a transferencia da avenida da Maía ao Concello de Ames. En dito acordo recóllese que a Xunta de Galicia financiará con 140.101,75 euros a mellora do firme do tramo da estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390.

Unha vez dito proxecto foi aprobado polo Pleno poderanse iniciar os trámites para iniciar o proceso de licitación. As obras executaranse naqueles tramos nos que o firme está en peor estado e tamén naquelas zonas do firme nas que se van a realizar modificacións na circulación. Tamén se van habilitar novos pasos para peóns na avenida da Maía e arranxar o firme dos espazos de estacionamento, que se atopan nas beiras da estrada, que están en peor estado.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que a idea do Goberno municipal é solicitar a transferencia de varios tramos de estradas para que sexan de competencia municipal como o tramo da estrada DP-0205, dende o inicio da rúa Alcalde Lorenzo ata A Condomiña; a avenida da Peregrina; o tramo da AC-544 ao seu paso por diante do CEIP da Maía, e maila rúa Seixabre, que une a AC-544 coa CP-0202.  

Liquidación do exercicio 2019
Ademais, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informou sobre a liquidación do exercicio 2019 que amosa un remanente de tesourería de 9.250.000 euros, un resultado orzamentario axustado de 2.400.000 euros, e un superávit de 1.270.000 euros. No tocante ao apartado de gastos destacouse que se recoñeceron obrigas por importe de 23.130.000 euros, un 9,49% máis que as obrigas recoñecidas no 2018 que foron de 21.130.000 euros, o que supón un incremento en gastos de 2.000.000 euros.

No tocante aos ingresos a cifra de dereitos recoñecidos no 2019 foi de 24.530.000 euros fronte aos 24.790.000 euros recoñecidos no exercicio 2018, un 1,10% menos de ingresos. Genma Otero tamén destacou que o Orzamento municipal medra ano tras ano e amosa un crecemento, mantendo a senda da estabilidade e solvencia, cumprindo as tres regras fiscais: estabilidade orzamentaria, regra de gasto e débeda.

Gratuidade para os segundos fillos/as nas escolas infantís municipais
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a modificación da ordenanza municipal número 5, que regula o prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do Bosque e A Madalena. Dita modificación está motivada pola necesidade de acollerse á gratuidade da atención educativa para os segundos/as fillos/as e sucesivos, ao abeiro da Disposición Adicional novena da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; establecendo unha bonificación do 100% do prezo correspondente a atención educativa para o curso 2020-2021 para os segundos fillos/as e sucesivos da unidade familiar. Deste xeito, queda garantida a gratuidade das cotas dos segundos fillos/as e sucesivos nas escolas infantís municipais do Bosque e A Madalena.

Por outra banda, aprobouse, tamén por unanimidade, a segunda modificación das bases de execución do Orzamento de 2020. Neste caso vaise a facer unha modificación na subvención nominativa para a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil por importe de 17.000 euros. A finalidade da subvención é o financiamento de gastos correntes de funcionamento da agrupación. Por parte da Agrupación de Voluntarios/as púxose en coñecemento do Concello que durante este exercicio é necesario realizar unha serie de investimentos relacionados co seu funcionamento, polo que solicitan que unha parte da subvención se destine a gasto corrente e a outra a investimentos (material inventariable). Deste xeito, do total de 17.000 euros; 9.200 euros dedicaranse a gasto corrente de funcionamento, e 7.800 euros para gastos de material inventariable.

Asociación de concellos da Ruta Rosaliana “As Pegadas de Rosalía”
Outro dos asuntos aprobados por unanimidade foi a constitución da Asociación de concellos da Ruta Rosaliana “As Pegadas de Rosalía”. Neste punto tamén se aprobou a aprobación dun borrador de estatutos para dita asociación. A asociación estará integrada polos concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón. Aínda así nun futuro poderán integrarse outros concellos. A aprobación dos estatutos e, polo tanto a adhesión a asociación, implica unha achega económica para o Concello de Ames de 1.000 euros anuais. Segundo explicou o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, a idea é constituír dita asociación para poder optar a subvencións doutras administracións e para poder organizar unha programación anual estable de actividades ao redor da figura de Rosalía.

A Corporación municipal tamén aprobou por maioría absoluta a afectación durante 10 anos do local adquirido para o novo centro coworking "A Proa". Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto, José Ramón Oulego e Quique Costas. Os/as concelleiros/as do grupo municipal popular votaron en contra. O Concello de Ames asinou coa Deputación da Coruña un convenio, a través do cal a administración provincial financia algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros. Entre os requisitos do convenio figuran, entre outras, dúas condicións: a incorporación do local ao inventario municipal de bens (esta esixencia cumprimentouse en acordo plenario do 25 de xuño de 2020); e mailo compromiso de afectación durante 10 anos do local adquirido para coworking, compromiso que deberá recollerse na correspondente anotación no inventario municipal.

Proposta para rexeitar o transfuguismo
Ademais, aprobouse por unanimidade unha proposta do concelleiro, José Ramón Oulego, para rexeitar o transfuguismo como práctica de corrupción política que dinamita a estabilidade democrática das Corporacións locais. A través de dita proposta trátase de manifestar o rexeitamento do transfuguismo como práctica de corrupción política e fraude á vontade da cidadanía que supón unha completa deslealdade cara as formacións políticas que ampararon a candidatura dos representantes locais cun único fin de perseguir o interese de beneficio individual, mesmo aínda que iso supoña dinamitar a representación institucional e política que foi democraticamente manifestada nas urnas por todos os cidadáns.

Ao mesmo tempo ínstase ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública a que se dote de carácter estable a Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo garantindo a continuidade da recente convocatoria acordada para o 21 de setembro como mostra de compromiso político para atallar esta secuela e evitar que os cargos electos que abandonaron a formación política pola que concorreron ás eleccións poidas acabar alterando a representación democraticamente manifestada polos cidadáns nas urnas e condicionando a estabilidade dos gobernos locais.

Proposta sobre o sobrecuste dos gastos de limpeza dos centros educativos
Por último, o Pleno aprobou por maioría absoluta unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o sobrecuste dos gastos de limpeza e desinfección dos centros educativos de titularidade autonómica para os Concellos. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do Goberno municipal e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, mentres que os/as concelleiros/as do grupo municipal popular votaron en contra, e o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

Deste xeito, o Pleno insta á Xunta de Galicia a cumprir coas súas obrigas e responsabilidades no ámbito sanitario e educativo, dispoñendo dos medios materiais e persoais e dos recursos económicos que sexan precisos para garantir que a volta a clase e o curso académico poida desenvolverse de maneira presencial, segura e con calidade.

Tamén se solicita que no caso de que a Xunta de Galicia decida encomendar ás entidades locais novas función e responsabilidades en materia de conservación e mantemento dos centros educativos, proceda a delegación formal das mesmas e realice a correspondente consignación orzamentaria para sufragar tales gastos. Ademais, ínstase á Xunta de Galicia a que proceda á compensación dos sobrecustes que os concellos están a soportar como consecuencia dos gastos de limpeza e desinfección dos centros educativos.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Aprobado el proyecto para humanizar la avenida da Maía de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Aprobado por unanimidade o proxecto para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía en Bertamiráns"

Imaxe do pleno ordinario do mes de setembro de 2020

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario do mes de setembro de 2020
  • Imaxe do pleno ordinario do mes de setembro de 2020