Pestanas principais

O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros

Venres, 27 de xuño de 2025

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a maior parte dos puntos debatidos no pleno ordinario de xuño. Deste xeito, saíu adiante por unanimidade o proxecto de mellora do camiño de Quintáns e outro incluído no Plan Camiña Rural 2025-2026; o proxecto refundido de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro; as segundas prórrogas dos servizos de monitores/as e persoal na Rede de comedores escolares e Tardes divertidas; e a primeira prórroga dos servizos de limpeza nos centros de educación infantil, primaria e escolas unitarias; escolas infantís; e instalacións de uso municipal. Tamén saíu adiante por maioría simple a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora de actos de benvida social; a décimo terceira modificación da RPT; e a modificación dos cadros de persoal debido a dita modificación da RPT. Ademais, aprobouse por unanimidade unha moción do grupo municipal do BNG para unhas festas máis inclusivas e sostibles en Ames; e foi rexeitada unha moción do grupo do Partido Popular en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción que afecta a contorna persoal e política de Pedro Sánchez, presidente do Goberno de España. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de xuño comezou cun minuto de silencio en memoria das últimas mulleres que foron vítimas de violencia machista en Galicia. A continuación o alcalde deu conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 349 decretos, do 1588 ao 1936. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a aprobación por unanimidade da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de maio celebrada o pasado 28 de maio de 2025.

O primeiro tema de debate abordado foi a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora de actos de benvida social, tamén coñecida en outros concellos como bautizo civil. Este punto foi aprobado con oito votos a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e da concelleira de Espazo Común. Os/as concelleiros/as do Partido Popular e BNG abstivéronse.

Neste punto o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, explicou que se “trata dunha medida que ten como obxecto a regulación da celebración en locais municipais do Concello ou en recintos privados, dunha cerimonia laica de benvida, acollemento social e presentación de nenos ou nenas menores de idade ante a comunidade veciñal. Con esta proposta o que se pretende é dar resposta á solicitude formulada pola veciñanza”.  

A voceira do grupo municipal de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou que “en tempos de crecente pluralidade cultural e relixiosa os actos de benvida civil posicionanse como unha ferramenta política que fortalece a neutralidade e promoven o principio de igualdade. Os actos civís de benvida non exclúen a ninguén, ao contrario inclúen a todos, unha forma de de mostrar con feitos que cada neno e nena é valioso e ten os mesmos dereitos sen importar o credo, a orixe ou a convicción da súa familia”.

Por parte do BNG, a súa voceira, Escarlata Pampín, dixo que “para o BNG o número de nacementos que se producen cada ano en Ames é motivo de orgullo e alegría e fan que hoxe en Ames, xunto con Salceda de Caselas, contemos cun saldo vexetativo positivo. Dito isto, este punto non represente ningún avance nas políticas municipais, xa que incluso temos exemplos doutros concellos onde se suprimiron as cerimonias de benvida social, xa que son actos formais ou protocolarios carentes de efectos xurídicos que implican un importante traballo municipal. Tendo en conta que estas cerimonias de benvida á cidadanía non son servizos de prestación obrigatoria por parte dos municipios, non ten sentido asumir o custo destas celebracións”.

A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, explicou que “isto é un intento de copia do bautizo cristiá xa que se trata dun acto sen consecuencias xurídicas. Nós non o vemos como unha cuestión prioritaria nin unha demanda dos veciños. Unha mostra disto é que a pesar de comezar a realizar este tipo de cerimonias en España hai xa máis de 20 anos, son poucos os concellos que teñen un número elevado de actos de benvida social. Esperamos que sexan poucas as familias que o queiran facer para que a perda de recursos na súa tramitación non sexa excesiva. Nós cremos que estes recursos se poderían destinar a outras cuestións como fai a Xunta de Galicia co cheque benvida ou a cesta de agasallos. Poderíamos darlles unha tarxeta de benvida municipal para gastar no comercio local”.

Plan Camiña Rural 2025-2026
O primeiro punto aprobado por unanimidade foi o proxecto de mellora do camiño de Quintáns e outro incluído no Plan Camiña Rural 2025-2026. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobou as normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas correspondentes ao plan Camiña Rural para o período 2025-2026. O importe máximo da subvención para o Concello de Ames ascende a 55.728 euros.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “para participar na convocatoria deste plan elaborouse o proxecto denominado Mellora de camiño en Quintáns e outro, que conta cun presuposto total de execución por contrata de 67.430,88 euros, dos cales 11.702,88 euros son a parte correspondente ao IVE, que debe asumir o Concello de Ames. Este proxecto contempla actuacións para a mellora do camiño en Quintáns; e mellora do camiño de Proupín a Lamas”.

Mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro
Tamén se aprobou por unanimidade o proxecto refundido de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro. O pasado 5 de xuño de 2025 o Concello e Ames recibiu a notificación da Consellería de Economía e Industria pola que se lle concede unha subvención para a habilitación e mellora de infraestruturas do seu parque empresarial, ao abeiro da Orde do 7 de xaneiro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, dixo que “coa execución deste proxecto intentaremos minimizar os problemas de asolagamento de auga que se producen na parte baixa do parque empresarial Novo Milladoiro e no colexio de Ventín. O proxecto conta cun presuposto total de execución de 150.000 euros. O investimento subvencionable ascende a 64.690 euros. A subvención que se lle foi concedida ao Concello de Ames ascende a 51.752 euros, que representa o 80% do orzamento total do proxecto. O importe restante, que son é subvencionable de 85.310 euros, será asumido pola EPEL Augas de Ames”.

Prórroga dos contratos dos servizos de monitorado e limpeza
Ademais, abordáronse de forma conxunta cinco puntos da orde do día relativos ás prórrogas de contratos vinculados aos servizos de monitorado de programas de conciliación da vida laboral e familiar e de servizos de limpeza.

A primeira delas foi a segunda e última prórroga do lote 1 do servizo de monitores/as e persoal da Rede de comedores escolares, ampliando a vixencia do contrato ata o 31 de agosto do 2026. O importante total de dita prórroga do contrato ascende a 1.172.407,34 euros. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Outra das prórrogas de contratos que se aprobou por unanimidade foi a do lote 3 do servizo de monitores/as e merendas no programa Tardes divertidas, coa proposta de estender o contrato por un ano ampliando a súa duración ata o 31 de agosto de 2025.  O importante total de dita prórroga do contrato ascende a 250.809,39 euros.

Tamén se aprobou por unanimidade a primeira prórroga dos tres lotes do contrato de servizos de limpeza nos centros de educación infantil, primaria e escolas unitarias; escolas infantís; e instalacións de uso municipal. O primeiro lote atinxe ao servizo de limpeza nos centros de educación infantil, primaria e escolas unitarias de Ames. O segundo lote corresponde ao servizo de limpeza nas escolas infantís, mentres que o terceiro lote inclúe o servizo de limpeza en instalacións de uso municipal.
 
A vixencia do contrato destes tres lotes ampliase nun ano estendendo a súa vixencia ata o 31 de agosto de 2026. O orzamento anual do primeiro lote ascende a 293.130,73 euros; o orzamento do segundo lote é de 79.491,37 euros, mentres que o do terceiro lote ascende a 218.539,79 euros.

Décimo terceira modificación da RPT
Por outra banda, incluíronse dous puntos que estaban fóra do orde do día sobre a décimo terceira modificación da RPT; e para a modificación dos cadros de persoal debido a dita modificación da RPT. Primeiro votouse a urxencia para incluír estes dous temas na orde do día, que saíu adiante cos votos a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Os/as concelleiros/as do BNG e Espazo Común votaron en contra.

A continuación debatéronse ambos puntos. O concelleiro de Administración Xeral e Persoal, Víctor Fernández, explicou que “a décimo terceira modificación puntual da RPT é imprescindible para a creación de dous novos postos de traballo que son necesarios para o bo funcionamento dos servizos públicos. Estes dous novos postos son unha praza de auxiliar de biblioteca C2 e un novo posto de oficial de cociña C2 para o servizo de comedores escolares. Para o inicio do curso escolar 2025-2026 está previsto contar coa Cociña Central, polo que resulta imprescindible contar con este novo posto de oficial de cociña que ata o de agora non existía. Ademais, contémplase un cambio de adscrición de un administrativo dentro do departamento de Secretaría”.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, explicou “como dixen na miña exposición de motivos polo voto en contra para incluír este punto na orde do día, non me parece de recibo que se nos entregase a documentación destes dous puntos á última hora de onte mércores porque non tiven tempo de examinar a documentación, tal e como me houbese gustado, polo tanto aínda que conte con informes favorables, gustaríame haber podido debater estes tesmas en comisión e ter un tempo prudencial para poder revisar con detalle toda a documentación, porque é un tema importante que afecta aos traballadores e traballadoras do Concello, e non me parece que sexan asuntos para traer por urxencia”.

A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, dixo “dende o BNG queremos manifestar o noso descontento pola forma que se está xestionando de forma recorrente todo o relativo ao persoal municipal. E inadmisible que volvamos a traer a Pleno cuestións tan relevantes como son a creación de postos de traballo tarde, mal e arrastro, sen que se leve previamente á comisión e coa documentación facilitada con pouco máis de 24 horas de antelación. Isto non só dificulta o traballo serio e rigoroso da oposición, senón que demostra unha preocupante falta de respecto polo funcionamento democrático deste Concello, e por iso votamos en contra da urxencia. Sobre a proposta cremos que habería que crear dúas prazas de auxiliar de biblioteca e non unha, e o posto de oficial de cociña debería ter unha categoría C1 e non C2, xa que isto non garante a cualificación necesaria”.

O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, explicou que “esta modificación xa se anunciou na Xunta de voceiros, pero o que é certo, é que a documentación chegou onte mércores, e tendo en conta que é unha documentación moi importante, non tivemos o tempo necesario para poder estudiala polo miúdo. Este é un acordo importante porque a creación da nova praza de oficial de cociña posibilita ou imposibilita a apertura da Cociña Central, un dos proxectos estrela deste goberno e de gobernos anteriores, que sempre contou co apoio do Partido Popular porque cremos que é importante que o Concello de Ames conte cunha Cociña Central para que siga prestando uns servizos de conciliación de calidade, pero o que non nos parece axeitado son as formas nas que chegou a documentación”.

Finalmente, a décimo terceira modificación da RPT e a modificación dos cadros de persoal debido a dita modificación da RPT foron aprobados por maioría simple, con sete votos a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno; seis votos en contra dos/as concelleiros/as do BNG e Espazo Común; e sete abstencións dos/as edís do Partido Popular.

Mocións políticas do BNG e Partido Popular
Por último, abordaranse dúas mocións. A primeira, aprobada por unanimidade, foi unha moción do grupo municipal do BNG para unhas festas máis inclusivas e sostibles en Ames. 

Por outra banda, o  grupo municipal do Partido Popular presentou unha moción en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción que afecta a contorna persoal e política de Pedro Sánchez, presidente do Goberno de España, que foi rexeitada. A votación desta moción contou con sete votos a favor dos/as concelleiros/as do Partido Popular; sete votos en contra dos/as concelleiros/as do grupo de goberno; e  seis votos de abstención dos/as edís do BNG e Espazo Común. Ao existir un empate, houbo que repartir dita votación. Finalmente, a moción foi rexeitada con trece votos en contra dos/as concelleiros/as do grupo de goberno; BNG e Espazo Común. Os/as sete concelleiros/as do Partido Popular mantiveron o voto a favor da moción.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames pierde 120.000 euros de un plan de conciliación por no solicitarlo"

El Correo Gallego: "O pleno de Ames aprobou a mellora da vía de Quintáns e da de Proupín-Lamas"

Lindeiros: "Ames perde 120000 euros por un "despiste""

O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros

Multimedia

  • O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros
  • O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros
  • O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros
  • O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros
  • O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros
  • O Pleno aproba o proxecto de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro no que se investirán 150.000 euros