Pestanas principais

O Pleno aproba o POS 2015 destinando 500.493 euros en seis proxectos de obras

Venres, 28 de novembro de 2014

[28-11-2014] A corporación municipal de Ames no pleno ordinario correspondente ao mes de novembro aprobou por maioría absoluta as obras que se incluirán no Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) 2015, que ascende a un importe de 502.498,49 euros. O Concello de Ames investirá 500.493 euros (o 99,6%) para a realización de seis obras nos lugares de Ventosa, Milladoiro, Bertamiráns, Outeiro, Costoia, Bugallido, Biduído e Tapia. O POS complementario recolle tres obras de saneamento correspondentes aos núcleos de Portanxil, a Susavila de Carballo, e a Lamas-Costoia (Biduído). O importe restante deste plan que son 2.004,62 euros (o 0,4%) será destinado a gasto corrente. Ademais, aprobáronse catro mocións e dúas foron rexeitadas. Por último, cabe destacar a despedida da concelleira socialista Carmen Fraga, que tras cinco anos como edil da corporación amiense renunciou a súa acta de concelleira.

Despois da reunión mantida o pasado 25 de novembro relativa ao POS 2015 con membros da corporación, tanto do goberno coma da oposición, o Goberno municipal presentou unha modificación da proposta inicial co fin de destinar case que o 100% da cantidade do POS a investimento en proxectos de obras. A proposta inicial dedicaba o 86’1% (432.580,32 euros) a investimento, mentres que o 13,9% restante, é dicir, 69.918,17 euros, destinábase a gasto corrente. Trala devandita reunión o Goberno amiense comprometeuse a dedicar practicamente toda a contía deste plan á realización de seis obras nos lugares de Ventosa, Milladoiro, Bertamiráns, Outeiro, Costoia, Bugallido, Biduído e Tapia, aumentando a proposta de proxectos iniciais.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “as propostas que incorporou o goberno na proposta inicial e na variación presentada, xorden das propostas feitas o longo deste ano por concelleiros da corporación tanto do goberno como da oposición”. Ademais, recordoulle aos concelleiros da oposición “as súas peticións, dándolle prioridade a aquelas necesidades como camiños vías e infraestruturas tan estragados nos últimos tempos”. Respecto das obras de saneamento o alcalde incidiu en que “o goberno leva investido en obras de saneamento e abastecemento preto de 400.000 nestes tres anos de lexislatura e hai comprometidos 400.000 euros máis a día de hoxe, que hai que sumar aos 280.000 do canon da auga que terá que aboar a empresa adxudicataria do ciclo integral da auga”.

Por outra banda, o grupo municipal socialista tamén presentou unha proposta para que se incluísen varias obras de saneamento dentro do POS principal de 2015, e non no POS complementario como se recollía na proposta do grupo de goberno. O grupo socialista propuxo que se incluísen no POS principal as obras de saneamento no núcleo de Portanxil (Trasmonte) por un importe de 139.931,94 euros, e a obra de saneamento no núcleo de Susavila de Carballo (Trasmonte), por un importe de 92.889,93 euros. Ademais, propoñían que o POS complementario recollese as obras de saneamento en Lamas-Costoia (Biduído), por importe de 81.692,30 euros, a mellora do camiño de Foxos, no lugar de Ventosa (Covas), que ascende a un total de 62.191,74 euros; e a reposición da sinalización horizontal dos núcleos de Bertamiráns e Milladoiro, por un total de 132.241,51 euros.

Segundo explicou o voceiro do grupo municipal socialista, José Miñones, “con esta proposta non se retiraría ningunha das obras que xa viñan documentadas na memoria e na proposta inicial do POS 2015, e tal e como comentamos na celebración da comisión informativa, incluiríanse as obras de saneamento de Portanxil e Susavila de Carballo. Quedaría deste xeito unha cantidade residual de 31.529,5 euros (6,27%) que se podería destinar a gasto corrente, e dedicaríase, polo tanto, un total de 470.968,94 (93,72%) a investimento en obras”.

Trala quenda de intervención votáronse as propostas presentadas. A emenda do grupo de goberno saíu adiante, mentres que a emenda do grupo municipal socialista foi rexeitada. Finalmente votouse a proposta presentada polo Goberno municipal que saíu adiante con 11 votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e dos concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay. Esta proposta tivo 6 votos en contra dos concelleiros/as do grupo socialista e 4 abstencións dos concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval.

Proxectos do POS 2015
Deste xeito, o Concello amesán dedicará este ano o 99,6% da partida que lle corresponde do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) 2015 á posta en marcha de seis proxectos que son a mellora do camiño de Foxos no lugar de Ventosa cun orzamento de 62.191,74 euros; reparar as instalacións do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre cun orzamento de 49.963,19 euros; adecuar a praza do Milladoiro situada entre as rúas Agro da Madalena e a avenida de Rosalía de Castro cun orzamento de 50.000 euros; proceder á reposición da sinalización horizontal nos núcleos de Bertamiráns e Milladoiro cun orzamento de 132.241,51 euros; e a mellora do camiño no lugar de Ventosa cun orzamento de 67.913,55 euros.

Por outra banda, no POS 2015 inclúese o proxecto que recolle o arranxo do camiño de Outeiro-Costoia-límite do concello e outras actuacións que son a mellorar do camiño de estrada Costoia ó Barreiro (Bugallido), o arranxo do camiño de estrada de Costoia a Framil e interiores (Biduído); e o arranxo do camiño da estrada que vai dende Costoia a Framil en Biduído (xunto á marquesiña), que conta cun orzamento de 138.183,88 euros. Estas obras suporán un investimento total de 500.493,87 euros.

Ademais, o POS complementario recolle tres obras de saneamento correspondentes ao núcleo de Portanxil, que conta cun importe de 139.931,94 euros; a Susavila de Carballo, que tería un custo de 92.889,93 euros; e a actuación de saneamento en Lamas-Costoia (Biduído) que conta cun orzamento de 81.692,30 euros. O importe restante deste plan que son 2.004,62 euros (o 0,4%) será destinado a gasto corrente.

Ordenanza de emerxencia social
Por outra banda, na sesión plenaria de novembro debateuse a aprobación inicial da ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal para ampliar as devanditas axudas aos veciños do concello. Finalmente, este punto quedou encima da mesa a petición da oposición.

O punto máis emotivo do pleno foi a despedida da concelleira socialista, Carmen Fraga, que renunciou a súa acta de concelleira por motivos persoais. Carmen Fraga destacou que “foi para min un orgullo representar aos veciños e veciñas de Ames durante estes cinco anos nos que fun concelleira nesta corporación municipal”. O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceulle a Carmen Fraga “o traballo desenvolvido durante esta e a anterior lexislatura, e animouna a seguir traballando polos veciños, agora, dende fóra da corporación municipal”.

Aprobación de mocións
O grupo municipal socialista presentou tres mocións. A primeira delas, que foi aprobada con 16 votos a favor e 5 votos en contra, versaba sobre a violencia de xénero. Nesta moción solicítaselle ao Goberno do Estado e de Galicia que repoñan as partidas recortadas ata o momento, porque segundo os socialistas esta é a única forma de poder desenvolver a Lei Orgánica contra a Violencia de Xénero de 2004e a Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Ademais, entre outras cuestións, solicitáselle ao Goberno central que promova un pacto político e social para abordar a violencia de xénero, coa participación de todos os axentes implicados neste auténtico problema de estado.

A segunda moción presentada polos socialistas contra a pobreza enerxética e para a protección dos consumidores vulnerables foi rexeitada con 5 votos en contra, 5 votos a favor e 10 abstencións. A terceira e última moción socialista foi aprobada con 11 votos a favor e 9 abstencións. A través desta moción ínstase á Xunta de Galicia a realizar un estudo da situación na que se atopa o rego dos Pasos, o rego do Ameneiral de Bertamiráns, e a canle do río Sar ao seu paso pola parroquia de Ortoño. Asemade, solicítase que se elabore un proxecto de limpeza cos prazos correspondentes nos que se actúe nas canles do río Sar e nos regos dos Pasos e do Ameneiral.

Por outra banda, rexeitouse unha moción presentada polo grupo municipal popular para constituír unha Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero que actuase como un instrumento esencial e operativo de coordinación na loita contra a violencia machista. Nesta moción tamén se instaba á Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, para que apoiase a creación, activación e dinamización das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero a través da elaboración dun Regulamento de organización e funcionamento para acadar unha mellor coordinación interinstitucional, entres as Administracións central, Autonómica e local.

Os concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay presentaron unha moción para instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que proceda a dar as instrucións necesarias para limpar e acondicionar a zona do río do Porto de Bertamiráns, e para que se poña en contacto co concello de Ames, para resolver de forma conxunta e inmediata a problemática de seguridade e salubridade que provoca o treito descuberto do río Ameneiral na zona da rúa que leva o mesmo nome, de tal xeito que se busque a mellor opción para ocultar a canle e así rematar cos problemas de seguridade e salubridade desta zona. A esta moción engadíuselle unha emenda presentada polos propios propoñentes que foi aprobada pola corporación. Finalmente, esta moción foi aprobada con 11 votos a favor e 9 abstencións.

A continuación, a concelleira Pilar Candocia leu en nome dos edís da oposición unha moción para instalarlle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a restitución do servizo do transporte escolar gratuíto do IES plurilingüe de Ames para as familias do barrio do Porto, que se atopa na entrada de Bertarmiráns desde Santiago. Esta moción, que foi presentada por vía de urxencia, foi aprobada por unanimidade de toda a corporación.

Antes de finalizar o Pleno tamén se aprobou a desestimación do recurso de reposición presentado por un veciño de Ames afectado polo expediente de expropiación forzosa, por trámite de urxencia, para a execución da obra “Proxecto complementario número 1, do Proxecto de Abastecemento en Ames-Brión, primeira fase”. Este veciño interpuxo un recurso de reposición contra o acordo adoptado polo pleno da corporación o pasado 25 de setembro de 2014, que foi desestimado segundo os argumentos recollidos no informe técnico que figura no expediente.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El PP de Ames pactó las inversiones de obras del 2015 con el grupo de escindidos"
El Correo Gallego: "O Pleno de Ames aproba o POS 2015 destinando 500.493 euros en seis proxectos de obras"