Pestanas principais

O pleno aproba o Plan de continuidade da prevención de incendios para o período 2021-2024

Xoves, 04 de febreiro de 2021

No pleno ordinario celebrado o 28 de xaneiro de 2021 aprobouse por unanimidade o Plan de continuidade da prevención de incendios, mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa do Concello de Ames. Este plan dá continuidade ao o Plan de medidas preventivas, aprobado no ano 2017 e que tiña vixencia até 2020 e amosa a intención do goberno municipal de seguir apostando pola repoboación con especies frondosas autóctonas que axuden dun xeito natural á prevención dos lumes.

O 28 de decembro de 2017 aprobouse o Plan de medidas preventivas fronte aos incendios forestais mediante a repoboación con frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Este plan tiña unha vixencia de 4 anos e comprendía o período 2017-2020. Unha vez rematado dito período cumpría renovar o plan para darlle continuidade de cara o período 2021-2024.

Procedemento a seguir
A metodoloxía que se empregará nesta nova fase, basease na experiencia de anos precedentes. O primeiro que se fará e emitir un Bando lembrando a obriga de ter as fincas forestais limpas e xestionadas conforme a Lei de Incendios. Após da emisión deste bando, convocaranse reunións informativas nas que se explicará o Plan de de plantación de frondosas caducifolias aos veciños/as propietarios/as de terreos nos ámbitos priorizados cada ano.

Despois procederase a facer un seguimento individualizado de cada veciño/a no que se concretarán os términos das plantacións segundo o/os terreos. Para isto, realizase un estudo do terreo, avalíase como lle afecta a Lei de Incendios, deséñase un plan concreto de de plantación e avalíanse os custes. Unha vez rematado este proceso, tramítase a solicitude de subvención e procédese a dirixir e facer o seguimento da plantación. Cómpre salientar que o plan inclúe que durante o primeiro ano o mantemento e reposición das árbores secas. Unha vez rematado este perído será o propietario/a que se encargue dos labores de limpeza e mantemento.

Para o Concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, é moi importante que o proxecto, que comezou hai catro anos, siga contando co apoio de toda Corporación: “Debemos ter en conta que non só se pretende axudar a que se cumpra coa Lei de Incendios, senón que temos que pensar que esta iniciativa aporta moitos outros beneficios á veciñanza amesá, xa que contribúe a manter a diversidade dos bosques, evita que o terreo se erosione, fixa CO2 e enriquece o terreo, ademais de que ofrece a oportunidade de aproveitar os froitos e facer máis fermoso o noso concello”.

Lens lembra que até de agora o plan deu moi bos resultados xa que o lume non prendeu en ningunha das franxas de seguridade abertas nos primeiros catro anos de desenvolvemento: “a idea é ir avanzando ano a ano na creación destas franxas nas que se plantan especies autóctonas que defenden o lume e poden supoñer ademais unha riqueza engadida para os propietarios/as”.

O Concello corre co 80% dos gastos
O Concello corre co 80% dos gastos de plantación e adquisición das árbores. Ademais encárgase da realización do traballo. A posteriori, os propietarios/as aportan o 20% do custo total.
Nas reunións previas infórmase aos propietarios sobre as condicións do convenio e decídese en común sobre o tipo e a idoneidade de especies a plantar, dependendo da orientación e as cualidades do terreo. Até o momento, a oferta arbórea inclúe castiñeiros, freixos, pradairos, bidueiros, noceiras e carballos.

Catro anos creando franxas de seguridade
Durante o período 2017-2020 actuouse en 188 parcelas (15,27 hectáreas) e plantáronse 3.611 árbores.
No inverno de 2016-2017, periodo no que entrou en vixencia a Fase experimental o Plan de plantación de frondosas caducifolias en Rede de faixas secundarias de xestión da biomasa, firmáronse 37 convenios con 33 propietarios implicados, actuouse sobre unha superficie total de 19.374 m2 en 37 fincas de Rúa San Mamede-Covas er Balindo Fernande-Vilaverde.

No período 2017-2018, actuouse sobre 57.030 m² no ámbito de Balindo - Fernande – Vilaverde, xa para dar continuidade a traballos incluídos na primeira actuación na parroquia de Piñeiro. Firmáronse 76 convenios con 44 propietarios. Plantáronse 1.570 árbores: 1.206 castiñeiro, 11 freixos, 67abeleiras, 82 cerdeiras, 113 pradairos, 36 bidueiros e 9 noceiras.

No período 2018-2019 actuose no ámbito territorial de Ventosa, Lombao, Bosque Animado. Monte de Outeiro e Pena Amarela. Firmáronse 34 convenios sobre 34 fincas. O número de propietarios implicados foi de 30. A superficie total de actuación de 34.442 m2 e o total de plantas sementadas, 514: 238 castiñeiro, 58 carballos, 9 freixos,23 abeleiras, 41 cerdeiras, 27 pradairos, 97 bidueiros, 12 ameneiros e 9 noceiras.

No período do 2019-2020, o número de convenios e fincas plantadas foi de 41, sobre unha superficie de actuación de 42.047M² nos ámbitos de Ventosa, Lombao, Bosque Animado. Plantáronse 1076 plantas: 527 castiñeiros, 118cerdeiras, 154 carballos, 120 abeleiras, 77 noceiras, 40 bidueiros,10 pradairos, 15 manzanceiras, 15 pereiras.

Complexidades e necesidade de continuidade do plan
“Cómpre salientar que en ámbitos grandes en con descoñecemento de propietarios de titularidades os traballos teñen que realizarse ao menos en tres anualidades”, manifesta o concelleiro, Manuel Lens, que especifica asemade que “tanto a faixa do núcleo do Bosque Animado, Os Batáns e Ventosa deron froito solicitudes de plantación iniciadas no 2018”. “Como resultado desta anualidade cómpre tamén destacar o efecto chamada sobre o ámbito de Frenza e Vilouta que fixeron as plantación de Piñeiro das anualidade anteriores”.

 

Plan de plantación de frondosas

Multimedia

  • Planos do Plan de continuidade para o período 2021 2024
  • Planos do Plan de continuidade para o período 2021 2024
  • Planos do Plan de continuidade para o período 2021 2024
  • Planos do Plan de continuidade para o período 2021 2024
  • Plantación de frondosas