Pestanas principais

O Pleno aproba o Plan de Aforro e Investimento da Deputación da Coruña para reducir o endebedamento e acondicionar o cemiterio municipal

Venres, 26 de febreiro de 2016

[26-02-2016] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de febreiro no que os concelleiros e concelleiras da corporación municipal aprobaron por unanimidade o Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016) da Deputación da Coruña. A través deste plan Ames recibirá 447.349,02 euros para reducir o seu endebedamento e acondicionar o cemiterio municipal. Nesta sesión plenaria tamén tomou posesión como concelleiro do grupo municipal popular, Roberto José Martínez Viaño, e aprobouse por unanimidade o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria de acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos empregados municipais. Por último, no apartado de mocións abordáronse catro mocións, que estaban incluídas na orde do día, e outras tres presentadas por vía de urxencia.

Ordenanza de transparencia
Outro dos temas que se abordaron no pleno foi a aprobación inicial da ordenanza de transparencia, acceso á información pública e a reutilización de datos do Concello de Ames. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ten un modelo de ordenanza tipo de transparencia, que é a que se empregou para elaborar a ordenanza municipal que se pretende que rexa no Concello de Ames.

Tras debater este punto, e ante a proposta do grupo municipal de Pacto por Ames, a aprobación desta ordenanza quedou encima da mesa para poder tratar máis a fondo o plan de transparencia que ten posto en marcha o goberno municipal e no cal se enmarca o Portal de Transparencia, a devandita ordenanza e un código ético e de bo goberno. A esta proposta de deixar encima da mesa este tema tamén se sumaron o resto de grupos políticos da oposición polo que o goberno municipal accedeu a tratar este tema de xeito máis detallado.

O alcalde de Ames, José Miñones, adiantou que “para seguir ampliando o plan de transparencia temos a intención de asinar un contrato coa Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para desenvolver unha metodoloxía de diagnose que, ademais de medir, permita xestionar a transparencia do Concello de Ames e poder realizar así unha revisión viva e non estática da documentación e trámite sobre transparencia cun asesoramento directo para o persoal e políticos”.

Aprobación de mocións
No apartado de mocións abordáronse catro mocións, que estaban incluídas na orde do día, e outras tres presentadas por vía de urxencia. En primeiro lugar, aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal popular para a mellora do tendido eléctrico no rural de Ames. Nesta moción incorporouse un novo punto despois de que o grupo municipal de Ciudadanos presentase unha emenda que foi aceptada.

De seguido, aprobouse por unanimidade outra moción, neste caso presentada polo grupo de Pacto por Ames, para instar á Xunta de Galicia a reunir á Comisión de Seguimento do Plan do Transporte Metropolitano de Santiago. Tamén se insta ao Concello de Ames a reunir o grupo de traballo creado en maio de 2015 conformado polos concellos de Ames, Brión, Teo e a Xunta de Galicia para analizar de forma específica as melloras a implantar no transporte público.

O grupo municipal de Ciudadanos presentou dúas mocións. A primeira para a eliminación da cota fixa de afiliación á seguridade social dos traballadores de réxime autónomo e a simplificación da burocracia. Finalmente, o voceiro de Ciudadanos decidiu retirar esta moción, debido a que no pacto de investidura asinado a nivel nacional entre o PSOE e Ciudadanos xa se recolle este tema.

A segunda moción presentada polo grupo municipal de Ciudadanos sobre a eliminación da peaxe na AP-9 co obxectivo de reducir o tráfico rodado no núcleo urbano do Milladoiro provocou un gran debate ao redor deste tema. O grupo de goberno presentou unha emenda a totalidade desta moción para instar ao Ministerio de Fomento á liberalización da peaxe da AP-9 ao paso polo Milladoiro, como alternativa máis viable de circunvalación a dita localidade, así como instar a Fomento e á empresa concesionaria da autoestrada do Atlántico (Audasa) a iniciar os traballos para a creación dun acceso na AP-9 no concello de Teo utilizando as vías de servizo existentes no lugar de Calo, liberando a peaxe ata o citado tramo.

Os grupos políticos municipais coincidiron en que a proposta presentada polo goberno municipal era máis realista e factible, polo que finalmente o voceiro de Ciudadanos decidiu retirar a súa moción, pero co compromiso de que o goberno municipal convoque coa maior celeridade posible unha xuntanza na que estean representados todos os grupos políticos da corporación municipal para tratar de buscar unha solución ante a gran cantidade de tráfico rodado que soporta a N-550 ao seu paso polo Milladoiro.

Mocións de urxencia
Ademais, presentáronse tres mocións por vía de urxencia que se aprobaron por unanimidade de toda a corporación. A primeira moción recollía a declaración institucional do Concello de Ames con motivo do 179 aniversario de Rosalía de Castro. Ademais, a través desta moción apoiase a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro, data recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura, e realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que a veciñanza, o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.

Por outra banda, aprobáronse a declaración institucional con motivo do 40º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) e a declaración institucional do 8 de mazo con motivo da celebración do Día da Muller.

O pleno ordinario do mes de febreiro comezou coa toma de posesión do novo concelleiro, Roberto José Martínez Viaño, que pasa a formar parte do grupo municipal popular trala renuncia como concelleiro de Santiago Amor, que foi alcalde de Ames durante o mandato 2011-2015, e que renunciou a súa acta de edil por motivos laborais.

Antes de comezar co debate dos puntos recollidos na orde do día, o voceiro do grupo municipal de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, deu as gracias en nome da familia de Alfonso Rey e deste grupo municipal pola dedicatoria recollida no libro recompilatorio das obras do Certame Literario do Concello de Ames, que edita todos os anos en colaboración con Feiraco, e tamén polas mostras de cariño mostradas con motivo do primeiro aniversario do seu falecemento.

A continuación a corporación municipal aprobou por unanimidade o o Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016) da Deputación da Coruña. Dentro deste plan ao Concello de Ames correspóndelle o importe de 447.349,02 euros. Esta convocatoria de axudas permite adicar unha parte da contía asignada a cada Concello para a redución do endebedamento e outra parte a investimentos en obras. Deste xeito, o Pleno aprobou que se adiquen 101.280,16 euros á minoración da débeda. Este importe dedicarase a saldar parte dun préstamo que se subscribiu no ano 2010 cunha entidade bancaria.

Ademais, adicaranse 346.068,86 euros á reparación e acondicionamento do cemiterio municipal de Ames. Así, algo máis das tres cuartas partes desta subvención provincial será invertidas no arranxo e mellora das instalacións deste cemiterio. Segundo indica o rexedor municipal “dende que chegamos ao goberno adquirimos o compromiso de buscar financiamento para o arranxo do cemiterio municipal. Despois de contactar con diversas institucións, presentóusenos a oportunidade de obter o financiamento necesario a través deste plan e por iso incluímos este proxecto dentro do PAI de 2016”.

Miñones tamén destaca que “houbo que adaptar o proxecto ao financiamento que temos e deste xeito as obras que se realizarán abranguen o acondicionamento da zona de aparcamento, da rede de alumeado, dos panteóns, e dos edificios principais, que están en mal estado. Neste momento non se actuará sobre as últimas rúas quedando pendente para unha próxima actuación”. Os grupos municipais da oposición coincidiron en destacar a necesidade que ten Ames de contar cun cemiterio municipal polo que apoiaron esta proposta.

Por outra banda, na proposta presentada polo goberno municipal que foi aproba tamén se inclúe as obras de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns (Bugallido), dentro don Plan complementario, e que teñen un orzamento de 40.559,96 euros.

Outro dos puntos que saíron adiante por unanimidade foi o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria de acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos empregados municipais. Na Mesa Xeral de Negociación abordouse en varias ocasións a necesidade de contar cun acordo regular deste tipo. Previamente, xa se prestou aprobación ao borrador deste acordo regulador na xuntanza do pasado 20 de novembro de 2015 da Mesa Xeral de Negociación. Trala aprobación plenaria, deberase remitir o devandito acordo á oficina pública competente na que a autoridade laboral ordenará o seu rexistro e publicación oficial no boletín oficial que corresponda.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames investirá máis de 300.000 € do PAI á acondicionar o cemiterio"