Pestanas principais

O Pleno aproba a modificación do proxecto de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro e maila baixa de Ames Radio de EMUGA

Venres, 28 de xullo de 2017

[28-07-2017] Este xoves, 27 de xullo, celebrouse o pleno ordinario de xullo no que se aprobou por unanimidade a modificación do proxecto de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro, así como a tramitación da baixa do Concello de Ames da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). Asemade, o grupo municipal popular presentou por vía de urxencia unha moción sobre a liberación de presos políticos e a restitución de competencias á asemblea nacional de Venezuela que foi rexeitada con 8 votos en contra, 7 a favor e 4 abstencións.

En primeiro lugar, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta da información periódica que hai que render ao Pleno correspondente ao segundo trimestre do exercicio 2017. Neste apartado explicou que o período medio de pago está en 10,66 días. Respecto ao primeiro trimestre do presente exercicio subiu de 5,55 a 10,66 días, debido a diversas baixas de persoal que houbo no departamento de intervención.

De seguido, a corporación municipal aprobou por unanimidade a tramitación da baixa do Concello de Ames da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). Cómpre lembrar que o 5 de maio de 2005 aprobouse en pleno a aprobación dos estatutos e maila formalización da solicitude de pertenza a dita entidade. A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, explicou que “anualmente, o Concello ten que asumir o pago dunha cota de 491,06 euros por formar parte desta entidade. Debido a iso, dende o departamento de comunicación non se considera necesario formar parte desta asociación, xa que non repercute no traballo diario da radio municipal, polo que se propón aprobar a baixa de EMUGA”.

Dende o grupo municipal de Ames Novo, Quique Costas, expuxo que “nós apostamos por dispor dun ente que agrupe a todos os medios de comunicación municipais para que redunde nunha emisión conxunta e compartida de diferentes produtos radiofónicos. Ten que ter unha vocación de xerar produtos que se compartan e se poñan en valor”. Ademais, María González de Pacto por Ames animou ao goberno a facer unha campaña informativa sobre a radio municipal para dala a coñecer entre a veciñanza amesá.

Sobre este dous asuntos Isabel Vaquero dixo que o camiño a seguir é o de traballar de forma conxunta entre varias emisoras municipais. Ademais, adiantou que de cara ao mes de setembro ou outubro, unha vez se poña en marcha a nova programación da radio municipal, se vai a lanzar unha campaña publicitaria para poñer en valor este medio de comunicación do Concello.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade a modificación do proxecto de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo de piscinas públicas municipais no Milladoiro e outras. Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames aprobou en decembro de 2015 incluír este proxecto, entre outros, no Plan de Acción Social (PAS 2015). Nesa mesma sesión plenaria aprobouse o proxecto técnico da devandita obra que contou cun orzamento de execución por contrata de 175.730,07 euros. Posteriormente, a Xunta de Goberno Local o 30 de marzo de 2017, despois de tramitarse o oportuno procedemento de licitación, acordou adxudicar o contrato desta obra á empresa Eulogio Viñal Obras e Construcións SA polo importe de 125.295,54 euros (IVE incluído), sendo asinado o devandito contrato o 5 de abril de 2017.

Unha vez iniciadas as obras houbo que realizar varias modificacións no proxecto orixinal que, sen embargo, non alteraron o orzamento de adxudicación. Debido a iso, agora foi preciso que o Pleno aprobase as devanditas modificacións que se realizaron sobre o proxecto inicial.

Moción por vía de urxencia sobre Venezuela
Asemade, o grupo municipal popular presentou por vía de urxencia unha moción sobre a liberación de presos políticos e a restitución de competencias á asemblea nacional de Venezuela. Nesta moción instábase ao goberno de Venezuela a inmediata liberación de todos os presos políticos e a anulación de todas as inhabilitacións que pesan sobre os dirixentes políticos de aquel país, de maneira que se poida facilitar un verdadeiro diálogo que permita a concordia e a reconciliación entre os venezolanos.

Tamén se instaba ao goberno de Venezuela á restitución de todas as competencias que a Constitución atribúe á Asemblea Nacional e que lle foron detraídas, así como o respecto aos calendarios electorais provistos na Constitución de Venezuela e nas leis deste pais. Despois dun intenso debate no que cada grupo municipal expuxo o seu posicionamento ideolóxico sobre este tema, a moción foi rexeitada con 8 votos en contra dos grupos municipais de Ames Novo, Contigo Pódese e BNG; 7 a favor dos concelleiros/as do Partido Popular, Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López, e 4 abstencións dos catro membros do PSdG.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Modifican el proyecto de la piscina pública de Milladoiro sin alterar el coste"
El Correo Gallego: "Aproban a modificación no plan de arranxo das piscinas"
Lindeiros: "O pleno de Ames aproba o proxecto de mellora das piscinas públicas"