Este martes, 28 de maio, realizouse o último pleno ordinario deste mandato. A Corporación municipal, que está en funcións ata o pleno de investidura, aprobou a modificación do proxecto de construción de dúas pistas de tenis na urbanización de Aldea Nova. As modificacións introducidas alteran o orzamento de execución aumentando o mesmo na contía de 6.523,77 euros. Ademais, deuse conta da información periódica trimestral na que indicou que o período medio de pago a provedores sitúase en 23 días.
A Corporación municipal, que actualmente está en funcións, participou este martes no último pleno oridnario do mandato 2015-2019. Tratouse dun pleno rápido que durou pouco máis de 15 minutos. Primeiro, deuse conta ao Pleno da información periódica trimestral. Segundo se indicou o período medio de pago a provedores subiu ata os 23 días debido a que durante os primeiros meses do ano o persoal do departamento de Intervención tivo que facer fronte ao inicio do exercicio contable.
Posteriomente, aborsouse a modificación do proxecto de construción de dúas pistas de tenis na urbanización de Aldea Nova. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as do grupo municipal Ames Novo, mentres que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra.
A actuación estase executando na zona oeste da urbanización, onde na actualidade se atopa o campo de fútbol 7, facendo coincidir a esquina suroeste coa esquina do terreo de xogo na mesma orientación, na intersección das varandas. As pistas serán paralelas coa mesma orientación de cara a non ter problemas co sol. Deste xeito, preténdese concentrar o deporte de raqueta nas instalacións municipais de Aldea Nova, que contan xa coa única instalación de pádel municipal e un amplo espazo de aparcamento e zona verde.
Sobre a explanada construiranse os muros perimetrais e de separación das dúas pistas, enchendo o interior cunha capa de grava e, sobre ela, a soleira deportiva de formigón poroso, que irá pintada e sobre a que se marcarán ambos campos.
Durante a execución das obras o director das mesmas informou que levando a cabo unha revisión do proxecto detectáronse dúas partidas que teñen a medición equivocada, xa que foron cuantificados menos metros de superficie das pistas, aínda que nos planos do proxecto si estaban ben indicadas as superficies realmente correctas. As dúas partidas que se ven afectadas substancialmente están no capítulo de soleiras. As modificacións introducidas alteran o orzamento de execución aumentando o mesmo na contía de 6.523,77 euros, o que representa un 9,95% sobre o total.






