Pestanas principais

O Pleno aproba a modificación de dous proxectos de obras e a creación dun posto de conserxe así como dunha nova licenza de taxi

Venres, 26 de xaneiro de 2018

[26-01-2018] Este xoves, 25 de xaneiro, celebrouse a sesión plenaria ordinario deste mes. En dito pleno tomaron posesión da acta de concelleiro/a Emilio Martínez Carballeira (Pacto por Ames), Ana Isabel García Reig e María de Carmen Calviño Miramontes (Ames Novo). A corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico modificado das obras de accesibilidade universal en edificios públicos (primeira fase) e a ratificación do decreto de Alcaldía 16/2018 de aprobación do proxecto modificado da obra de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. Outros temas aprobados foron a creación dunha nova licenza de taxi para un vehículo adaptado e maila modificación da RPT para a creación dun posto de conserxe dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestruturas do departamento de deportes. Tamén se aprobaron dúas mocións presentadas por vía de urxencia, unha en contra da subida das peaxes na AP-9 e outra de rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira cobre San Rafael SL.


Mocións por vía de urxencia
Neste apartado abordáronse dúas mocións. A primeira en contra da subida das peaxes na AP-9, foi presentada polo grupo de goberno, Ames Novo e o concelleiro non adscrito, Javier López. O voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, presentou unha emenda á totalidade de dita moción para eliminar todas as peaxes en Galicia, que tras ser debatida non foi aceptada polo grupo propoñente. Posteriormente, dita moción foi aprobada por unanimidade.

Deste xeito, maniféstase o rexeitamento á subida das peaxes na AP-9, instando á Xunta de Galicia a que demande a súa supresión; ínstase ao Ministerio de Fomento a decretar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Padrón- Santiago como unha medida para desconxestionar o tráfico diario da N-550, en concreto, ao seu paso pola cidade de O Milladoiro no concello de Ames; ínstase á Xunta de Galicia a que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado a transferencia da AP-9 á administración galega; e trasládase o presente acordo aos grupos parlamentares do Parlamento de Galicia, Presidente da Xunta de Galicia e Presidente do Goberno do Estado.

A segunda foi unha moción de rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira cobre San Rafael SL. Neste caso tamén foi presentada polo grupo municipal Ames Novo, o grupo de goberno e o concelleiro non adscrito, Javier López. Dita moción foi aprobada co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros/as do grupo municipal de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís de Pacto por Ames e do Partido Popular abstivéronse.

Coa aprobación desta mocións ínstase ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e Industria que se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, número 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429.

Ademais, ínstase á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados, para como mínimo asegurar que esta explotación non compromete a calidade ambiental do río Ulla e da ría de Arousa. Por último, daráselle traslado do texto do acordo aprobado polo Pleno á plataforma veciñal Mina Touro - Pino Non e á Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA).

Creación dunha nova licenza de taxi
Por outra banda, aprobouse, tamén por unanimidade, a creación dunha nova licenza de taxi, para un vehículo adaptado. O Concello e Ames conta na actualidade con 15 licenzas de taxi, sendo soamente unha delas adaptada ao transporte de persoas con discapacidade. En aplicación do artigo 6 da lei 4/2013, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, o número de licenzas de taxi de que podería dispoñer o Concello de Ames é de 30. Non obstante, por aplicación da disposición transitoria sexta da lei 4/2013, non se poden ofertar máis dun 10% do número total de licenzas de taxi existentes no Concello. Deste xeito, actualmente soamente se pode convocar unha nova licenza de taxi que será para un vehículo adaptado.

Creación dun novo posto de conserxe
Por último, aprobouse por unanimidade, a modificación da RPT para a creación dun posto de conserxe dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestrutura do departamento de deportes. Trátase da cuarta modificación puntual da RPT, aprobada pola Mesa Xeral de Negociación na xuntanza do pasado 19 de decembro de 2017, e que consiste na creación dun posto de persoal de conserxe dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestruturas do departamento de deportes.

Para iso hai que facer unha modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT), que deriva dunha sentenza xudicial con recoñecemento ao demandante da condición de persoal laboral indefinido. Este posto quedará vacante, debido a incapacidade temporal que ten recoñecida o demandante, e cubrirase coa lista de agarda de conserxes que existe na actualidade. O demandante dispón dunha reserva do posto durante un período máximo de dous anos.

O pleno ordinario de xaneiro comezou coa toma de posesión como concelleiro de Emilio Martínez Carballeira que pasa a formar parte do grupo municipal de Pacto por Ames. A continuación, tocoulle a queda a Ana Isabel García Reig e María de Carmen Calviño Miramontes, que pasan a formar parte do grupo municipal de Ames Novo. Deste xeito, a corporación municipal volve a estar completa despois das renuncias de María González, Pilar Candocia e Chus Bóo. De seguido, interviu a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, para informar que o período medio de pago a provedores ao remate do cuarto trimestre de 2017 volve a baixar e situase en 8,31 días, moi por debaixo dos 30 días establecidos por lei. Ademais Genma Otero destacou que “dende que entramos no goberno no ano 2015 baixouse nun 90% o período de pago a provedores pasando de 86,11 a 8,31 días”.

Dentro do apartado de deliberación e acordo aprobouse por unanimidade a ratificación do decreto de Alcaldía 16/2018 de aprobación do proxecto modificado da obra de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. O pasado 19 de decembro de 2017 aprobouse en Pleno solicitarlle á deputación da Coruña a participación no POS 2018, incluíndo unha serie de obras entre as que se atopa a de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova (Ortoño), cun importe de execución por contrata de 79.121,65 euros. Unha vez enviada a documentación detectouse que o nome do proxecto técnico non coincidía exactamente coa súa denominación incluída no plan, polo que dende o ente provincial solicitouse arranxar dito erro. Tendo en conta isto, a través de decreto de Alcaldía aprobouse o proxecto corrixido afectando á corrección unicamente ao titulo.

Outros dos puntos aprobados por unanimidade foi o proxecto técnico modificado da primeira fase das obras de accesibilidade universal en edificios públicos. O prezo de adxudicación foi de 112.420 euros (IVE incluído). Con posterioridade á sinatura do contrato, os propios autores do proxecto e directores da obra informaron da necesidade de introducir modificacións no proxecto que alteran o orzamento de execución aumentando o mesmo na contía de 11.240,31 euros.

O arquitecto redactor do proxecto e tamén da obra, na motivación da modificación proposta, referente á Casa do Concello, expuxo que o cambio da normativa de ascensores (entrada en vigor o 1 de setembro de 2017 da norma EN 81-20/50) no período transcorrido entre a presentación do proxecto (2015) e a execución das obras (2017), obriga a realizar unha serie de actuacións non contempladas no proxecto orixinario. O cambio fundamentase en que non se poden instalar ascensores hidráulicos, senón que teñen que ser eléctricos. Este cambio na normativa ocasiona que haxa que realizar unha serie de obras na Casa do Concello, co cal se incrementa o orzamento de execución.

Ademais, na biblioteca do Milladoiro e nas súas inmediacións tamén hai que facer unhas obras a maiores do inicialmente previsto. Ditos traballos consisten na instalacións dunhas papeleiras metálicas accesibles. Tamén hai que modificar o trazado dunha curva a dereita dende a rúa Raxoeira, para un mellor xiro dos vehículos longos, así como uns pequenos cambios en obras de albanelería para mellorar a accesibilidade. No que respecta ás oficinas de Servizos Sociais e Atención Veciñal do Milladoiro, defínense novas partidas para resolver a entrada en aras a unha mellor accesibilidade. Os cambios introducidos no proxecto fan que o prezo de adxudicación se incremente na contía de 11.240 euros, o que non modifica o orzamento de adxudicación en máis dun 10%, existindo dotación económica para elo.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames renueva tres concejales"
El Correo Gallego: "Los amienses contarán con nuevas pistas de tenis y un taxi adaptado"
Lindeiros: "O pleno de Ames recibiu 3 novos concelleiros e rexeitou o proxecto mineiro de Touro"