[28-10-2011] O pleno de onte debateu a suba das taxas dos comedores escolares a partir do curso 2012/2013. Cos votos dos 11 concelleiros/as do grupo de goberno, que ten maioría, aprobouse a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral. Os concelleiros/as dos grupos municipais socialista e nacionalista votaron en contra. Por primeira vez no Concello de Ames implántase o concepto de progresividade, que implica a introdución da renda per cápita no cobro deste servizo mediante a utilización do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). Deste xeito haberá catro tramos que terán como referencia a renda per cápita das familias e que irán do 50% ao 100% , do 100% ao 150%, do 150% ao 200% e un último tramo de máis do 200% tendo como referencia a renda per cápita familiar.
O primeiro tramo establece un pago de 80 euros ao mes e vai dirixido ás familias que estean entre o 50% e o 100% do IPREM; no segundo tramo aboaranse 90 euros, e é para as familias que estean entre o 100% e o 150%, no terceiro aboaranse 100 euros e nel están as familias que estean entre o 150 e o 200%, e o cuarto é para aquelas que superen o 200% do IPREM e terán que pagar unha taxa de 110 euros. Deste xeito pagarán 110 euros aquelas familias que gañen 55.000 euros anuais ou que os superen, e estímase que a maioría das familias paguen 80 ou 90 euros, segundo explicou o concelleiro de Servizos, Ramón García Argibay. Ademais moitas familias poderán beneficiarse de bonificacións fiscais que reducirán a contía a pagar e nalgún caso incluso cubrirán por completo o pago do servizo.
Argibay explicou tamén que "a modificación da taxa garante a viabilidade da rede de comedores escolares" e amosouse contundente á hora de asegurar que esta suba non supón o desmantelamento do servizo, tal e como di o grupo socialista. Argibay acusou de practicar "demagoxia e oportunismo político" aos grupos da oposición e explicou que non lle gustou tomar esta decisión, pero que a situación económica das arcas municipais e a práctica totalidade dos informes técnicos ven na suba e actualización de taxas a única saída para garantir a calidade dun servizo exemplar como é o dos comedores. Ante esta explicación, Carlos Fernández dubidou da imparcialidade de algúns técnicos.
Os grupos da oposición, PSOE e BNG votaron en contra desta proposta. Ambos grupos pedían que a proposta non se levara a pleno e que se dialogara principalmente coas ANPAS e con eles para debater posibles solucións e chegar a un consenso antes de implantar medidas coma a da suba de taxas. A portavoz nacionalista, Pilar Candocia, definiu a rede de comedores escolares e os programas de conciliación como "aulas nas que se aprende a comer e de tempo libre", e insistiu en que a suba para unha familia de mileuristas é excesiva. Os argumentos do grupo socialista para explicar a súa oposición a esta media son coincidentes cos dos nacionalistas. A concelleira socialista, Patricia Conde, asegurou que a suba das taxas supón "o principio do final dos comedores escolares".
Ramón G. Argibay acusou ao BNG de falsidade polos cálculos económicos realizados á hora de valorar a suba dos comedores e lembrou que o goberno socialista tivo que empregar 600.000 euros do Plan E para aliviar o déficit do servizo.
Membros das ANPAS dos centros de ensino de Ames e veciños e veciñas do termo municipal achegáronse á Casa Consistorial para seguir o transcurso do pleno, interesados principalmente no debate da suba de taxas aos Bos días Cole, Tardes divertidas e dos comedores escolares.
Aprobación doutras ordenanzas municipais
A modificación das ordenanzas fiscais reguladoras de impostos, taxas e prezos públicos centrou boa parte da atención da corporación municipal na sesión plenaria celebrada este xoves. O grupo de goberno propuxo modificar e actualizar determinadas ordenanzas fiscais e reguladoras de impostos, taxas e prezos públicos de cara a súa entrada en vigor no vindeiro exercicio 2012.
A corporación municipal abordou en primeira instancia a ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal do Concello de Ames. Esta nova ordenanza regulará as situacións de emerxencia social en Ames e vai establecer uns criterios cuantitativos e cualitativos axustados ás características do noso concello para determinar as axudas de emerxencia social no concello de Ames. Ata o de agora estas axudas establecíanse en función dos parámetros marcados pola Xunta de Galicia. Deste xeito vanse favorecer os casos de emerxencia social que existen en Ames. Dende o goberno municipal e dende a oposición agradeceron o traballo dos/as técnicos do departamento de servizos sociais para elaborar esta ordenanza.
A continuación fíxose un grupo de 14 ordenanzas que se abordaron de xeito conxunto. Este grupo de ordenanzas foron aprobadas. Nalgunhas delas os grupos da oposición abstivéronse ou votaron en contra. O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que de cara ao vindeiro ano conxélanse os impostos e actualízanse todos aqueles prezos e taxas de servizos que están subscritos por contrato con outra entidade. Como aspecto máis destacado o rexedor municipal explicou que non se sobe a contribución urbana e que para ser beneficiario fiscal do IBI débese estar ao corrente das débedas co Concello. No imposto de vehículos, que tampouco se sobe, establecéronse varias correccións técnicas. No imposto de construcións estableceuse unha anulación do sistema de autoliquidación e a vólvese ao sistema de liquidación provisional, previa comprobación do departamento técnico do custo de execución da obra.
Conxélanse os impostos, agás os que están subscritos a contrato
A aprobación destas ordenanzas provoca que non se suba ningún imposto para o vindeiro ano, nin o do IBI máis coñecido como a contribución, nin o de plusvalía, construcións, vehículos, nin o imposto de actividades económicas. Ademais actualízanse segundo o IPC interanual aqueles servizos que están subscritos por contrato, que é obrigatorio xa que así o establece a lei, como pode ser o prezo público pola utilización do complexo da piscina cuberta municipal de A Telleira ou a taxa polo servizo de saneamento e depuración de augas residuais.
Ademais créanse novas ordenanzas. A primeira é unha nova tarifa para legalizar todos aqueles inmobles que están fóra de ordenación, é dicir para todas aqueles persoas que no seu día non solicitaron a correspondente licencia para poder executar ou construír un inmoble. Tamén se crea unha ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local polas empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil e unha taxa por actos publicitarios e pola colocación de carteis publicitarios no termo municipal de Ames. Estas novas ordenanzas súmase a de axudas de emerxencia social que comezarán a funcionar de cara ao vindeiro ano.
Por outra banda, hai que salientar que as ordenanzas fiscais reguladoras da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar e pola utilización do complexo da piscina cuberta municipal de A Telleira foron aprobadas por unanimidade. Unha das ordenanzas na que non houbo unanimidade na súa aprobación foi a que regula o prezo público polos servizos culturais e deportivos. Tal e como xa explicou o goberno municipal, e se aprobou en Xunta de Goberno Local no pasado mes de agosto, os usuarios/as das escolas deportivas pasarán a pagar 4 euros ao mes por este servizo. Grazas a esta medida baixará o déficit do servizo a uns 100.000 euros anuais como máximo. Esta ordenanza foi aprobada cos votos a favor dos 11 concelleiros do grupo de goberno. O grupo municipal socialista abstívose, mentres que o grupo municipal nacionalista votou en contra.
Outras das ordenanzas que non contou con unanimidade foi a reguladora do prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. Esta ordenanza implica a introdución dunha tarifa pola utilización das piscinas municipais descubertas durante a época estival. Segundo manifestou o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, "Ames é o único concello da comarca que non cobraba por este servizo. Agora a pesar de establecer esta nova tarifa vamos a sacar un abono familiar para favorecer as familias". Esta tarifa aplicarase nas piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Os nenos/as de menos de 5 anos non terán que pagar esta tarifa. Esta ordenanza saíu adiante cos votos a favor dos 11 concelleiros de grupo de goberno, mentres que os concelleiros/as dos grupos municipais socialista e nacionalista votaron en contra. Por último, aprobouse por unanimidade a ordenanza reguladora do prezo público pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música do Concello de Ames.
Moción sobre a Escola Municipal de Música de Ames
O grupo municipal nacionalista presentou unha moción para tratar o tema da Escola Municipal de Musica de Ames. A concelleira nacionalista, Susana Mayo, solicitoulle ao goberno municipal que se lle pague as cotas establecidas no convenio subscrito co IES de Ames para que se poidan seguir desenvolvendo as actividades da EMMA neste centro de ensino. Dende o grupo socialista tamén lle solicitaron ao goberno municipal que se busque unha solución axeitada para que se poidan seguir impartindo as actividades da Escola Municipal de Música de Ames sen prexudicar os intereses dos alumnos/as que están inscritos neste servizo.
O portavoz do grupo de goberno, Ramón García Argibay, explicou que como non se pode garantir que as clases da EMMA se poidan desenvolver nas instalacións do IES de Ames, porque non se poden garantir os pagamentos, buscouse outra alternativa.
O voceiro popular dixo que como nos últimos anos se estaba buscando un local para establecer unha sede para a Escola Municipal de Música de Ames pensouse en establecer este servizo nas aulas do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello situado na urbanización de Aldea Nova. Segundo García Argibay todos os técnicos municipais recomendaron estas aulas como un lugar axeitado para impartir as clases da EMMA. Por último o portavoz do grupo de goberno explicou que as obras para adaptar as aulas co fin de que se poidan impartir as actividades da Escola de Música nestas aulas tiveron un custo de 4.500 euros. As obras de insonorización remataron esta semana. Argibay tamén lembrou que as aulas do IES non están acondicionadas para albergar este tipo de servizo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Comedor a 110 euros sólo para amienses que ganen 55.000"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames aprueba las ordenanzas de telefonía móvil y emergencias sociales"




