Pestanas principais

O Pleno aproba a modificación da ordenanza do ICIO para favorecer a construción do centro de saúde do Milladoiro

Venres, 29 de xullo de 2016

[29-07-2016] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de xullo no que os concelleiros e concelleiras da corporación municipal aprobaron por unanimidade a modificación da ordenanza do ICIO para favorecer a construción do centro de saúde do Milladoiro. A semana pasada o Sergas solicitoulle ao Concello unha bonificación do 95% para o pago do ICIO, tal e como permite a lei. Para elo, houbo que modificar dita ordenanza, xa que recollía unha bonificación do 90%, en vez do 95%. Deste xeito, dáse un novo paso de cara a pechar un convenio coa consellería de Sanidade, que permita o inicio das obras desta infraestrutura tan demandada pola veciñanza amesá.

O rexedor municipal indicou sobre este asunto que “lle fará saber ao xerente do Sergas o acordo tomado en pleno sobre a modificación da ordenanza do ICIO, para que se vexa que o Concello ten toda a predisposición para acadar o inicio das obras o antes posible. A nosa intención é asinar o convenio coa consellería de Sanidade durante o mes de agosto, pero se non é posible, que non sexa máis alá da primeira semana de setembro. Como non pode ser doutro xeito, temos presa por acurtar os prazos e sabemos que do diálogo e a boa disposición pódese chegar a acordos, e por elo agradecemos á Consellería todo o esforzo que está a facer".

Neste pleno debatéronse e aprobáronse dous puntos relacionados cos medios de comunicación municipais. Por unha banda aprobouse por maioría absoluta a creación do Consello Asesor de Comunicación. A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, explicou que “este órgano ten entre as súas funcións as de control da radio municipal. Ademais, haberá que ir dotando a esta comisión de máis contidos. Considerouse que era conveniente presentar a creación deste Consello como un punto independente do punto do regulamento da radio municipal e así o fixemos”. Este punto saíu adiante cos votos a favor de todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal, agás do concelleiro non adscrito, Javier López, que incidiu en que non estaba de acordo co formato deste Consello e reclamou un organigrama máis eficaz.

Neste órgano estarán representados os diferentes sectores socias e profesionais afectados. Así disporá dun presidente/a; un representante de cada un dos grupos políticos municipais; cinco representantes, elixidos por elas mesmas, das asociacións do concello, que estean inscritas no rexistro municipal de asociacións, garantindo que haxa un representante de cada tipo de asociación (asociacións de empresarios e comerciante; ANPAs; asociacións de veciños e parroquiais, asociacións deportivas; e asociacións sociais e culturais); un profesional do sector designado polo Colexio de Xornalistas de Galicia; un técnico de Ames Radio; un representante dos colaboradores/as da radio municipal; e un funcionario/a municipal que actuará como secretario/a. Este consello reunirase de xeito ordinario, como mínimo, dúas veces ao ano durante o primeiro e segundo semestre.

Regulamento de Ames Radio
Asemade, neste pleno aprobouse, tamén por maioría absoluta cos votos a favor de todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal, agás do concelleiro non adscrito, Javier López, o regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal de frecuencia modulada Ames Radio. Neste caso a concelleira de Comunicación incidiu en que “este regulamento foi consensuado con todos os grupo políticos municipais e coas asociacións municipais, que puideron facer alegacións. Deste xeito, a través deste regulamento dáse un novo impulso e conságrase a radio municipal como un servizo público de xestión directa. Ademais, en dito regulamento establécense os órganos de goberno e control da emisora, abríndoos á participación cidadá a través do Consello Asesor de Comunicación, e abre a programación da radio a posibles colaboracións veciñais de forma regulada. Tamén regulará a inserción de publicidade en dita emisora municipal”.

Por outra banda, tamén se aprobou por unanimidade a fixación dos festivos locais para o exercicio 2017. A proposta do goberno municipal saíu adiante, e polo tanto, fíxanse como festivos locais o martes de Entroido (28 de febreiro) e mailo día da Ascensión (25 de maio).

Outro dos temas que se aprobou por unanimidade foi a desestimación, polos motivos expostos no informe emitido pola secretaria municipal, do recurso de reposición formulado pola entidade mercantil Acciona Augas Servizos SL contra o acordo plenario do 28 de abril de 2016, polo que se aproba o expediente de contratación mediante procedemento aberto, oferta máis vantaxosa e varios criterios de adxudicación, para a xestión do servizo público do Ciclo integral da Auga do Concello de Ames. Consecuentemente, denégase a solicitude de suspender o procedemento de licitación do citado servizo do ciclo integral da auga.

Prezos públicos por servizos culturais e deportivos
Un dos puntos da orde do día que máis debate creou foi a modificación da ordenanza fiscal reguladora do prezo público por servizos culturais e deportivos. O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explicou que “durante os últimos meses o Consello de Deportes vén traballando na organización das escolas deportivas do vindeiro curso. Os clubs e ANPAs, que están inmersas en dito Consello, aprobaron que os clubs que así o queiran poidan xestionar as escolas deportivas tendo en conta unha serie de requisitos establecidos previamente. Ademais, na última xuntanza do Consello de Deportes aprobouse a modificación desta ordenanza para que os clubs poidan xestionar determinadas escolas deportivas”.

“Ante esta situación tráese o Pleno a modificación acordada nesta ordenanza, que establece que o prezo para os menores de 18 anos sexa de 60 euros (dividido en dous pagos de 30 euros, que se farían no momento da matricula e durante a primeira quincena de febreiro) e os maiores de 18 anos terían que aboar 75 euros (dividido en dous pagos de 37,5 euros nos mesmos períodos). Para participar na actividade de pádel, nova modalidade deportiva que se ofrecerá de cara ao vindeiro curso, habería que pagar o mesmo, pero ademais hai que sumar o alugueiro das instalacións da empresa Let Pádel. Así, os menores de 18 anos terían que aboar dous pagos de 48 euros, mentres que o prezo para os maiores de 18 anos sería de dúas cotas de 55,5 euros”, dixo o rexedor municipal.

Dende a oposición incidiuse que a través da modificación desta ordenanza se realizaba unha importante suba nos prezos das actividades ofrecidas dentro das escolas deportivas municipais. Ademais, engadiron que se suprimían todas as bonificacións por segundo e terceiro fillo/a ou por participar nunha segunda actividade. Tamén criticaron que a actual concesionaria siga impartido estas actividades durante o vindeiro curso. Por último, indicaron que o obxectivo primordial das escolas ten que ser que a veciñanza en xeral se poida achegar ao deporte a través deste servizo municipal.

Miñones respondeu que se manteñen os descontos por familia numerosa e que se vai ampliar o servizo un mes máis, chegando así aos nove meses de servizo. Sobre a adxudicataria das escolas deportivas, dixo que na actualidade se abría un novo proceso de licitación, ata finais de outubro non se podería comezar a ofrecer dito servizo. Por último, manifestou que “esta non é unha proposta do goberno, senón que é un incremento das tarifas que nace do diálogo e do acordado no Consello municipal de Deportes”. Finalmente, esta modificación quedou rexeitada con 10 votos en contra (dos concelleiros/as do grupo municipal popular, Pacto por Ames, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López) e con 9 votos a favor correspondentes aos membros do grupo de goberno.

Aprobación de mocións
No pleno de xullo aprobáronse cinco mocións de urxencia. A primeira, presentada polo grupo municipal de Pacto por Ames, tratou sobre o arranxo do campo de fútbol de Agrón para que o club desta parroquia poida comezar os adestramentos de pre-temporada en dito campo no mes de agosto. Esta moción foi aprobada por unanimidade. A segunda, presentada polo grupo municipal de Ames Novo e que contou cun engádega do grupo de goberno, foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor dos membros do goberno e de Ames Novo, mentres que os edís do PP, PxA e o concelleiro non adscrito, Javier López, abstivéronse.

Esta moción tratou sobre a eliminación do machismo nos espectáculos e festas populares de Ames. Así, porase unha cláusula na contratación propia de espectáculos e actuacións musicais solicitando non utilizar linguaxe sexista nin contra o colectivo LGBT. Tamén se incluirán nas bases das próximas convocatorias de subvencións de festas que non se empregue unha linguaxe sexista que contribúan a dar unha imaxe de desigualdade das mulleres ou do colectivo LGBT, e o Concello pronúnciase en contra do nomeamento de raíñas das festa populares.

A terceira moción foi presentada de xeito conxunto polos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames, para arranxar a estrada provincial que discorre entre a rotonda, que se atopa na urbanización As Mimosas, e o cemiterio da igrexa parroquial de Biduído. Esta moción foi aprobada por unanimidade. Por último, presentouse unha moción de urxencia por parte do goberno municipal, para a aprobación do proxecto técnico da senda de Bertamiráns ao muíño de Pousada pasando polo Rego dos Pasos. Esta moción tamén foi aprobada por unanimidade.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Tumban la propuesta de encarecer las escuelas deportivas"
La Voz de Galicia: "La oposición de Ames tumba la subida de tarifas de las escuelas deportivas municipales"