[01-08-2014] A corporación municipal de Ames aprobou onte por unanimidade a fixación dos festivos locais para o ano 2015. Como soe ser tradicional no concello de Ames o vindeiro ano será festivo o día da Ascensión (14 de maio) e o día de San Xoán (24 de xuño). Ademais, aprobáronse por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos dúas mocións sobre a defensa dos rexistros civís e a mellora do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames na zona do Milladoiro e Trasmonte. Nestas dúas mocións os concelleiros/as do grupo de goberno abstivéronse, xa que consideraron que xa se están realizando traballos de mellora no Camiño de Santiago por parte da Xunta de Galicia e do propio Concello. Por último, houbo tempo para abordar o apartado de rogos e preguntas.
O Pleno do Concello de Ames aprobou onte por unanimidade a fixación dos festivos locais de 2015. Despois de que a Xunta e Galicia establecese as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2015, agora correspondíalle ao Concello de Ames fixar os festivos locais para o vindeiro ano. Tradicionalmente como festivos locais no concello de Ames véñense establecendo o día da Ascensión (14 de maio) e o día de San Xoán (24 de xuño), salvo aqueles anos nos que estes días coinciden como festa laboral autonómica ou como días non laborais. No ano 2015, ningún destes días (Ascensión e San Xoán) coinciden en festividade autonómica, polo que a corporación municipal decidiu aprobar a fixación deste días como festivos locais.
De seguido, abordáronse dúas mocións. A primeira moción foi presentada polos concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay sobre a mellora do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames, na zona do Milladoiro e Trasmonte. Nesta moción ínstase á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para que poña os medio necesarios, en colaboración co Concello de Ames, para que se arranxe o trazado que discorre pola Travesía do Porto, no Milladoiro, de xeito que se faga unha zona diferenciada pola que poidan transitar os peregrinos.
Por outra banda, tamén se insta á Xunta de Galicia a que arranxe o trazado que discorren entre Trasmonte e Ponte Maceira para que se faga unha zona específica pola que poidan transitar con total seguridade os peregrinos que fan a ruta do Camiño de Santiago a Fisterra. Por último, ínstase á Deputación da Coruña e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para que en colaboración cos Concellos de Teo e Ames, poñan os medios necesarios para que o trazado do Camiño Portugués, que discorre entre a Agrela e a Travesía do Porto, teña un trazado diferenciado para os peregrinos, así como se mellore a seguridade dotándoa tamén de pasos de peóns e dunha sinalización axeitada.
Neste senso o voceiro do grupo municipal popular, Bernardo Moar, explicou que “a Xunta de Galicia estivo realizando traballos de limpeza e acondicionamento no Camiño de Santiago a Fisterra ao seu paso polo concello de Ames. Ademais, nas últimas semanas a brigada de obras do Concello de Ames tamén realizou labores de limpeza e desbroce no Camiño Portugués ao seu paso polo municipio amiense”. Bernardo Moar engadiu que “dende o goberno municipal mantívose unha xuntanza co Concello de Teo e coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, para a posta en marcha de proxectos comúns co obxectivo de dinamizar esta ruta e potenciar este Camiño que discorre por estes dous municipios da comarca de Santiago de Compostela”.
Finalmente, o voceiro do grupo municipal popular indicou que “a Xunta de Galicia está traballando para contar cun Plan global director dos Camiños de Santiago que se converterá na folla de ruta para revitalizar, promocionar e promover os camiños de cara ao Xacobeo 2021”. Esta moción aprobouse por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno abstivéronse, xa que consideraron que xa se están realizando traballos de mellora no Camiño de Santiago por parte da Xunta de Galicia e do propio Concello.
Mocións sobre a defensa dos rexistros civís
A segunda moción foi presentada polos concelleiros/as do grupo municipal socialista para instar ao Goberno de España a que elimine as Disposicións Adicionais décimo novena, vixésima, vixésimo primeira, vixésimo segunda, vixésimo terceira, vixésimo cuarta, e a Disposición Final 8 do “real Decreto Ley 8/2014 de Aprobación de Medidas Urgentes para el crecimiento, la Competitividad y la Eficacia” pola que se modifica a Lei 20/2011, de 21 de xullo, de Rexistro Civil.
A través desta moción preténdese defender o servizo que prestan os rexistros civís e que non se privaticen. O grupo municipal popular presentou unha emenda sobre esta moción, para transaccionar o acordo e poder aprobar por unanimidade a moción en defensa dunha xustiza eficaz e próxima aos cidadáns. A enmenda foi rexeitada cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os membros do grupo de goberno votaron a favor.
Finalmente, esta moción foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros do grupo municipal socialista, así como dos edís non adscritos, e coa abstención dos concelleiros/as do grupo de goberno.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O Pleno aproba a fixación dos festivos locais de 2015 e dúas mocións sobre a defensa dos rexistro civís e a mellora do Camiños de Santiago ao seu paso por Ames"
La Voz de Galicia: "Ames acuerda, con la abstención del PP, pedir mejoras en el Camino"
El Correo Gallego: "La oposición de Ames exige la mejora de Ruta y Prolongación"