Pestanas principais

O Pleno aproba a expropiación forzosa de terreos e a redistribución de anualidades da obra de abastecemento en Ames e Brión

Venres, 27 de xuño de 2014

[27-06-2014] A corporación municipal de Ames aprobou onte por maioría simple a expropiación forzosa, polo trámite de urxencia, para a obtención dunha finca que é necesaria para a execución do proxecto complementario de abastecemento en Ames e Brión e a redistribución das anualidades da obra deste mesmo proxecto de abastecemento. Ademais, volveuse a debater a proposta feita polo goberno municipal sobre a licitación do ciclo integral da auga, que nesta ocasión incluía un informe realizado polo departamento de Secretaría sobre as posibles responsabilidades que se derivaban de votar en contra desta proposta. Este tema volveu a ser rexeitado cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os membros do grupo de goberno votaron a favor. Por último, tratáronse tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista e polos concelleiros/as non adscritos.

O Pleno do Concello de Ames aprobou onte por maioría simple a expropiación forzosa, polo trámite de urxencia, dunha parcela que é necesaria para a execución do proxecto complementario de abastecemento en Ames e Brión (primeira fase). O Concello de Ames, na sesión plenaria do pasado 29 de agosto de 2013, acordou levar a cabo a expropiación forzosa, polo trámite de urxencia, dos terreos necesarios para a execución deste proxecto. Iniciadas as obras detectouse a necesidade de adquirir unha nova finca, para que pase a ser de dominio público, xa que é necesaria para acometer o devandito proxecto.

Ademais, aprobouse por maioría simple a redistribución das anualidades da obra deste mesmo proxecto de abastecemento. Este dous temas saíron adiante co foto a favor dos cinco concelleiros do grupo de goberno, mentres que os edís do grupo municipal socialista e os concelleiros/as non adscritos abstivéronse.

O orzamento inicial de licitación da obra de abastecemento en Ames e Brión foi de 7.063.735,70 euros, dos cales Augas de Galicia financiaba un 80% e o 20% restante era sufragado polos concellos de Ames e de Brión (un 10% cada un dos municipios). Debido ás dificultades que estas achegas presentaban para os concellos, Augas de Galicia autorizou unha substancial minoración das mesmas, que no caso de Ames pasou de ter que achegar 819.393,34 euros iniciais a unicamente 400.000 euros, prevéndose tamén un calendario plurianual para o seu pagamento, que afectaba aos exercicios 2013 e 2014, a razón de 300.000 euros e 100.000 euros, respectivamente.

O calendario de execución da obra, cuxo remate está previsto para a primeira metade do ano 2015, semella posibilitar unha nova modificación na programación dos pagamentos, para concentralos ao remate dos traballos de construción da infraestrutura, nun momento no que o Concello de Ames agarda dispor dunha mellor situación financeira, grazas ao avance da aplicación do Plan de Axuste 2012-2022, e das medidas de saneamento que nel se contemplan.

Despois de que o Concello de Ames mantivese as oportunas conversas con Augas de Galicia, agora o Pleno aprobou solicitarlle formalmente á Dirección de Augas de Galicia que sexa este ente público o que sufrague o 92,68% do importe de execución da obra. Deste xeito, a achega que tería que realizar o Concello de Ames sería de 400.000 euros. Ademais, a corporación municipal aprobou a modificación da distribución das anualidades que terá que pagar o Concello, aprobadas xa previamente no Pleno do pasado 26 de novembro de 2009. As novas anualidades que habería que aboar serían de 100.000 euros no ano 2014 e de 300.000 euros no ano 2015.

Licitación do ciclo integral da auga
Un dos temas que máis tempo foi debatido por parte da corporación municipal foi a proposta feita polo goberno municipal sobre a licitación do ciclo integral da auga. Este tema xa fora rexeitado no pleno ordinario do mes de maio, pero volveu a incluírse na orde do día do pleno de xuño despois de que dende o departamento de Secretaría elaborasen un informe sobre as posibles responsabilidades que se derivaban de votar en contra desta proposta. Este informe por consultado tanto polo grupo municipal socialista como polos concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay. Finalmente este tema volveu a ser rexeitado cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os membros do grupo de goberno votaron a favor.

Sobre este asunto o alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “esta proposta volveuse a incluír na orde do día porque agora existe un informe do departamento de Secretaria no que se indican cales son as responsabilidades dos concelleiros/as que voten contra de dita proposta. O que se pide dende o grupo de goberno é que se deixe vía libre para sacar adiante a licitación deste servizo municipal. Durante os últimos meses estívose traballando para sacar adiante esta proposta do proceso de licitación, que ademais está informada favorablemente polos técnicos de Secretaría e de Intervención”.

Por parte da oposición, os concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval seguiron defendendo que para eles “a mellor opción é a municipalización do servizo de saneamento e abastecemento. Nós non estamos en contra das cláusulas do prego de licitación, senón que estamos en contra do modelo de xestión que vostedes defenden. Volvemos a recalcar, unha vez máis, que para nós a mellor opción é a xestión pública deste servizo”.

Por outra banda, os concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay, explicaron que “ nós sempre defendemos o mesmo, uns pregos serios feitos polos técnicos da casa, e non un prego de licitación por un período de dous anos, cunha posible prórroga dun ano máis. Nós cremos que a mellor opción é realizar unha licitación a longo prazo. Na actual situación sería a única fórmula beneficiosa para o Concello e para os seus veciños”.

Por último, os concelleiros/as do grupo municipal socialista anunciaron que están dispostos a chegar a un acordo co goberno municipal para sacar adiante o proceso de licitación deste servizo. Para iso, o voceiro do grupo socialista, José Miñones, manifestou que “presentamos varias propostas para chegar a un acordo. Unha desas propostas é licitar este servizo por un prazo de tres anos e un cuarto ano de prórroga se fose necesario. Non estamos de acordo en facer unha licitación do servizo por un período de dous anos, cunha posible prórroga dun ano”. Ademais, dende o grupo socialista defenderon que “sexa a futura concesionaria do servizo a que se encargue de facer un auditoría das instalacións e que o Concello estea asesorado por algunha institución publica e non por unha asistencia técnica”.

O rexedor municipal incidiu en que “non hai unha gran diferencia entre licitar o servizo por dous anos máis un de prórroga ou facelo por tres ano e un cuarto ano máis de prórroga se fora necesario. Ademais, houbo tempo de presentar estas propostas antes con maior antelación e non agora”. Sobre o tema da auditoría, Santiago Amor, defendeu que “a mellor opción é que a futura empresa concesionaria non se encargue de facer a devandita auditoría porque poder ter determinados intereses. É mellor que a auditoría sexa feita por unha empresa externa”, apuntou Santiago Amor. Por último, o alcalde dixo que “xa se lle solicitou asesoramento a outras administracións especialistas no tema da auga, pero un técnico destas institución non pode estar pendente exclusivamente do proceso de licitación de saneamento e abastecemento de Ames”.

Mocións debatidas
Por último, tratáronse tres mocións. A primeira foi presentada polos concelleiros/as do grupo municipal socialista para instar á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para a modificación da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, eliminando do seu texto o disposto no artigo 41, apartado C, no que se refire á obriga das condicións impostas ás comisións de festas para a obtención de licenza de celebración de festas populares. Esta moción foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor dos edís do grupo socialista e dos concelleiros/as nos adscritos, mentres que os membros do goberno municipal abstivéronse.

A segunda moción foi presentada polos concelleiros/as non adscritos/as María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay sobre os convenios de colaboración entre a Xunta de Galicia e os concellos en materia de comedores na época de vacacións escolares durante o verán. Nesta moción ínstase á Xunta de Galicia a asinar un convenio segundo o disposto no boletín oficial do Parlamento de Galicia número 303 de 12 de xuño de 2014. Esta moción foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor dos edís do grupo socialista e dos concelleiros/as nos adscritos, mentres que os membros do goberno municipal abstivéronse.

Na terceira moción presentada por vía de urxencia polos concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval instouse á Xunta de Galicia para que manteña abertas todas as escolas unitarias de Ames e difundir entre o conxunto das familias a posibilidade de escolarizar ás súas fillas e fillos nas escolas unitarias, e ao tempo informar adecuadamente do valor desta opción educativa; recoñecendo ademais a súa función na desconxestión dos centros educativos de Ames. Esta moción tamén foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor dos edís do grupo socialista e dos concelleiros/as nos adscritos, mentres que os membros do goberno municipal abstivéronse.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames expropiará más terreno para la planta potabilizadora que compartirá con Brión"