Pestanas principais

O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira

Martes, 30 de decembro de 2025

No pleno ordinario de decembro a Corporación municipal aprobou desestimar as alegacións da ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos; a ratificación do recurso de reposición da Mancomunidade Serra do Barbanza; a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira; o POS+ Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026; o convenio co Concello de Brión para o Programa Integrado de Emprego; o Plan normativo do Concello de Ames, e a subsanación deficiencias na redacción do proxecto das obras de renovación do drenaxe transversal en Piñeiro. Tamén se aprobaron dous puntos incluídos na orde do día por vía de urxencia como foron a liquidación do contrato do servizo municipal de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo e as cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza para o ano 2025. Por último, aprobáronse dúas mocións, unha do BNG sobre a restauración dos muíños da ruta de Riamontes e a súa posta en valor; e outra do Partido Popular para denunciar a exclusión de Ames do programa Merca na Vila. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 316 decretos, do 3691 ao 4006. Neste apartado o alcalde tamén deu conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ás sesións dos días 27 de novembro e 4, 11 e 18 de decembro. Ademais, deuse conta do recoñecemento ao desempeño exemplar das súas funcións de tres membros da Policía Local de Ames, que en colaboración coa Garda Civil, localizaron aos autores de dous delitos contra o patrimonio ocorridos no municipio de Brión.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foron as actas da sesión ordinaria do mes de novembro celebrada o 27 de novembro de 2025; e da sesión extraordinaria do mes de decembro celebrada o 19 de decembro de 2025. 

A continuación, aprobouse desestimar as cinco alegacións presentadas trala aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos do Concello de Ames na sesión plenaria celebrada o 30 de outubro de 2025. Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, “catro das cinco alegacións son similares e tratáronse de forma conxunta. Nos informes de Tesourería e Secretaría consta a desestimación de ditas alegación e polo tanto a aprobación de xeito definitiva de dita ordenanza fiscal”. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. Os concelleiros e concelleiras do BNG e Espazo Común votaron en contra.

Recurso de reposición da Mancomunidade Serra do Barbanza
O seguinte punto a tratar foi a ratificación do recurso de reposición da Mancomunidade Serra do Barbanza que foi aprobado por unanimidade. No pleno do pasado 27 de novembro aprobouse a adhesión do Concello de Ames á Mancomunidade Serra do Barbanza. 

Deste xeito, o Pleno ratificou o decreto contra a resolución da presidencia da Mancomunidade do 11 de novembro de 2025, pola que se aproba a liquidación da cota extraordinaria mensual de 81.418,20 euros correspondente ao terceiro trimestre de 2025 e o acordo da Xunta Reitora da Mancomunidade Serra do Barbanza de 28 de outubro de 2025, polo que se determinan os criterios de reparto entre os municipios integrantes da entidade e receptores do servizo de tres cotas denominadas obrigatoria, complementaria e extraordinaria.

Debido a dita adhesión o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “non estamos de acordo cunha parte da cota que se nos impoñía. O Concello ten que pagar tres cotas: a ordinaria, a complementaria e maila extraordinaria. Precisamente nesta cota extraordinaria é onde non estamos de acordo, porque entendemos que o Concello antes de ser membro de pleno dereito, tiña voz pero non tiña voto nas decisións que se tomaban. Estamos falando de máis de 1.600.000 euros, que cremos que o Concello non ten pagar. A cota que se reclama é toda porque é unha única cota. Dentro dela hai varios aspectos como son os xuros que son os que cremos que non  temos que pagar e imos a reclamar”.

Por parte da oposición, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “entendemos que ao non ser socios este incremento na cota non debería ser repercutido ao noso Concello, xa que como clientes sempre aboamos o que se nos pediu e non tiñamos poder de decisión na Mancomunidade. Gustaríanos que houbesen reclamado a contía integra, pero decidiron reclamar só os intereses que é o que hai que ratificar”. A voceira do BNG, Escarlata Pampín, explicou que “nos informes conclúese que existen fundamentos xurídicos suficientes para impugnar o acordo da Xunta Reitora da Mancomunidade no referente á cota extraordinaria e á liquidación do canon do terceiro trimestre de 2025 polo que votaremos a favor”. Por último, a voceira do Partido Popular, Oliva agra, destacou “imos a votar a favor porque non sabemos a que se corresponde esta débeda e estamos de acordo con que se recorra”.  

Instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira
Por outra banda, aprobouse de xeito inicial a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública para a redacción do proxecto de construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e para a execución das obras de ampliación da instalación municipal da Telleira, coa finalidade da súa explotación conxunta. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do BNG votaron en contra.

A concelleira de Servizos Económicos e Deportes, Susana Señorís, explicou que “o Concello de Ames está elaborando a documentación para a tramitación do expediente de contratación da concesión de obra pública para a redacción do proxecto de construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e para a execución das obras de ampliación da instalación municipal da Telleira, coa finalidade da súa explotación conxunta. Ata o de agora a fórmula empregada estaba ligada á evolución do IPC, pero cremos que se deben aplicar outros criterios polo que estará composta polos gastos de persoal, gastos de subministración e outros gastos de explotación. Os custos de persoal representan preto do 70%, mentres que o 30% restante corresponde con outros gastos que son necesarios pero teñen unha menor repercusión na estrutura de custes do contrato”.

Por parte da oposición, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “trátase dun trámite previo para a tramitación de dito expediente, polo que ao tratarse dunha esixencia e tendo os informes favorables o noso voto é a favor”. Por parte do BNG, interveu a concelleira Rosalía Seijas, que indicou “en termos xerais a estrutura de custos que vostedes plantexan parece axeitada á explotación, especialmente no que se refire ao persoal e á enerxía, que son os principais custos deste servizo. O problema non é a fórmula senón que está combinada cunha concesión a 35 anos. Por iso o noso voto en contra non é en contra do trámite administrativo, senón en contra do modelo de concesión que traslada os riscos á cidadanía”. Pablo Beiroa, concelleiro do Partido Popular, explicou que “este é un paso máis para a construción da nova piscina do Milladoiro, un trámite máis legal que neste caso recolle a fórmula que se establecerá nos pregos para poder revisar o contrato cando sexa unha realidade a nova piscina do Milladoiro e maila ampliación da Telleira”.

O seguinte punto da orde do día era a adhesión ao convenio da FEMP para a solicitude de adhesión á rede de entidades locais gandeiro cárnica. Finalmente, este punto retirouse da orde do día pola falta de información, que chegou este pasado xoves, 29 de decembro, polo que se incluirá na próxima sesión plenaria ordinaria.

POS+ Adicional 1/2026 
Ademais, aprobouse por unanimidade a participación no POS+ Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026, aplicando a contía que lle corresponde ao Concello de Ames que ascende a 182.181,57 euros. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que “o importe de 72.742,32 euros vaise destinar a ampliación de persoal técnico con tres traballadores/as sociais, para dar unha resposta máis rápida ás necesidades dos nosos veciños e veciñas. Tamén se van ampliar as partidas municipais para as axudas de emerxencia e de necesidade social para unidades de convivencia en situación de vulnerabilidade con 66.734,25 euros. Por último, contémplase a ampliación do servizo de Xantar na Casa con 42.705 euros, cun incremento de 10 prazas, pasando de 20 prazas no ano 2019 ata as 45 praza para o exercicio 2026”.

De seguido, aprobouse tamén por unanimidade o convenio de colaboración entre o Concello de Ames e o Concello de Brión para a concreción das actuacións para a execución conxunta do programa integrado de emprego 2025-2026 nos termos da axuda concedida pola Xunta de Galicia. Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, “esta edición do programa está dirixido a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, administración e xestión, novas tecnoloxías, ocio e tempo libre, e turismo. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados”. 

Plan normativo do Concello de Ames
Tamén se aprobou por unanimidade o Plan normativo 2026 do Concello de Ames. O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, explicou que “as administracións públicas deben publicar anualmente un plan normativo que conterá as iniciativas legais ou regulamentarias que vaian ser elevadas para a súa aprobación no ano seguinte. Faise unha proposta con 11 iniciativas normativas que son as que se inclúen neste plan”.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a subsanación deficiencias na redacción do proxecto das obras de renovación de drenaxe transversal en Piñeiro, incluído no POS+2025. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, dixo que “trátase de correccións de índole técnico, xa que se nos solicitou que os cálculos da estrutura deberían axustarse aos resultados do estudo xeotécnico”. As correccións aprobadas non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades nin no seu importe de execución.

Asuntos presentados por vía de urxencia
Por outra banda, presentáronse dous puntos por vía de urxencia para incluír na orde do día. O primeiro foi a liquidación do contrato do servizo municipal de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo adxudicado á empresa Urbaser. O concelleiro e Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “a empresa Urbaser facturou sen aplicar a revisión de prezos de xaneiro a xuño de 2022, acordado en Pleno no mes de abril de 2022. Posteriormente, o 26 de novembro de 2024 solicitou a revisión de prezos e o abono dos atrasos correspondentes ao período de xaneiro a xuño de 2022. A cantidade que hai que liquidar ascende a 23.270,72 euros”. Este punto foi aprobado por unanimidade.

O segundo punto presentado por vía de urxencia foi o das cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza para o ano 2025 que ascende a 2.207.688,60 euros. O concelleiro e Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, dixo que “traemos ao pleno as cotas da Mancomunidade para o ano 2025, no que atinxe ás cotas obrigatoria e complementaria, que son do custe do servizo, e a cota extraordinaria, coa que se paga a débeda da Mancomunidade con FCC, polo que habería que aprobar estas cotas e interpoñer recurso de reposición contra a liquidación remitida o 19 de decembro de 2025”.    

Dende os grupos municipais da oposición (Espazo Común, BNG e Partido Popular) achacaron que un punto de tanta importancia non se pode incluír por vía de urxencia na orde do día. Tamén dixeron que ao recibir a documentación no propio día do pleno non tiveron tempo de estudala con detemento polo que non entraron no debate de dito punto. Finalmente este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, mentres que os/as edís do Partido Popular e BNG abstivéronse. A concelleira de Espazo Común votou en contra.

Apartado de mocións
Por último, debatéronse dúas mocións que foron aprobadas por unanimidade, unha do BNG para a realización dun proxecto coa finalidade da restauración dos muíños da ruta de Riamontes e a súa posta en valor; e outra do Partido Popular para denunciar a exclusión do Concello de Ames do programa Merca na Vila e esixir a modificación dos seus criterios.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames recurre pagos pendientes sobre gestión de la basura y pide que amplíen Merca na Vila"

La Voz de Galicia: "Ames recurre las liquidaciones de Serra do Barbanza y ratifica las tasas de recogida de basura

O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira

Multimedia

  • O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira
  • O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira
  • O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira
  • O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira
  • O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira
  • O Pleno aproba a estrutura de custos e a fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas do Milladoiro e da Telleira