[29-08-2014] A corporación municipal de Ames aprobou onte por unanimidade a ordenanza do servizo de taxis do Concello de Ames, que regulará as tarifas que se aplicarán neste servizo durante o ano 2014 e o cobro mediante taxímetro. Agora, haberá que enviar o expediente á Comisión de Prezos de Galicia, para que emita un informe favorable sobre as tarifas que se recollen neste documento. Ademais, deberá someterse a exposición pública durante 30 días hábiles dende a súa publicación no BOP. Outros dos temas que se abordaron foi a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de transporte adaptado. Este regulamento quedou sobre a mesa para adaptalo á lexislación vixente. Por último, aprobáronse tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista e polos concelleiros/as non adscritos.
O Pleno do Concello de Ames aprobou onte por unanimidade a ordenanza do servizo de taxis do Concello de Ames. Esta ordenanza aprobouse de xeito inicial, polo que agora haberá que enviar unha copia do expediente á Comisión de Prezos de Galicia, mediante o seu envío á Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, aos efectos de completar o expediente de elevación de tarifas dos servizos de competencia local. Ademais, a devandita ordenanza deberá someterse a exposición pública e audiencia dos interesados polo prazo mínimo de 30 días para a presentación de reclamacións e suxestións. No suposto caso de que non se presenten reclamacións ou suxestións, entenderase definitivamente adoptado o acordo ata entón provisional.
Nesta ordenanza regúlanse as tarifas para o ano 2014 e a colocación de taxímetros en todos os vehículos que ofrezan este servizo, así como outras particularidades do servizo. Cómpre lembrar que o pasado 14 de xullo entrou en vigor a Lei do taxi de Galicia. Dende ese momento o colectivo de taxistas de Ames comezou a empregar o taxímetro, tal e como marca a devandita lei.
Para a elaboración de dita ordenanza o Concello de Ames traballou de forma conxunta coa asociación de taxistas de Ames. O goberno municipal mantivo varias xuntanzas tanto coa anterior como coa actual directiva desta asociación para realizar este documento. Esta ordenanza está totalmente adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia.
Tarifas do servizo de taxi
Esta ordenanza recolle que o taxímetro comezará a computar o percorrer 1.700 metros ou transcorrer cinco minutos tras o comezo do servizo (o que antes suceda). No momento da entrada en vigor da devandita ordenanza, as tarifas aplicables aos servizos urbanos de taxi serán as seguintes. A tarifa 1 aplicarase de luns a venres, das 06:00 h ás 22:00 horas, e os sábados dende as 06:00 h ata as 15:00 horas. A percepción mínima será de 3,70 euros, mentres que o custo por quilómetro será de 0,95 euros. A hora de espera polo cliente terá un custo de 19,30 euros.
A tarifa 2 aplicarase de luns a domingo entre as 22:00 h e as 06:00 horas. Neste caso a percepción mínima será de 5 euros, mentres que o custo por quilómetro percorrido será de 1,40 euros. A hora de espera terá un custe de 28,80 euros. A tarifa 3 aplicarase os domingos e festivos entre as 06:00 h e as 22:00 horas e os sábado das 15:00 h ás 22:00 horas. A percepción mínima desta tarifa é de 4,30 euros, mentres que o custe por quilómetro percorrido será de 1,18 euros. A hora de espera terá un prezo de 23,80 euros.
Todos estes prezos son con IVE incluído. Os prezos establecidos nestas tarifas terían un suplemento de 0,50 euros por introducir algún tipo de vulto ou paquete no maleteiro do vehículo. O suplemento por ocupación de maleteiro cobrarase a partir do terceiro vulto, é dicir, os dous primeiros vultos non se cobran e o terceiro xa se cobra a razón de 0,50 euros por vulto, cun máximo de 3 vultos a cobrar. Non se entenderán como vultos os cans guías, as cadeiras de bebes e as cadeiras para dependentes. As tarifas aplicables aos servizos interurbanos, serán as fixadas pola consellería competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.
Regulamento do servizo municipal de transporte adaptado
Outros dos temas que se abordaron foi a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de transporte adaptado. Este servizo está dirixido aos veciños e veciñas do concello amiense con mobilidade reducida que non sexan atendidos polo servizo de transporte adaptado autonómico (programa 065), ben pola lista de espera que existe ou ben por non ter recoñecido o grao de dependencia que esixe a normativa autonómica, ou incluso, por tratarse de rutas non cubertas polo referido programa 065. Finalmente, a corporación municipal aprobou por maioría absoluta, con 12 votos a favor e 6 abstencións, que este regulamento quedase encima da mesa para adaptalo á lexislación vixente.
Por último, aprobáronse tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista e polos concelleiros/as non adscritos. Na primeira moción presentada polo grupo socialista ínstase ao Goberno de España a estender o subsidio por desemprego ás persoas en situación de desemprego de longa duración que carezan de ingresos e teñan responsabilidades familiares, así como a outros colectivos con dificultades específicas de inserción.
A segunda moción presentada polos socialistas de Ames é en contra do recortes na Lei de Dependencia de Galicia e solicitan que se dedique máis orzamento por parte da Xunta de Galicia para as persoas dependentes. Por último, os concelleiros/as non adscritos presentaron unha moción en contra do pago polo préstamo nas bibliotecas públicas e por cada usuario/a que accede aos seus fondos.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames da luz verde a la ordenanza reguladora del servicio de taxi"