Pestanas principais

O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames

Venres, 01 de maio de 2026

A Corporación municipal aprobou de xeito inicial a ordenanza do servizo de taxi; o mantemento de tarifas aplicables aos servizos urbanos de taxis; a devolución da garantía definitiva mediante póliza de seguro de caución do servizo público do ciclo integral da auga; a subsanación de deficiencias do proxecto para a mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros (O Milladoiro); a adhesión ao convenio para o desenvolvemento da rede de Concellos contra o acoso escolar; a modificación do regulamento do programa Xantar na Casa; e unha proposta de anulación de modificacións sobre o orzamento prorrogado, debido á entrada en vigor esta semana do orzamento municipal de 2026. Ademais, aprobáronse tres mocións presentadas polos grupos municipais do Partido Popular e do PSdeG-PSOE e quedou rexeitada unha moción do BNG. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

O pleno ordinario de abril comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 359 decretos, do 799 ao 1157. Neste apartado tamén se deu conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de marzo e abril. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a acta da sesión ordinaria do mes de marzo celebrada o 26 de marzo de 2026.

A continuación, debateuse de forma conxunta a aprobación inicial da ordenanza reguladora do servizo de taxi do Concello de Ames e o acordo relativo ao mantemento de tarifas aplicables dos servizos urbanos de taxis no concello de Ames para 2026. 

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explicou que “esta ordenanza nace da necesidade de contar cunha regulación do sector do taxi adaptada á realidade social e económica do concello de Ames, procurando a mellora da calidade da prestación do servizo tanto para o profesional do sector como para as persoas usuarias, guiados en todo momento polo interese social e ambiental”. Ademais, destacou que “as tarifas non forman parte da ordenanza para poder actualizalas de forma máis áxil e que non implique a modificación da ordenanza”. Tamén dixo “que o o servizo 24 horas é moi necesario” e salientou “a necesidade de incrementar o número de licenzas de taxis e contar con servizo de taxi adaptado”.

Intervención dos grupos da oposición
Sobre este asunto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou que “a negociación da ordenanza reguladora do servizo de taxi partiu dunha premisa errónea, polo que solicito que este asunto quede encima da mesa. Esta ordenanza nace mal porque trata de impoñer o servizo 24 horas”. Tamén incidiu “na necesidade de aumentar o número de licenzas, xa que hai 15 licenzas de taxis para 33.000 habitantes, cando debería haber unha licenza por cada 1.000 habitantes”.

Neste mesmo senso incidiu a concelleira do BNG, Rosalía Seijas, que aludiu á necesidade de dispor dun estudo sobre a situación actual do servizo do taxi en Ames. “Non dispoñemos dunha diagnose rigorosa da situación actual. Temos unha poboación de 33.000 habitantes e deberíamos dispor dunha licenza de taxi por cada 1.000 habitantes. Temos menos da metade das licenzas necesarias, xa que na actualidade dispoñermos de 15 licenzas de taxi. É necesario contar co número de licenzas que nos corresponde e con servizo de taxi adaptado. Debido a iso apoiamos o posicionamento da compañeira de Espazo Común e tamén pedimos que este asunto quede encima da mesa”.    

O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo “queremos que esta ordenanza sexa aprobada o antes posible, por iso a imos apoiar. Trátase dun servizo público polo que hai que garantir que se preste as 24 horas do día, para adaptalo tanto á demanda legal como á necesidade da veciñanza. Esta ordenanza xa hai tempo que tiña que vir a pleno cando se fixo a revisión dos prezos”. Tamén incidiu en que “primeiro é necesario dispor dunha ordenanza actualizada e despois abordar o incremento do número de licenzas de taxis”.

Aprobación da ordenanza e tarifas do servizo de taxi
Unha vez debatidos estes puntos, votouse a proposta de deixar encima da mesa a aprobación inicial da ordenanza reguladora do servizo de taxi, que foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleira do goberno municipal e do Partido Popular, mentres que os/as edís do BNG e Espazo Común votaron a favor. De seguido, votouse este punto, que saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleira do goberno municipal e do Partido Popular. A concelleira de Espazo Común votou en contra e os/as edís do BNG abstivéronse.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade o acordo relativo ao mantemento de tarifas aplicables dos servizos urbanos de taxis no concello de Ames para 2026. Deste xeito, mantéñense vixentes as tarifas aprobadas polo Pleno municipal o 28 de maio de 2025 e publicadas no BOP o 22 de outubro de 2025. 

Ciclo integral da auga
A continuación, aprobouse por unanimidade a devolución da garantía definitiva mediante póliza de seguro de caución do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames. Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames na sesión celebrada o 29 de decembro de 2016 adxudicou á empresa Espina & Delfín o contrato de xestión indirecta do servizo público do ciclo integral da auga. O servizo iniciou a súa actividade o 16 de xuño de 2017 e finalizou o 31 de marzo de 2024, pasando dende o 1 de abril de 2024 a xestión directa pola Empresa Pública Local Augas de Ames. A empresa Espina & Delfín constituíu unha garantía definitiva, por importe de 100.000 euros, mediante seguro de caución. O pasado 11 de agosto de 2025 a empresa Espina & Delfín SL, solicitou a devolución da garantía definitiva constituída, polo que haberá que realizar dita devolución.

Mellora  do parque de Pardiñeiros
Outro dos temas aprobados por unanimidade é a ratificación dos decretos da Alcaldía sobre a subsanación de deficiencias do proxecto de mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros (O Milladoiro) incluído no POS+ 2026. Os servizos técnicos da Deputación enviaron dúas comunicacións indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. As correccións aprobadas non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades, nin no seu importe de execución.

Rede de Concellos contra o acoso escolar
De seguido, aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello de Ames ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e formación profesional da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para  o desenvolvemento da rede de Concellos contra o acoso escolar. Este convenio establece os mecanismos para consolidar unha rede de apoio territorial que non só interveña ante situacións de acoso escolar, senón que actúe de forma preventiva para garantir o benestar e desenvolvemento integral do alumnado galego nun clima de convivencia positiva.

Programa Xantar na Casa
A aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na Casa do Concello de Ames tamén foi aprobada por unanimidade. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, dixo que “é necesario dispor dunha nova regulación do programa porque se detectaron diferentes necesidades de revisión da referida ordenanza municipal, observando aspectos técnicos e sociais, que resultan de interese incluír no texto do regulamento, ou ben corrixir na súa redacción actual. É necesario facer modificacións en dous anexos e sobre a valoración da vivenda, xa que nos últimos meses produciuse unha subida xeneralizada do prezo dos alugueiros e dos custos asociados á vivenda habitual. Este incremento afecta de forma especial ás persoas maiores e/ou en situación de vulnerabilidade, que constitúen o principal perfil beneficiario deste servizo”.

Anulación de modificacións sobre o orzamento prorrogado 
Ademais, presentouse por vía de urxencia para incluír na orde do día unha proposta de anulación de modificacións sobre o orzamento prorrogado. Primeiro aprobouse a urxencia deste punto co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do goberno municipal, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común votou en contra por non dispor de tempo para estudar dito asunto.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “este pasado mércores entrou en vigor o orzamento municipal de 2026 polo que corresponde facer a anulación de modificacións orzamentarias aprobadas sobre o orzamento prorrogado co que se traballo durante os primeiros meses do ano. En ditas anulacións hai unha excepción por importe de 25.000 euros relativa ás comunidades enerxéticas. Este trámite é necesario para evitar duplicidades, xa que a partir de agora xa se pode traballar co novo orzamento de 2026”.    

Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleira do goberno municipal, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose.

Apartado de mocións
Neste apartado debatéronse catro mocións. A primeira, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, abordou o arranxo do paseo fluvial de Bertamiráns. En dita moción ínstase ao goberno municipal a realizar de maneira inmediata unha inspección técnica completa do paseo fluvial, identificando todas as deficiencias existentes en materia de seguridade, infraestruturas, saneamento e medio ambiente. Tamén se solicita executar un plan integral de rehabilitación para a reparación de camiños, pasarelas e mobiliario urbano; adecuación e mellora da iluminación pública; limpeza, desbroce e mantemento da vexetación; reposición de elementos deteriorados ou inexistentes; e mellora da accesibilidade.

Ademais solicítase actuar de forma urxente sobre as infraestruturas de saneamento, en especial sobre colectores e puntos susceptibles de vertidos, garantindo que non se produzan filtracións nin vertidos ao paseo nin ao río Sar; implementar un plan de mantemento periódico do paseo fluvial, con actuacións programadas que eviten o seu deterioro progresivo; e establecer medidas de vixilancia e control ambiental, en coordinación cos organismos competentes, para previr e actuar ante posibles episodios de contaminación.

Nesta moción o grupo municipal socialista presentou unha emenda que foi aceptada para instar á Xunta de Galicia a que proceda, con carácter prioritario, á redacción e execución do proxecto de mellora da rede de colectores e á ampliación da depuradora de Sisalde, en cumprimento do compromiso asumido pola súa Presidencia en setembro de 2024, co fin de posibilitar que o Concello de Ames poida planificar e desenvolver actuacións de relevancia no treito do paseo fluvial. Finalmente, a moción foi aprobada por unanimidade.

Na segunda moción, presentada polo grupo municipal do BNG, abordouse a cesión e posta en valor das parcelas do patrimonio municipal do solo non alleadas para a promoción de vivenda. Neste moción ínstase ao goberno municipal a destinar estas parcelas que quedaron desertas na poxa a algunha das seguintes finalidades de interese social:
-A súa cesión á Xunta de Galicia para a promoción de vivendas de protección autonómica ou de Vivendas de Integración Social.
-A promoción da súa licitación ou cesión en condicións favorables que permitan a participación de promotores privados para a construción de vivendas de protección oficial, garantindo en todo caso a limitación de prezos e o acceso a vivenda accesible.

Tamén se solicitou garantir que calquera das opcións adoptadas priorice o acceso á vivenda, especialmente da mocidade, persoas con baixos ingresos e colectivos en situación de vulnerabilidade. Esta moción foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleiras do goberno municipal e do Partido Popular, mentres que os/as edís do BNG e Espazo Común votaron a favor. 

Na terceira moción, presentada tamén polo grupo municipal do Partido Popular, debateuse a construción dunha senda peonil na estrada AC-453 entre as aldeas de Villaverde e Balindo (parroquia de Piñeiro). Deste xeito, ínstase á Xunta de Galicia a estudar e impulsar a construción de dita senda e solicitar que esta actuación sexa incluída na planificación de melloras da rede viaria autonómica, en continuidade coas intervencións xa realizadas nesta mesma estrada.

Nesta moción o grupo municipal socialista presentou unha emenda que foi aceptada para instar á Xunta de Galicia a estudar e impulsar a continuación das beirarrúas ou a construción dunha senda peonil nos seguintes treitos da estrada AC-453: entre as aldeas de Quintáns e Cruxeiras na parroquia de Ames; entre as aldeas de Frenza e Vilouta na parroquia de Tapia; e entre as aldeas de Sanamede e Balindo na parroquia de Piñeiro. Unha vez aceptada dita emenda, esta moción tamén foi aprobada por unanimidade.

Na cuarta e última moción, presentada polo grupo municipal socialista, tratouse a distribución dos recursos públicos aos Concellos de xeito transparente e obxectivo. En dita moción ínstase á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Deputación da Coruña a desbotar o criterio de limitación de participación en axudas de 30.000 habitantes; e reclámase a elaboración de convocatorias de subvencións baseadas en criterios obxectivos, como as necesidades reais, o nivel de servizos prestados ou a poboación efectivamente atendida. 

Nesta moción o grupo municipal popular presentou unha emenda sobre o texto da moción e que non afecta ao apartado de acordos, que foi aceptada polo grupo municipal socialista. Unha vez aceptada a emenda a moción foi aprobada por unanimidade.

O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames

Multimedia

  • O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames
  • O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames
  • O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames
  • O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames
  • O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames
  • O Pleno aproba de xeito inicial a ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames