Pestanas principais

O Pleno aproba de xeito definitivo o regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames

Venres, 25 de abril de 2014

[25-04-2014] A corporación municipal de Ames aprobou onte por maioría absoluta a modificación do regulamento do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames. Este regulamento xa foi aprobado de xeito inicial no pasado mes de xaneiro e agora, despois de introducir unhas modificacións sobre vertidos e o réxime sancionador notificadas por parte de Augas de Galicia, o Pleno deulle aprobación de xeito definitivo a este regulamento. Outro dos temas tratados foi a modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames, xa que o goberno municipal pretende cambiar o emprazamento, a hora e os días do mercado do Milladoiro previo acordo con vendedores ambulantes. Este tema quedou enriba da mesa por acordo de toda a corporación ata que se manteña unha reunión coas asociacións de comerciantes do Milladoiro. Ademais, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional, que foi consensuada por todos os concelleiros/as da corporación, contra a supresión dos partidos xudiciais existentes en Galicia.

O Pleno do Concello de Ames aprobou onte por maioría absoluta a aprobación definitiva do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames. Cómpre lembrar que no pleno ordinario de xaneiro, celebrado o pasado 30 de xaneiro, aprobouse de xeito inicial o regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames. Despois de estar en exposición pública e non haber ningunha alegación, Augas de Galicia notificoulle ao Concello que había que realizar unhas correccións no texto do devandito regulamento en materia de vertidos e sobre o réxime sancionador.

Unha vez feitas esas correccións este regulamento quedou aprobado de xeito definitivo ao contar cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, do grupo municipal socialista e dos ex-concelleiros do PP de Ames, mentres que os ex-concelleiros do BNG de Ames abstivéronse.

Este regulamento foi elaborado e consensuado no marco dunha comisión creada ao efecto e na que estiveron representados o goberno municipal e a oposición. O texto, elaborado ao amparo da Lei de Augas, recolle as necesidades e dereitos dos usuarios/as e do Concello. No regulamento, composto por 132 artigos, establécese que o servizo de abastecemento e saneamento seguirá ostentando, en todo momento, a condición de servizo público municipal, sen prexuízo da forma de xestión que finalmente se aprobe.

Regulamento do mercado de venda ambulante
Outro dos temas tratados foi a modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames, xa que o goberno municipal pretende cambiar o emprazamento, a hora e os días do mercado do Milladoiro. O pasado 7 de marzo o concelleiro de Comercio, Bernardo Moar, mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación Profesional de Comercio Ambulante e Comercio en Prazas de Abastos de Galicia (ACAPAG), José Manuel Liste, para estudar o cambio de ubicación, da data e hora de celebración do mercado de rúa, que se desenvolve na localidade do Milladoiro debido a falta de afluencia que está tendo.

Nesta xuntanza acordouse o cambio de emprazamento do mercado de rúa do Milladoiro. Deste xeito, o novo emprazamento quedou establecido que sería o aparcadoiro da rúa Travesía do Porto, que está situada no polígono empresarial Novo Milladoiro. Ademais, acordouse cambiar a data e hora de celebración deste mercado de rúa, para que se celebrase o segundo e cuarto venres de cada mes, en horario de 9:00 h a 14:00 horas.

Este tema quedou enriba da mesa, despois de que os partidos da oposición solicitasen que antes de aprobar dito regulamento se manteña unha reunión con todas as asociacións comerciais do Milladoiro para coñecer a opinión dos comerciantes desta localidade sobre estes cambios. O concelleiro de Comercio, Bernardo Moar, explicou que “o mercado é un complemento para a economía local e queremos que funcione ben no Milladoiro para incentivar o comercio desta localidade, polo tanto non temos ningún inconveniente en deixar este tema encima da mesa e realizar unha xuntanza con todas as asociacións do Milladoiro antes de aprobar dito regulamento”. Finalmente, a corporación municipal aprobou por unanimidade que este tema quedase encima da mesa e se aborde proximamente noutra sesión plenaria.

Declaración institucional contra a supresión dos partidos xudiciais a proposta do goberno
Ademais, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional, que foi consensuada por todos os concelleiros/as da corporación, contra a supresión dos partidos xudiciais existentes en Galicia. Nesta declaración recóllese que coa reforma da Lei orgánica do poder xudicial a nova distribución provincial vai condicionar o acceso á xustiza da cidadanía provocando un maior distanciamento dos órganos xudiciais e incrementando as cargas que terán que soportar os administrados nas súas relacións coa xustiza.

Deste xeito, coa aprobación desta declaración ínstase á Xunta de Galicia para que inste ao goberno central, para que o texto da nova lei orgánica do poder xudicial contemple a todos os partidos xudiciais de Galicia, e que siga mantendo polo menos o servizo que ten na actualidade. Ademais, acordouse que nos criterios que definan a futura planta xudicial no territorio galego, sexan tidos en conta os criterios relacionados coas características socioeconómicas, xeográficas e poboacionais, á hora de recoñecer como partido xudicial don Tribunal de instancia a estrutura existente na actualidade en Santiago de Compostela e noutras poboacións galegas.

Ao aprobarse esta moción o grupo municipal popular retirou unha moción, que figuraba na orde do día, para instar ao goberno central, para que o texto de reforma da Lei orgánica do poder xudicial teña en conta as especificidades e peculiaridades propias de Galicia.

Sobre este mesmo asunto, o grupo municipal socialista, presentou unha moción para rexeitar a supresión dos partidos xudiciais existentes en Galicia. Esta moción saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo municipal socialista, dos ex-concelleiros/as do PP de Ames e dos ex-concelleiros/as do BNG de Ames, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno abstivéronse.

Mocións aprobadas
Tamén se aprobaron outras catro mocións que figuraban na orde do día e unha moción presentada por vía de urxencia por parte dos ex-concelleiros do PP de Ames. O grupo municipal socialista presentou outras dúas mocións. A primeira sobre o IVE que se lle aplica aos servizos de perruquería. Nesta moción ínstase ao goberno central a que reconsidere a aplicación do tipo xeral do IVE aos servizos de perruquería e volver a aplicar o tipo reducido do 10% a ditos servizos. Esta moción foi aprobada por unanimidade despois de engadirlle dúas emendas presentadas polo grupo de goberno e polos ex-concelleiros do PP de Ames.

A última moción presentada polo grupo municipal socialista tamén foi aprobada, pero nesta caso por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros/as socialistas e dos ex-concelleiros do PP de Ames. Os concelleiros do grupo de goberno votaron en contra, mentres que os ex-concelleiros/as do BNG de Ames abstivéronse. Nesta moción ínstase ao goberno de España a regresar ao Pacto de Toledo e rexeitar a reforma imposta na Lei 23/2013 reguladora do factor de sustentabilidade e do índice de revalorización do sistema de pensións da Seguridade Social.

Os concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval presentaron unha moción para a restitución simbólica nos seus cargos da corporación democrática destituída en xullo de 1936, na que Óscar Lojo Batalla era o alcalde de Ames. Esta moción saíu adiante por unanimidade de toda a corporación municipal.

Os concelleiros/as non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García presentaron dúas mocións. Na primeira moción ínstase ao goberno central para que a oficina de Correos do Milladoiro abra en horario de tarde, unha moción que xa fora presentada igual no ano 2008 polo grupo municipal popular. Na segunda moción, presentada por vía de urxencia, ínstase á Xunta de Galicia a rematar os trámites da concentración parcelaria Bugallido-Biduído II. Esta moción foi apoiada polo goberno municipal, xa que entende que están próximos a rematarse ditos traballos, despois de moitos anos de espera. Dende o goberno estase colaborando coa Xunta de Galicia para acadar ese fin. Ambas as dúas mocións foron aprobadas por unanimidade.



Contido relacionado


El Correo Gallego "El servicio del agua provoca el cruce de acusaciones en el pleno de Ames"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames deja sobre la mesa la reforma del mercado de Milladoiro"