Pestanas principais

O Pleno aproba de xeito definitivo o Orzamento municipal de 2020

Venres, 01 de maio de 2020

Este xoves, 30 de abril, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de abril, a través da aplicación Councilbox. A sesión foi celebrada de forma telemática e reproducida en directo por streaming. A Corporación municipal aprobou todos os puntos da orde do día. Deste xeito, aprobouse de xeito definitivo o Orzamento municipal de 2020, que ascende a cifra de 27.370.000 euros. Ademais, aprobouse a corrección de proxectos do POS 2020; a resolución da alegación e aprobación definitiva da Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames; o expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño; e maila resolución da alegación e aprobación definitiva da terceira modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal.

O pleno comezou cun minuto de silencio en recordo das persoas falecidas pola pandemia da Covid-19. A continuación, o alcalde deu conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria e aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario de marzo celebrado o pasado 16 de abril.
 
Un dos puntos máis importantes abordados na sesión plenaria deste 30 de abril foi a aprobación definitiva do Orzamento municipal de 2020, que ascende a cifra de 27.370.000 euros, incrementando en 1.370.000 euros (5,29%) respecto do presuposto de 2019. Trátase do maior orzamento municipal aprobado no Concello de Ames. Recolle un forte compromiso nos capítulos de investimentos, desenvolvemento dos servizos básicos, e blinda as áreas de educación e servizos sociais. Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno municipal e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os concelleiros/as do Partido Popular votaron en contra, mentres que o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.
 
O Orzamento municipal de 2020 foi aprobado de xeito inicial no pleno extraordinario do pasado 20 de febreiro de 2020. A partir de aí someteuse a un período de exposición pública a efectos de exame e reclamacións. O prazo de exposición publica comprendía do 26 de febreiro ata 17 de marzo. O 14 de marzo de 2020 á vista da alarma sanitaria orixinada pola COVID-19 o Goberno do Estado declarou o estado de alarma en todo o territorio español, mediante o Real decreto 463/2020. A disposición adicional terceira de dito decreto regula a suspensión de prazos administrativos, e de acordo coa mesma os prazos de exposición quedaron en suspenso.
 
Debido a iso a exposición pública do orzamento municipal de 2020 suspendeuse debido á declaración do estado de alarma, cando quedaban dous días para finalizar dita exposición. Posteriormente, no pleno ordinario de marzo, celebrado o pasado 16 de abril, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a reanudación do prazo do trámite de exposición pública do Orzamento 2020.
 
Desestimación da alegación presentada
Durante o prazo de exposición pública do Orzamento municipal e antes de proclamarse o estado de alarma, presentouse unha única alegación, subscrita por parte do sindicato de CCOO de Galicia, o 9 de marzo de 2020. En dita alegación solicitábase unha partida maior, dentro do Capítulo I de persoal, para a compensación por traballo en período festivo, nocturno e distorsión horaria. A partida consignada e aprobada por maioría na Mesa xeral de negociación, é de 135.000 euros, mentres que na alegación solicitábase unha partida de 162.376 euros. Dita alegación foi informada por Secretaría e Intervención municipal e ditaminada na Comisión informativa de Facenda, celebrada o pasado 13 de abril de 2020, propoñendo a súa desestimación.
 
A concelleira Economía e Facenda, Genma Otero, destacou a "importancia de aprobar o Orzamento municipal para o exercicio 2020, xa que vai a garantir a implementación de programas e medidas de apoio á cidadanía e ás empresas do noso concello, que axudarán a aliviar as súas economías, danadas pola situación actual que estamos a vivir. Teremos que reformular dito orzamento, debido á situación económica derivada da pandemia da Covid-19, para artellar novas medidas e axudas para tratar de paliar as consecuencias da situación económica que nos tocou vivir neste 2020".
 
Corrección de proxectos do POS 2020
Outro dos asuntos que se abordaron no pleno ordinario de abril foi a corrección dos proxectos do POS 2020, aprobados no pleno do 18 de decembro de 2019. Este asunto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal. As correccións, que son de tipo técnico, afectan aos proxectos de reparación e mellora da Casa da Cultura do Milladoiro e outros; execución de gradas e vestiarios en Aldea Nova; mellora de interiores en Rúa (Piñeiro); execución dunha senda peonil en Lapido (Ortoño); e mellora dos vestiarios e do muíño da praia fluvial de Tapia.
 
Ao mesmo tempo, aprobouse unha nova solicitude de participación no POS+ 2020 na que se recollen 150.000 euros para financiamento de gastos corrente; 871.278,10 euros para financiamento de investimentos (dos cales 867.210,30€ son achedados pola Deputación e 4.067,80€ son de fondos municipais propios); e 4.067,80 euros para a redución de débeda con entidades financeiras (amortización de débeda).
 
A contía total de fondos provinciais que lle corresponde ao Concello de Ames é de 1.021.278,10 euros (a Achega de 2020 é de 473.855,73€; a Achega de 2019 é de 114.677,41€; e o préstamo de 2020 ascende a 432.744,96€). Ademais, aprobouse o Plan Complementario do ano 2020 no que se inclúen cinco proxecto por valor de 938.920,40 euros.
 
Aprobación definitiva da terceira modificación puntual do ROM
Por outra banda, aprobouse a resolución da alegación e aprobación definitiva da terceira modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal (ROM). Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e de Ciudadanos, José Ramón Oulego. Os concelleiros/as do Partido Popular votaron en contra.
 
Na sesión plenaria celebrada o pasado 26 de decembro de 2019 aprobouse inicialmente a terceira modificación do regulamento orgánico municipal (ROM) do Concello de Ames. A modificación afecta unicamente aos artigos 10 e 15, onde se regulan as comisións informativas e a xunta de voceiros. Durante o prazo de exposición pública presentouse unha alegación que afecta o artigo 51 do ROM.
 
Tal e como figura no informe de Secretaría proponse a desestimación da alegación presentada, xa que a mesma non ten relación co contido da terceira modificación do ROM. Por conseguinte, o Pleno aprobou definitivamente a modificación dos artigos 10 e 15 do Regulamento Orgánico Municipal, aprobada inicialmente por acordo plenario de data 26 de decembro de 2019.
 
Investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño
Ademais, aprobouse o expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño. Sobre este asunto hai que lembrar que hai pouco máis dun ano un grupo de veciños/as fixeron unha solicitude para incorporar ao inventario municipal un camiño existente no lugar do Casaliño.
 
Tramitado o correspondente expediente de investigación figura no informe da técnica municipal de Secretaría e da secretaria municipal, que non queda acreditado que o camiño é un ben de dominio público, sendo en consecuencia a súa titularidade privada. Este asunto foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e de Ciudadanos, José Ramón Oulego. Os concelleiros/as do Partido Popular abstivéronse.
 
Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames
Por último, aprobouse a resolución da alegación e maila aprobación definitiva da Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames. No pleno do 26 de decembro de 2019 prestouse aprobación provisional a modificación da Ordenanza fiscal xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e dos ingresos de dereito público do Concello de Ames. Durante o trámite de información pública presentouse unha alegación contra o artigo 19, titulado Medios de pago, que foi informada desfavorablemente pola tesoureira municipal.
 
Polo tanto, o Pleno aprobou de xeito definitivo dita ordenanza co voto a favor dos membros do goberno municipal. Os concelleiros do grupo municipal popular votaron en contra, mentres que os concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstivéronse.
 
O alcalde sinalou ao final da sesión plenaria, que espera poder retomar os plenos de forma presencial para o mes de maio, e congratulouse da boa experiencia destes plenos telemáticos celebrados, que permitiron que o Concello de Ames fose un dos poucos que continuou coa actividade municipal.
 
 
Novas relacionadas: 
 
Imaxe do pleno telemático deste xoves 30 de abril de 2020

Multimedia

  • Imaxe do pleno telemático deste xoves 30 de abril de 2020
  • Imaxe do pleno telemático deste xoves 30 de abril de 2020
  • Imaxe do pleno telemático deste xoves 30 de abril de 2020
  • Imaxe do pleno telemático deste xoves 30 de abril de 2020