Pestanas principais

O pleno aproba de xeito definitivo o Orzamento de 2017 e a resolución de recursos presentados á adxudicación da xestión do Ciclo integral da auga

Martes, 30 de maio de 2017

[30-05-2017] Este luns, 29 de maio, celebrouse o pleno ordinario de maio no que se resolveron as catro alegacións presentadas á aprobación inicial do orzamento municipal. Deste xeito, apróbase de xeito definitivo o o presuposto de 2017. Tamén se aprobou a resolución dos recursos de reposición e alegacións presentadas sobre o Ciclo integral da auga; o cambio de uso de docente a social da antiga escola unitaria de Firmistáns; a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro para que así poida ter unha bonificación do 95% do ICIO; a aprobación do plan estratéxico de subvencións municipais de 2017, 2018 e 2019; e a ratificación dun decreto no que se emenda un erro dun proxecto incluído no POS+ 2017. Ademais, aprobouse unha moción presentada por vía de urxencia por Pacto por Ames para a construción dunha senda peonil entre Lamas e Proupín.

O pleno comezou coa aprobación por unanimidade da declaración de "especial interese" das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro, para que así poida ter unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras. Unha vez aprobado este punto en pleno, o goberno municipal notificarallo á Xunta de Galicia para que o SERGAS abone as taxas correspondentes ao ICIO e á licenza de obra. De seguido, debateuse a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva do orzamento municipal para este exercicio 2017.

Cómpre lembrar que o Orzamento de 2017 foi aprobado de xeito inicial o pasado 18 de abril. Posteriormente, abriuse un período de 15 día hábiles de exposición pública durante os cales se presentaron catro alegacións. Unha foi presentada polo grupo municipal do partido popular e as outras tres por Manuel Ferreiro Santiago (persoal eventual de Pacto por Ames), Ramón García Argibay e María González Gómez (concelleiro/a do grupo municipal de Pacto por Ames da actual corporación municipal). Estas tres alegacións foron presentadas na súa condición de persoas físicas. As devanditas alegacións foron inadmitidas, en base aos informes técnicos, co voto a favor dos membros do grupo de goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os edís do grupo municipal popular, Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López, votaron en contra.

Por outra banda, a corporación municipal abordou a resolución dos recursos de reposición e alegacións presentadas aos acordos plenarios do 29 de decembro de 2016 e 14 e febreiro de 2017 de adxudicación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga e de solicitude de informe a Idom Consulting Engineering Architecture SAU. Este punto saíu adiante co voto a favor do goberno municipal e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular, Pacto por Ames e Ames Novo abstivéronse.

No seguinte punto aprobouse por maioría absoluta a resolución do recurso de reposición presentado contra o acordo plenario do 14 de febreiro de 2017, polo que se decidiu suspender o inicio de prestación do servizo do contrato asinado coa empresa adxudicataria, Espina y Delfín, SL, o pasado 27 de xaneiro de 2017. Neste caso votaron a favor os membros do goberno, Ames Novo, Partido Popular e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os tres edís de Pacto por Ames abstivéronse.

Estes dous puntos debatéronse de forma conxunta. Dende o goberno municipal destacaron a necesidade de resolver esta situación que levaba estancada dende o pasado mes de xaneiro debido aos recursos de reposición e alegacións presentadas. Tamén se salientou a transparencia do proceso de contratación do Ciclo integral da auga no que participaron todos os grupos políticos municipais. A intención é que o vindeiro día 16 de xuño entre a traballar a nova empresa, Espina e Delfín, adxudicataria do Ciclo integral da auga.

Ademais, tratouse a ratificación dun decreto no que se emenda un erro detectado no proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas, que foi incluído no POS+ 2017. Este tema foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno, Ames Novo, Partido Popular e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os tres edís de Pacto por Ames abstivéronse.

Cambio de uso da antiga escola unitaria de Firmistáns
O Concello de Ames solicitou unha subvención por ser membro do GDR Terras de Compostela, para realizar unha actuación na antiga escola unitaria de Firmistáns. Para realizar dita actuación é preciso cambiar o uso da escola de docente a social. No caso de realizar actuacións neste local reservarase un espazo e uso para veciñanza deste lugar. Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno, Ames Novo, Partido Popular e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os tres edís de Pacto por Ames abstivéronse.

Outro dos asuntos tratados foi a aprobación do plan estratéxico de subvencións municipais de 2017, 2018 e 2019 que conterá os obxectivos e os efectos que se pretenden coa aplicación e dito plan, o prazo necesario para a súa consecución, os custes previsibles, e as súas fontes de financiamento. Este tema saíu adiante co voto a favor dos membros do grupo de goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os edís do grupo municipal popular, Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López, abstivéronse.

Conforme á lexislación vixente era preciso aprobar dito plan. A través da aprobación deste plan establécese un calendario de subvencións polo que se vai a rexer o Concello os anos 2017, 2018 e 2019. Este plan ten un carácter estratéxico e programático. As subvencións que se inclúen dentro deste plan teñen que dispor de dotación orzamentaria. Estas axudas quedarán supeditadas a criterios obxectivos, que se reflectirán nas bases que se publicarán.

Por último, o grupo municipal de Pacto por Ames presentou unha moción por vía de urxencia para a construción dunha beirarrúa ou senda peonil entre os lugares de Lamas e Proupín, pertencentes á parroquia e Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade. O pleno rematou cun minuto de silencio en repulsa dos actos de violencia de xénero acontecidos a pasada fin de semana.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El presupuesto de Ames entra en vigor tras el rechazo de alegaciones"
El Correo Gallego: "Ames da luz verde a un presupuesto tras 5 años y libera el ciclo del agua"