Pestanas principais

O Pleno aproba de xeito definitivo a modificación da ordenanza que supón a rebaixa do 50% da taxa pola recollida do lixo no rural comprometida polo Goberno amiense

Venres, 21 de decembro de 2012

[21-12-2012] O pleno do Concello de Ames, reunido esta mañá en sesión extraordinaria, deu aprobación definitiva, cos votos a favor do grupo popular e en contra dos grupos da oposición, á modificación da ordenanza fiscal que implica a rebaixa do 50% da taxa pola recollida do lixo no rural comprometida polo Goberno amiense cos veciños. Con esta aprobación, o Concello fixa no rural a tarifa máis baixa de todos os municipios da comarca, que suporá que os veciños e veciñas paguen pola recollida do lixo 37,9 euros anuais, liquidados en importes trimestrais de 9,48 euros. A celebración do pleno esta mañá era fundamental para aprobar a ordenanza e para que sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia co fin de que entre en vigor o 1 de xaneiro.

A ordenanza foi aprobada inicialmente no mes de outubro unicamente cos votos a favor do grupo municipal popular, abríndose un período de exposición pública durante o que se presentou unha reclamación, que hoxe foi levada a pleno. Na sesión plenaria, e ante as críticas da oposición, o alcalde de Ames, Santiago Amor, recordoulle aos concelleiros/as da oposición que foi no pleno do 25 de outubro cando tiveron a oportunidade de presentar reclamacións a esta ordenanza, algo que non fixeron.

Na reclamación solicitábase que se incorporase á ordenanza a mención de que as vivendas non habitables non pagasen as taxas por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana. Esta reclamación non foi admitida a trámite xa que non afectaba á parte da ordenanza que foi obxecto de exposición pública, que era a rebaixa da taxa. Con todo, no informe elaborado polos técnicos municipais establécese que esta decisión tómase sen perxuízo de que a reclamación poida ser tida en conta, previos informes oportunos para a modificación no seu día do texto da ordenanza.

Ademais, no informe tamén se establece que o pretendido polos reclamantes coincide coa interpretación que desde o Concello se vén facendo da actual ordenanza. O Concello xa está levando a cabo as comprobacións das alegacións e recursos á taxa do lixo no rural que se corresponden con vivendas que non reúnen as condicións de habitabilidade necesarias. As comprobacións, das que ata o momento se fixeron preto de 200, estanse realizando en colaboración entre técnicos municipais de Urbanismo e membros da Policía Local, que visitan as propiedades co fin de comprobar se reúnen ou non as condicións de habitabilidade.

Nesta modificación da ordenanza, inclúese a rebaixa do 50% da taxa da recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013. O importe da taxa do lixo no rural, onde a recollida ten lugar en días alternos, queda fixada no caso das vivendas en 37,9 euros anuais, liquidados en importes trimestrais de 9,48 euros, a metade da tarifa xeral. Cúmprese así o compromiso do Goberno amiense cos veciños e veciñas do rural.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames saca adiante a aprobación definitiva da rebaixa do 50 % da tarifa do lixo no rural"