[30-06-2017] Este xoves, 29 de xuño, celebrouse o pleno ordinario de xuño no que se aprobou por unanimidade a creación da agrupación de voluntarios/as de protección civil e a aprobación inicial do seu regulamento. Outros temas aprobados por unanimidade foron a aceptación do cambio de titularidade da estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova, para que pase a ser de titularidade municipal; a terceira modificación puntual da RPT; a revisión de prezos para o exercicio de 2017 do contrato con Urbaser; e mailo convenio de colaboración para a xestión do programa Área de Santiago. Asemade, aprobáronse cinco propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López, así como tres mocións presentadas por vía de urxencia. Genma Otero, primeira tenente de alcalde, exerceu como alcaldesa debido á ausencia do rexedor municipal, José Miñones, por motivos persoais.
A corporación municipal aprobou por unanimidade a creación dunha agrupación de voluntarios/as de protección civil. O Concello de Ames ao pasar dos 20.000 habitantes está obrigado por lei a dispor deste servizo, polo que todos os grupos políticos municipais coincidiron na importancia de crear este grupo de voluntarios/as que traballará de xeito conxunto coa Policía Local. Este é o primeiro paso para avanzar neste dirección e cumprir coa legalidade neste eido. Tamén se destacou que é un paso importante pola boa labor que realiza unha agrupación deste tipo cando está ben organizada.
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a aceptación do cambio de titularidade da estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova, para que pase a ser de titularidade municipal. Trátase dun acordo ao que se chegou xa anos atrás con gobernos anteriores, pero que non se fixo efectivo. A estrada AC-448 ten unha lonxitude de 1,27 quilómetros e pertence á rede secundaria de estradas de Galicia e discorre polos concellos de Ames e Negreira. Así, a corporación municipal acepta ao seu favor o cambio de titularidade do teito da estrada AC-448, dende o seu inicio na intersección coa AC-544 no lugar e Piñor (punto quilométrico 0+000) ata o límite do Concello de Ames na metade da ponte (punto quilométrico 0+830).
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a terceira modificación puntual da Relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames co obxectivo de contratar un/unha traballador/a social e pasar a xornada completa un/unha educador/a familiar, que actualmente está a media xornada. Esta ampliación de persoal está dotada de presuposto no Orzamento de 2017. Os diferentes grupos da corporación municipal coincidiron en destacar a necidade de incrementar o persoal do departamento de Servizos Sociais que permitirá unha mellor atención á veciñanza amesá, aínda que isto non soluciona o problema de falta de persoal que existe neste e noutros departamento municipais.
Ademais, aprobouse por unanimidade a revisión de prezos para o exercicio de 2017 do contrato con Urbaser. O coeficiente de actualización proposto para este período de revisión é de 1,1472 polo que o prezo do contrato pasará a ser no ano 2017 de 644.095,08 euros. A actualización terá efectos dende o 1 de xaneiro de 2017.
Tamén se lle deu luz verde por unanimidade á aprobación do convenio de colaboración para a xestión do programa “Área de Santiago”, que promove a unión de 17 concellos dos cales tres son novos integrantes (Ames, Brión e Teo). Este é o primeiro paso para que Ames pase a formar parte da “Área de Santiago”. Unha vez aprobado este convenio nos plenos dos respectivos Concellos integrantes, asinarase de xeito oficial o convenio de colaboración. Os grupos municipais mostráronse satisfeitos pola integración de Ames neste programa que levaba tempo paralizado e animaron ao goberno a que se se poña en marcha a comisión especial sobre desenvolvemento turístico de Ames, que segundo dixo o propio goberno comezará a funcionar proximamente.
Propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e por Javier López
Asemade, tratáronse cinco propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López. En primeiro lugar abordouse unha proposta presentada polo concelleiro non adscrito, Javier López, para solicitarlle á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial, que acorde deixar sen efecto a decisión de dita comisión do 25 de maio de 2017, xa que causa prexuízo aos cidadáns e dificulta o acceso á xustiza, contravindo o artigo 24 da Constitución Española, e o dereito á tutela xudicial efectiva. Asemade, tamén recolle comunicarlle o resultado desta moción á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial e a Deputación da Coruña para que se aprobe dita moción nos plenos do resto de municipios. Esta proposta foi aprobada por unanimidade.
En segundo lugar, a proposta presentada por Pacto por Ames para habilitar unha liña de subvencións para deportistas de elite, individuais ou con alta proxección nacional e/ou internacional, foi retirada da orde do día porque segundo manifestaron “o goberno municipal está traballando nunha iniciativa deste tipo e vamos agardar a coñecer o documento final para non interferir no traballo que se está desenvolvendo”.
Outras das propostas presentadas por Pacto por Ames, que tamén foi aprobada por unanimidade, recolle a creación dunha tarxeta cidadá única para o acceso aos servizos públicos existentes e que serva como medio de identificación (xunto ao DNI). Ademais, recóllese nesta proposta a posta en marcha dunha campaña de empadroamento na que se poña en valor as vantaxes de estar censado en Ames, e unha vez posta en marcha dita tarxeta, incrementar outras funcionalidade como servizo de acceso a bibliotecas, bonificacións, acceso ás instalacións deportivas, etc.
A terceira e última proposta presentada por Pacto por Ames foi sobre o acondicionamento xeral da zona de Cantalarrana, Carballido e arredores. Para iso solicitouse que se contemple a posibilidade de destinar unha partida específica do Orzamento de 2017 para este fin, así como manter unha xuntanza cos veciños/as que residen nesta zona para fixar as principais actuacións que son necesarias realizar e facer unha análise urbanística para lograr a mellor forma de desenvolvemento priorizando o beneficio da veciñanza. Esta proposta foi aprobada co voto a favor dos membros de Pacto por Ames, Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as goberno e de Ames Novo abstivéronse.
Por último, abordouse a proposta de Ames Novo que recolleu a derogación do R.D. 16/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a substentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a non aplicar no territorio galego este Real Decreto por medio da posta en marcha dos instrumentos normativos axeitados. Esta proposta foi aprobada co voto a favor dos membros do goberno e de Ames Novo, mentres que os concelleiros/as de Pacto por Ames, Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López, votaron en contra.
Mocións por vía de urxencia
O goberno municipal presentou dúas mocións por vía de urxencia. Unha delas para a mellora das condicións económicas do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Ames para a xestión do servizo de comedor escolar en cinco centros educativos do concello (CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro). O convenio existente finaliza este venres 30 de xuño. A previsión para o próximo curso escolar é que haxa 1.254 usuarios/as neste servizo municipal. Esta moción foi aprobada por unanimidade.
A segunda moción presentada polo goberno foi para a aprobación do proxecto técnico Camiño en Quintáns (Ameixenda) e outros, que conta cun importe de execución por contrata de 52.250, 22 euros. Este proxecto contempla melloras nos camiños de Quintáns (Ameixenda), camiño de Pegariños - San Fins – límte do Concello con Brión e dun camiño na parrquia de Covas. Esta moción foi aprobada por unanimidade.
Asemade, as concelleiras da corporación municipal presentaron unha moción instando ao Goberno do Estado a aumentar nos Orzamento de 2017 a asignación destinada á loita contra a violencia de xénero e para desenvolver políticas de igualdade. Esta moción, que foi aprobada por unanimidade, presentouse debido ao número incesante de mulleres e criaturas asasinadas polas violencias machistas no que vai de ano e ante o incremento do número de denuncias (2,3%) e o número de mulleres con ordes de protección e/ou medidas cautelares (7%), que en 2016 aumentaron respecto ao ano anterior, así como ante a prevista aprobación dos Orzamento xerais do Estado de 2017 e da proposta da subcomisión do congreso de Deputados/as de “Pacto de Estado” conta a violencia de xénero.




