Pestanas principais

O Pleno aproba a Conta Xeral de 2019 que amosa un superávit de 1.270.000 euros e un remanente de tesourería de 9.250.000 euros

Xoves, 25 de febreiro de 2021

Este mércores, 24 de febreiro, celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal aprobou por maioría absoluta a Conta Xeral de 2019. Previamente, a Conta Xeral de 2019 foi ditaminada favorablemente o pasado 15 de xaneiro pola Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas. Posteriormente, abriuse un período de exposición publica que finalizou este luns 22 de febreiro. Despois de finalizar todos os trámites de ditame e exposición pública a Conta Xeral foi aprobada polo pleno do Concello de Ames, e de seguido, renderase ante o Consello de Contas. Dentro da Conta Xeral a liquidación orzamentaria é a parte máis importante e na que se reflicten a execución do orzamento de gastos, ingresos e o resultado orzamentario, así como outras magnitudes coma o remanente de tesourería e superávit.

En primeiro lugar, a Corporación municipal ratificou por unanimidade a urxencia da convocatoria de dita sesión plenaria. De seguido, a Concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta das principais magnitudes da Conta Xeral de 2019. Genma Otero dixo “a Conta Xeral é onde se reflicte os resultados económicos, que neste caso nos dan información do exercicio 2019. O Concello de Ames pechou o exercicio 2019 cun superávit de 1.270.000 euros e un remanente de tesourería de 9.250.000 euros, medrando ano tras ano as cifras de execución orzamentaria, acadando a cifra de obrigas recoñecidas (gastos) os 23.130.000 euros e a cifra de dereitos recoñecidos netos (ingresos) de 24.520.000 euros, cun resultado orzamentario axustado de 2.400.000 euros, continuando o orzamento na senda de equilibrio, solvencia e estabilidade orzamentaria”.  

No tocante á liquidación do orzamento de gastos, na Conta Xeral de 2019 recóllense unhas obrigas recoñecidas netas de 23.130.000 euros, un 9,49% máis que as obrigas recoñecidas no 2018 que foron de 21.130.000 euros, o que supón un incremento en gastos de 2.000.000 euros. No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.520.000 euros (no exercicio 2018 foron de 24.790.000 euros), diminuíndo preto en 270.000 euros (nun 1%) os ingresos ou dereitos recoñecidos netos respecto do ano anterior.

Estabilidade orzamentaria
Os datos da liquidación do exercicio de 2019 amosan que se continúa na senda do equilibrio orzamentario, xa que a cifra total de ingresos por operacións correntes foi de 23.070.000 euros. Unha cifra que é superior a cifra total de gasto corrente que ascendeu a 20.530.000 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano, cunha diferencia de marxe de 2.540.000 euros. Todas estas magnitudes arroxan un resultado orzamentario axustado positivo de 2.400.000 euros e un superávit foi de 1.270.000 euros.

Outra das magnitudes máis importantes que hai que ter en conta é o remanente de tesourería (dispoñibilidades líquidas e dereitos pendentes de cobro/obrigas pendentes). Ao peche do exercicio 2019 o remanente de tesourería ascendeu á cantidade de 9.250.000 euros, cun incremento do 9,55% respecto do ano 2018 que era de 8.450.000 euros, sigue medrando a pesar de que en decembro de 2017 se amortizase a totalidade da débeda bancaria que existía a esa data, e que era de 2.774.350,42 euros.

Débeda do Concello de Ames
Durante o exercicio 2019 concertouse unha operación de débeda a longo prazo, para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas dentro do Plan Impulsa Ames, da EDUSI, por importe de 312.127,29 euros que sumados aos 222.895,50 euros concertados no 2018 para a mesma finalidade (EDUSI), fan un total de 535.022,79 euros, única débeda bancaria contraída a data do 31/12/2019 polo Concello de Ames.

O resto da débeda provén dos préstamos provinciais da Deputación da Coruña (PAI), incluídos nos POS. Polo tanto o Concello ten un nivel de débeda viva moi baixo, pois sitúase nunha porcentaxe dun 9,93% cando o límite legalmente establecido é dun 110%. Estas cifras deixan marxe de manobra para afrontar outras operacións que se precisen no marco das actuacións da EDUSI, así como para afrontar gastos extraordinarios para cubrir as necesidades que xurdan motivadas pola situación de crise provocada pola pandemia da Covid-19.

Regra de gasto
O límite legal da regra de gasto no exercicio 2019 era de 19.819.756,43 euros e neste exercicio o Concello de Ames cumpriu a regra de gasto, xa que o gasto computable para o cálculo de dita regra de gasto foi de 19.765.218,72 euros, quedando 54.537,71 euros de marxe ata acadar o límite.

Valoración da Conta Xeral por parte da oposición
Por parte da oposición, o primeiro en intervir foi o concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, que manifestou “que dende o ano 2017 o departamento de Intervención vén realizando diversos informes de reparo debido a que hai contratos que pasan dos importes de contratos menores, pero aínda así seguen sen licitarse. Isto débese a unha falta de planificación de gasto por parte do goberno municipal o que deriva nun abuso de contratos menores”. Oulego tamén incidiu “na alta presión fiscal incrementada coa suba do IBI e as altas taxas que ten que pagar a veciñanza de Ames”.
 
De seguido, interviu o concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, que destacou “a composición dos ingresos por tributos e taxas fai que as taxas municipais teñan un enorme peso dentro de ditos ingresos. Un 42,40% dos ingresos son polo cobro de taxas, unha proporción moi alta, incluso en relación a como é esa composición dos ingresos noutros concellos de similar tamaño a Ames. Ese peso das taxas incrementouse en 2019 en cinco puntos respecto do 2018. É algo que deberíamos reflexionar. Ademais, hai unha caída de 740.000 euros no capítulo de ingresos, que supón un impacto grande”. Tamén destacou “a baixa porcentaxe do nivel de execución de investimentos en 2019”.

O voceiro do grupo municipal popular, Ramón García Argibay, explicou que a Conta Xeral de 2019 reflicte que “a carga impositiva está no mesmo índice e disparáronse as taxas municipais. Esta Conta Xeral é froito da xestión deste grupo de goberno que non xestiona e non ten planificación algunha”. O voceiro do PP de Ames tamén incidiu no “alto número de informes de reparo que evidencian a omisión de licitación pública e mailo abuso de contratos menores”. Por último, Ramón García Argibay destacou “o baixo nivel de execución de investimento en 2019 que foi do 24,60%”.     

Finalmente, a Conta Xeral de 2019 foi aprobada co voto a favor do concelleiros e concelleiras do Grupo de goberno e mailos concelleiros do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, e Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Aprueban al límite la conta xeral de Ames para no perder ayudas"

Imaxe do pleno extraordinario do 24 de febreiro de 2021