Pestanas principais

O Pleno aproba a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2014

Venres, 27 de novembro de 2015

[27-11-2015] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de novembro no que se abordaron diferentes temas de vital importancia para o Concello de Ames. No eido económico aprobouse a Conta Xeral de 2014 e unha transferencia de crédito para o financiamento da construción da nova escola infantil de Bertamiráns. No apartado de investimentos e obras aprobouse por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan de Acción Social (PAS) 2015, a través da convocatoria PAS convenios, e mailo proxecto técnico do parque infantil accesible que vai executar na área deportiva do Milladoiro. Por último, aprobouse por unanimidade unha moción presentada por Ciudadanos para o nomeamento honorífico de Maximino Viaño García como cronista oficial do Concello de Ames.

A corporación municipal aprobou por maioría absoluta cos votos a favor do goberno municipal e dos concelleiros/as dos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames, e a abstención do concelleiro de Ciudadanos, a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2014. A Conta Xeral reflicte que o Concello pechou o 2014 cun remanente de tesourería, que é un indicador da capacidade de autofinanciamento do Concello, de 1.642.561,36 euros.

Dentro da Conta Xeral un dos documentos máis importantes onde se reflicten as principais magnitudes é a liquidación orzamentaria que se estrutura en tres partes diferenciadas (liquidación do orzamento de gastos, de ingresos e o resultado orzamentario). Como cifras significativas hai que destacar que as obrigas recoñecidas netas ascenden a 19.015.191,53 euros, cunha porcentaxe de execución do orzamento de gastos do 87,50%. E os dereitos recoñecidos netos foron de 20.682.484,14 euros, cunha porcentaxe de execución do orzamento de ingresos do 79,30%. Estas cifras arroxan un resultado orzamentario do exercicio 2014 (cos axustes polas desviacións) cun superávit de 1.891.613,75 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “o resultado orzamentario do exercicio habería que interpretalo e analizalo tendo en conta moitas variables que minorarían o seu importe. Unha delas é que no gasto de capital (capítulo VI- investimentos reais) non se executou gran cantidade de actuacións previstas no orzamento onde existía un crédito definitivo de 2.107.395,87 euros e tan só se executou nun 43,84%, é dicir 923.790,41 euros. Isto quere dicir que se non se fixeron actuacións en investimentos por un importe de 1.183,605,42 euros, o 56,16% do crédito total do capítulo VI. Isto mostra a inactividade do goberno do PP que non deu resposta ás demandas dos veciños/as de Ames, e a nós parécenos un despropósito”.

Achegas económicas en favor dos grupos políticos
Como novidade nesta Conta Xeral incluíse un informe de seguimento das achegas económicas de carácter mensual recoñecidas polo Pleno en favor dos grupos políticos municipais. Este informe, que a partir de agora formará parte das sucesivas contas xerais, inclúese co fin de favorecer a transparencia na Administración local. Deste xeito, deuse conta do resultado deste seguimento das achegas dos grupos durante os anos 2011, 2012, 2013 e 2014, onde o PSOE entregou todos os xustificantes en prazo e forma, o PP entregounos fóra de prazo e non aportou os movementos da conta bancaria e o BNG xustificou tamén fóra de prazo con máis de dous anos e medio de atraso e ten que xustificar aínda unha parte dos gastos que non se xustificaron e que ascenden a 1.601,47 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, recordou que “aínda que esta aprobación da Conta Xeral do 2014 sempre leva aparellado un debate da xestión do orzamento, temos que saber que aprobar esta conta non supón aceptar nin estar de acordo coa xestión realizada polo equipo de goberno correspondente. Unha mostra diso é que este equipo de goberno estando totalmente en desacordo coa xestión realizada polo anterior equipo de goberno vai votar a favor da súa aprobación por unha cuestión de responsabilidade. O que se está a votar é si se está de acordo co reflexo contable (documento técnico) do exercicio orzamentario e con esta aprobación se permite que os órganos de fiscalización externos (Consello de Contas) poidan facer a súa labor de control e fiscalización das contas”.

Transferencia de crédito para a nova escola infantil de Bertamiráns
Outros dos temas económicos que se abordaron foi a aprobación por unanimidade dunha transferencia de crédito para o financiamento da construción da nova escola infantil de Bertamiráns, que se está executando nunha parcela próxima ao paseo fluvial desta localidade. O Concello e o Consorcio teñen asinado un convenio para a construción desta escola infantil, mediante o cal se estableceu que a Xunta de Galicia achega o 60% e o Concello o 40% restante.

PAS 2015- Convenios
No eido de investimentos e obras o Pleno aprobou por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan de Acción Social (PAS) 2015, a través da convocatoria PAS convenios. Ademais, aprobouse solicitarlle ao ente provincial a inclusión da subvención nominativa que xa se tiña solicitada para a execución de investimentos, que estaban pendentes de aprobación e que pasa a incluírse neste Plan como son o parque infantil accesible, que se vai construír nas inmediacións da Travesía do Porto por un importe de 68.769 euros, e o proxecto denominado “conexión ao polígono industrial dende a avenida do Muíño Vello ata a estrada de Ventín no Milladoiro”, que conta cun presuposto por contrata de 144.878,53 euros, e cuxo obxecto primordial consiste en crear un acceso rodado para o instituto do Milladoiro.

Os trámites levados a cabo en relación con estas posibles actuacións redundaron en que estes proxectos xa teñen crédito nas partidas correspondentes do orzamento provincial aprobado, pero non foi aprobado o correspondente convenio de colaboración para levalos a cabo. Agora coa aprobación do pleno estas dúas actuacións serán incluídas dentro do PAS 2015 a través da convocatoria PAS – convenios. O Concello de Ames dedicará parte da asignación do PAS 2015 para o financiamento dos 28.975,71 euros que tería que achegar a Administración local para executar o proxecto de creación dun acceso rodado para o instituto do Milladoiro.

Asemade, aprobouse por maioría absoluta, cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros/as de Pacto por Ames e do Partido Popular, o proxecto técnico do parque infantil accesible que vai executar na área deportiva do Milladoiro. Na votación deste punto os concelleiros/as de Ames Novo e de Ciudadanos abstivéronse. Trátase do primeiro parque infantil accesible que se executará no termo municipal de Ames. Este espazo de xogo vai a ter tres zonas diferenciadas cun camiño polo medio do parque, que no futuro preténdese que estea unido cun acceso directo dende a Travesía do Porto. Este parque infantil disporá de varios elementos de xogo, dos cales a maior parte van a ser accesibles para nenos e nenas con discapacidade funcional. Inicialmente vai ter un acceso que descorrerá entre a pista polideportiva e a piscina municipal.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade a concesión de dúas achegas nominativas. Unha para a Asociación de Empresarios e Profesionais do Milladoiro (AEMI), por valor de 7.158 euros, para o financiamento do proxecto “XI Feira de Comercio Empresarios e Profesionais do Milladoiro” e outra para o Motoclub Ameixenda, por valor de 2.000 euros, para sufragar os gastos derivados da organización do campionato de Supercross “Gran premio Concello de Ames 2015”.

Outros dos puntos aprobados por unanimidade foi á revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ames, exercicio 2015, solicitada pola empresa Urbaser S.A. e que supón a aplicación do coeficiente de actualización do 1,220 pasando a ser o prezo do contrato para o 2015 de 686.660,68 euros. Antes de pasar ao apartado de mocións, aprobáronse tamén por unanimidade tres puntos relacionados coa modificación da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade; a modificación da ordenanza municipal reguladora da prestación de alimentos; e a modificación do regulamento do servizo municipal do transporte adaptado.

Recoñecemento honorífico a Maximino Viaño
No apartado para o control do goberno os concelleiros/as da corporación municipal debateron unha moción presentada polo grupo de Pacto por Ames para solicitar a implantación dunha comisaría da Policía Nacional no concello de Ames. Ao non existir consenso entre os diferentes grupos políticos municipais sobre este tema, finalmente o voceiro de Pacto por Ames decidiu retirar a devandita moción.

Por último, aprobouse por unanimidade unha moción presentada por Ciudadanos para o nomeamento honorífico de Maximino Viaño García como cronista oficial do Concello de Ames.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Las cuentas amienses de 2014 se cierran con un superávit de 1,9 millones"