- Tematica
Este xoves, día 11, celebrouse o pleno ordinario do mes de maio que foi o último do mandato 2019-2023. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou a creación da empresa pública empresarial Augas de Ames EPEL; a primeira modificación do plan estratéxico de subvencións do período 2023-2025; a modificación da ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames e un suplemento de crédito de 5.301.184,49 euros. Tamén se lle deu luz verde a aprobación da modificación de tres proxectos de obras e eficiencia enerxética e á adhesión do Concello á asociación Rede de cidades que camiñan. Os traballadores de Urbaser Ames, concesionaria do servizo de limpeza viaria e do punto limpo, manifestáronse diante da Casa do Concello e durante o transcurso do pleno entraron na sala de plenos para solicitar unha solución á folga indefinida que están mantendo para reclamar un novo convenio colectivo propio no que se recolla unha subida salarial equiparable ao incremento do IPC. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 242 decretos, do 1.188 ao 1.429.
A continuación, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta do decreto de aprobación da liquidación 2022. Destacou da liquidación que “no tocante aos gastos acada os 30.668.000 euros cun porcentaxe de execución moi elevado de gasto corrente. Estamos falando dunha porcentaxe de execución de gasto corrente dun 95,35%. Creo que é moi boa nova para o Concello falar deste alto porcentaxe de execución orzamentaria. No capitulo seis de investimentos reais acadouse a cifra de 5.600.000 euros de execución orzamentaria”.
Ademais, dixo que “no tocante aos ingresos tamén hai boas novas xa que o patrón de recadación se mantén sen ter que subir as taxas e mailos impostos nos últimos oito anos. Pasamos dunha recadación de 20.600.000 euros a 29.500.000 euros. Esa subida produciuse co incremento da capacidade recadadora. Este trigoberno puido captar recursos doutras administracións. Estas novas fontes de financiamento foi o que permitiu que dispuxemos de máis recursos, sumado ao incremento natural dos padróns. Deste xeito, houbo unha subida nos ingresos de 8.800.000 euros ao longo dos últimos oito anos. En canto ao remanente de tesourería acada a cifra de 8.042.000 euros. Por último sobre a débeda bancaria a nosa entrada no goberno era de cinco millóns e agora temos unha débeda de 528.000 euros que representa un volume do 2%”.
Genma Otero tamén deu conta da información periódica a render o Pleno, correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2023 (execución do orzamento ao remate do primeiro trimestre do ano, período medio de pago e información trimestral de morosidade). Neste apartado dixo que o período medio de pago a provedores está en 21,82 días, por debaixo dos 30 días que establece a lei.
No apartado de deliberación e acordo aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de abril. A continuación aprobouse por unanimidade a modificación de tres proxectos: o de pavimentación de viarios no núcleo de Cortegada, na Ameixenda; o de mellora de mobilidade na rúa Agrelo, e o de eficiencia enerxética da iluminación pública no parque empresarial do Novo Milladoiro; todos eles incluídos no programa POS+2023. As rectificacións deses tres proxectos, que foran aprobados na sesión plenaria do 13 de febreiro de 2023, comprenden deficiencias de índole formal indicadas no informes desfavorables emitidos polos Servizos Técnicos da Deputación da Coruña.
Plan estratéxico de subvencións do período 2023-2025
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a primeira modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames do período 2023-2025. Na sesión plenaria do 23 de febreiro de 2023 aprobouse dito plan estratéxico, e posteriormente detectouse a necesidade de proceder a súa modificación ao detectarse dous erros. Deste xeito, realizáronse as correspondentes rectificacións para detallar os obxectivos e os efectos do importe das subvencións a familias numerosas, que non aparecían definidos no plan por un erro de formato; así como incluír unha subvención nominativa á Unión de Consumidores de Galicia para colaborar no “Programa de información e asesoramento en materia de consumo para a cidadanía e actividades de natureza formativa e divulgativa”.
Ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames
Por outra banda, a Corporación municipal aprobou por unanimidade unha modificación da Ordenanza reguladora do Concello de Ames, que foi aprobada definitivamente no pleno do día 30 de outubro de 2014 e non sufriu cambios dende entón.
A proposta responde a unha petición asinada por 11 taxistas dos 15 cos que conta o concello de Ames, que presentaron unha solicitude de incremento das tarifas do servizo de taxi, acompañada do correspondente estudo económico. Esta solicitude baséase nos continuos incrementos nos custes de explotación da actividade e ten como finalidade manter o poder adquisitivo do colectivo dos taxistas, vistos os incrementos xeneralizados dos prezos que inciden directamente sobre eles, así como a repercusión da demanda do servizo como consecuencia da situación de crise económica e sanitaria vivida nos últimos anos.
A modificación proposta polo colectivo é do 3,08% sobre as tarifas vixentes, redondeando o resultado en 0,5 céntimos para adaptalo aos taxímetros, e incorporando tamén novos suplementos.
Suplemento de crédito
Así mesmo, na sesión plenaria aprobouse por unanimidade un suplemento de crédito de 5.301.184,49 euros. Este suplemento responde á necesidade e inaprazabilidade dos gastos que se pretenden financiar. Con el, búscase continuar con actuación vinculadas ao programa “Ames Progresa”, aprobado no ano 2021, que tiña como obxectivo poñer en marcha medidas para paliar a situación económica provocada pola Covid-19. Moitas das actuacións contempladas no programa foron iniciadas en 2022, pero non están rematadas, polo que se precisa unha dotación de crédito a través dun suplemento, ao non poder ser obxecto de incorporación de remanentes.
Por outro lado, o suplemento de crédito servirá para acometer novas actuacións no marco excepcional de regras fiscais que permiten afrontar investimentos que suporán un aforro para o Concello, ao reducir o mantemento de instalacións e infraestruturas. Así mesmo, empregarase para garantir a continuidade e remanente das actuacións incluídas na EDUSI Impulsa Ames, de forma que se poidan rematar os proxectos antes do prazo máximo establecido na estratexia que é o 31 de decembro deste ano.
Con este suplemento tamén se sufragarán os investimentos recollidos no Orzamento do ano 2022 para pagarse con préstamos; así como todos os gastos que a 31 de decembro de 2022 non contaban con crédito adecuado ou suficiente nese mesmo exercicio.
Adhesión á Rede de cidades que camiñan
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Ames á Rede de cidades que camiñan. Trátase dunha asociación comprometida coa mobilidade peonil, cuxo obxectivo é que as persoas que camiñan sexan as máximas protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público. A finalidade da asociación é o fomento da mobilidade peonil, e os seus obxectivos coinciden cos do Goberno municipal, polo que se propuxo subscribir os seus principios e adherirse a ela. A cota de pago que corresponde ao ano é de 600 euros.
Creación da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL
O último punto da orde do día foi a creación da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL. Concretamente o Pleno aprobou a constitución da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, que xestionará de xeito directo o servizo do ciclo integral da auga; os estatutos que rexerán esta entidade pública empresarial; adscribir a entidade pública empresarial ás instalacións e bens que figuran no inventario municipal; subrogar o persoal que procede da actual concesionaria Espina y Delfín (son 16 empregados); e clasificar a entidade pública Augas de Ames EPEL no grupo dous de acordo á disposición adicional 12 da lei 785 reguladora das bases de réxime local.
Este punto foi aprobado con 15 votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, da concelleira non adscrita, Luísa Feijóo, e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ames e mailo concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstivéronse.
Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames aprobou na sesión ordinaria do mes de abril a memoria xustificativa e o modelo do sistema de xestión do Ciclo Integral da Auga, que pasará a ter unha xestión directa a través dunha entidade pública empresarial local (EPEL).
Remate do mandato 2019-2023
Como o pleno celebrado este xoves 11 de maio foi o último do actual mandato 2019-2023 o alcalde deulle a palabra a varios dos concelleiros e concelleiras para despedirse xa que van deixar a vida política. Deste xeito, despedíronse o concelleiro do grupo municipal popular, Emilio Martínez Carballeira; o concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio ambiente, Manuel Lens; e maila concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames crea la empresa pública que gestionará el agua y asume el personal de la concesionaria"
El Correo Gallego: "Nace la empresa pública que va a gestionar el ciclo del agua en Ames"
AMS GO!: "Ames pecha o mandato 2019-2023 aprobando a constitución da empresa pública de auga"
Enfoques: "El pleno aprueba la creación de la empresa pública Augas de Ames"